Adiantado maior do reino de Galicia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2013.) |
O adiantado maior do Reino de Galicia foi un representante do rei de Castela e León no Reino de Galicia que substituíu a figura do meiriño maior do Reino de Galicia. Esta figura implantouna Afonso X o Sabio en 1263, cinco anos despois de tela experimentado na propia Castela, en León e en Murcia. As súas funcións aparecen descritas no "Espéculo"[Cómpre referencia].
Historia e características
[editar | editar a fonte]Concentraba poderes militares, podendo chamar as tropas dos condes e cabaleiros do reino. Así mesmo, "face xustiza por obra", isto é, non só executa sentenzas senón que axuíza e goberna o Reino no nome do Rei, velando polo mantemento da orde pública.
Como encarnación do monarca no Reino de Galicia tiñan dereito a "copa" e "xantar" e recadaban dereitos "pro suo iudicato". Con Sancho IV alternáronse adiantados e meiriñños, estes con menos poder. As crises políticas protagonizadas en Galicia e León polo Infante don Juan e o infante don Filipe, fixo desta figura peza clave nos conflitos de entón[Cómpre referencia]. Un dos adiantados maiores máis célebres foi Pai Gómez Chariño. Outros adiantados maiores foron: Xoán Afonso de Alburquerque, Fernán Ruíz de Castro, (sostedores das pretensións de Juán de la Cerda á coroa de Galicia, León e Sevilla consonte a repartición de 1296), Diego García de Toledo e Rodrigo Álvarez de Asturias.
As Cortes de Valladolid de 1312 impuxeron aos adiantados os alcaldes nomeados polo rei para a impartición de xustiza. Xa nas Partidas a figura teórica do adiantado carecía de funcións estritamente xurisdicionais. En 1313 as Cortes de Palencia avogaron pola volta ao sistema de meiriños. Debido á axitación social do século XV, a figura foi substituída pola do Gobernador-Capitán Xeneral do Reino de Galicia con amplos poderes, cargo no que se inspiraron nas súas atribucións os vicerreis de Indias tralo descubrimento de América.