Saltar ao contido

Teleomorfo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anamorfo»)
Diferentes tipos de ascomicetos.
Diferentes tipos de basidiomicetos.

Os termos teleomorfo, e tamén anamorfo e holomorfo, refírense a partes dos ciclos de vida dos fungos das divisións (ou filos) dos ascomicetos e dos basidiomicetos.

Conceptos

[editar | editar a fonte]

Os grupos taxonómicos dos fungos que presentan un ciclo de vida con fases reprodutivas distintas presentan pleomorfismo, isto é, unha morfoloxía distinta para cada fase do seu ciclo vital, o que en moitos casos levou a que cada forma fose descrita como un organismo diferente. Cando se demostrou que eran formas do mesmo organismo, fíxose necesario adoptar unha designación para cada unha delas que permitise identificar univocamente a fase do ciclo de vida e o grupo taxonómico ao que pertencía. Os nomes adoptados son os que se relcionan a continuación.[1][2]

Definicións

[editar | editar a fonte]
  • Teleomorfo: estadio reprodutivo sexual (morfo); tipicamente desenvolve un corpo de fructificacións.
  • Anamorfo: estadio reprodutivo asexual (morfo). Cando un fungo só produce múltiples anamorfos morfoloxicamente distintos, denomínanse sinanamorfos.
  • Holomorfo: é o fungo completo, incluíndo todas as formas anamorfas e teleomorfas.

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]
  • A voz teleromorfo está formada polos elementos do latín científico teleo- e -morfo, derivados do grego antigo τέλειος téleios, de τέλος télos, "último", e μορφή, morphḗ, "forma", respectivamente.
  • A palabra anammorfo está formada polos elementos do latín científico ana- e -morfo; ana- é un calco do pefixo do grego antigo ἀνα- ana-, derivado de ἀνά aná, "arriba", "ao longo de".
  • O termo holomorfo está formado polos elementos do latín científico holo- e -morfo; holo- deriva do grego antigo ὅλος hólos, "enteiro", "completo".

Teleomorfos, anamorfos e a denominación dos fungos

[editar | editar a fonte]

Os fungos clasifícanse primariamente sobre a base das súas estruturas asociadas coa reprodución sexual, que é a que tende a ser evolutivamente conservada. Porén, moitos fungos reprodúcense só asexualmente con éxito, non sendo fácil de situalos nunha clasificación que ten como base os caracteres sexuais; e tamén algúns producen tanto estadios asexuais como sexuais.

Estas especies difíciles de encaixar nesas clasificaciones son frecuentemente membros dos ascomicetos, pero tamén se encontran entre os basidiomicetos. E hai tamén fungos que se reproducen tanto sexual como asexualmente, e frecuentemente só se observa neles un método reprodutivo nun punto específico do tempo ou baixo condicións específicas. Adicionalmente, os fungos crecen tipicamente en colonias mixtas onde algunhas esporulan e outras non.

Por iso faise moi difícil reunir os varios estadios dunha mesma especie. Na actualidade, o "artígo 59" do Código Internacional de Nomenclatura Botánica permite ao micólogo dar nomes separados para as formas asexuais (anamorfos) e as sexuais (teleomorfos). Cando se teñen ambos os nomes específicos para os seus estadios anamorfos e teleomorfos do mesmo fungo, o holomorfo pode tomar o do teleomorfo, ou aínda pode, nalgunhas circunstancias, tomar o nome do anamorfo se subsecuentemente se asocia o seu nome cun teleomorfo.[3]

Aos fungos aos que non se lles coñece a produción dun teleomorfo historicamente se colocaban nun filo ou dovisión artificial, o dos deuteromicetos, coñecido tamén como Fungi Imperfecti (fungos imperfectos), simplemente por conveniencia.[4] Este sistema de nomeamento dual pode confundir aos inexpertos. Resulta esencial para investigadores en fitopatoloxía, taxónomos, micólogos, médicos e microbiólogos da alimentación, campos onde se encontran comunmente as formas asexuais de reprodución.

  1. "The Fungi: Taxonomy and Nomenclature". Doctor Fungus. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2014. Consultado o 28 de abril de 2020. 
  2. Heinrich Dörfelt & Gottfried Jetschke, editores (2001): Wörterbuch der Mycologie. 2ª ed. Heidelberg / Berlín: Spektrum Akademischer Verlag. ISBN 3-8274-0920-9, p. 318.
  3. "IAPT: art. 59º do Código de Melbourne". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2020. Consultado o 28 de abril de 2020. 
  4. Josep Guarro, Josep Gené & Alberto M. Stchigel (xullo de 1999). "Developments in fungal taxonomy" (Texto completo). Clinical microbiology reviews 12 (3): 454–500. ISSN 0893-8512. PMC 100249. PMID 10398676. Consultado o 28 de abril de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]