María Casares Pérez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
María Casares (A Coruña, 1922 - La Vergne, Charente-Maritime, Poitou-Charentes, Francia, 1996) foi unha actriz galega que triunfou no exilio en Francia, onde residía por ser filla de Casares Quiroga, que fora Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña.
Aos 14 anos, tras o levantamento militar fascista, acompañou ao seu pai ao exilio na Francia. Estudou interpretación no Conservatorio de París, no que conseguira entrar en 1941 a pesar das dificultades co idioma. O primeiro papel profesional foi en A Celestina. En outubro do 1943 representou con grande éxito a obra de Georges Neveux A viaxe de Teseo. Ao ano seguinte coñeceu a Albert Camus, con quen mantivo unha relación sentimental até a morte deste en 1960. Del protagonizou O malentendido, Estado de sitio e Os xustos e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, converténdose en musa do existencialismo francés. En 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular (TNP), compañía pública cunha forte preocupación social. Participou na creación e potencialmento do festival de teatro de Avignon. María Casares interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova, etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo, Chekhov, Ibsen e Eurípides, entre moitos outros.
En 1957 realizou unha xira co TNP por Sudamérica, durante a que foi homenaxeada polos exiliados galegos (Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Luis Seoane, Laxeiro,...) e se produciu o reencontro coa súa lingua.
No cinema iniciouse cun papel secundario nunha película de Marcel Carné, Os nenos do paraíso e pouco despois, en 1944, protagonizou As damas do Bosque de Boloña de Robert Bresson. Jean Cocteau dirixiuna en Orpheo (1950) e fíxose moi popular, se ben en España foi silenciada.
No ano de 1977 volveu a España para representar El adefesio de Rafael Alberti en Madrid e Barcelona. En 1989 acadou o premio Moliére á mellor actriz de teatro e foi nominada aos César. Recibiu do goberno francés o Premio Nacional de Teatro, e en España a Medalla ao Mérito de Belas Artes. Obtivo o premio Segismundo da Asociación de Directores de España, concedéuselle o título de filla predilecta d'A Coruña e a medalla Castelao da Xunta, que non acudiu a recoller.
No 1996, a petición da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galiza levasen o seu nome (Premios María Casares), pero a morte impediulle asistir á sua primeira edición.
Parte da súa vida é novelada por Manuel Rivas en Os libros arden mal (2006).

