CX 1
CX-1 (Chuang Xin 1, Innovación 1) é unha familia de satélites artificiais da China adicados ás comunicacións na modalidade "gardar e enviar": o satélite recibe información dunha estación, que garda e envía a unha segunda estación cando está ao seu alcance. Foron desenvolvidos pola Academia China de Ciencias, a Academia de Tecnoloxía Espacial de Shangai e Shanghai Telecomm.[1][2]
Lanzáronse un total de catro unidades, denominadas CX 1-01, CX 1-02, CX 1-03 e CX 1-04, en 2003, 2008, 2011 e 2014 respectivamente, usando foguetes CZ-4B e CZ-2D. Trátase de pequenos satélites, de menos de 100 kg de masa, comezados a ser desenvolvidos en 1999 e que serven como demostradores para comunicacións nos campos do transporte, a protección da contorna, o transporte de petróleo e gas, o control de inundacións, a detección de lumes forestais e a monitorización de terremotos.[1][2]