Saltar ao contido

Clupeidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Clupeidae»)

A dos clupeidos (Clupeidae) é unha familia de peixes teleósteos da orde dos clupeiformes que comprende numerosas especies distribuídas por todos os mares do mundo, entre elas os arenques e as sardiñas que son dos máis importantes peixes capturados para a alimentación.[1]

Apareceron por primeira vez no rexistro fósil no eoceno inferior, durante o terciario inferior.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome da familia, Clupeidae foi establecido por Cuvier en 1817, e está formado, como todos os nomes científicos das familias de animais, sobre a base do nome do xénero tipo, neste caso Clupea, ao que se engade a desinencia do latín científico -idae. (O significado do nome da familia é "os semellantes aos Clupea").

O xénero Clupea foi establecido por Linneo,[3] quedando definiticamente consagrado na 10ª edición do seu Systema Naturae, en 1758: Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp.,[4] edición e data que marcan o inicio da taxonomía e nomenclatura zoolóxica modernas.

Linneo tomou no nome talvez de clupea, nome dun pequeno peixe de auga doce citado por Plinio, e que podería ser a zamborca, ou máis probabelmente, sexa unha adaptación de clupeus ou clipeus, -ei (masculino) ou clipeum, -ei (neutro), voces que significan "escudo", "defensa", "protección" (recordemos os clipeatus, -a, -um, os lexionarios armados de escudos), en alusión ás grandes escamas (en relación ao tamaño do animal) que cobren o corpo destes peixes.[5]

En canto ao sufixo neolatino -idae deriva do latín clásico -idae, plural de -ides, sufixo patronímico masculino derivado do grego antigo -ιδαι -idai, plural de -ιδης -ides, cos mesmos ignificados.

Características

[editar | editar a fonte]
Sardinella aurita.
Alosa sapidissima.
Sprattus sprattus.
Arenques (Clupea harengus).
Sardiñas (Sardina pilchardus).
Conserva de sardiñas en aceite.
Clupeido fósil do eoceno.

O corpo dos clupeidos é fusiforme, menos esvelto que o dos engráulidos, cos que comparten suborde, de contorno arredondado nuns casos ou fortemente comprimido noutros, e alcanza tamaños que varían entre os 2 cm nalgunhas especies e os 75 cm doutras.

Presentan unha única aleta dorsal, pequena, situada na parte central do lombo, coas aletas pelvianas emprazadas máis ou menos por debaixo da base da aleta dorsal,[6] aínda que nalgunhas especies están ausentes tanto estas como aquelas. Todas aletas teñen raios brandos, sen espiñas.

Carecen de liña lateral, porén poden percibir e identificar a dirección das ondas sonoras, e as da presión da auga, coa axuda da vexiga natatoria, que está conectada co oído medio mediante un conduto.[6]

As escamas son grandes e de tipo cicloide (é dicir, de liñas de crecemento concéntricas, e tacto suave cando se tocan), formando escudos abdominais (que dan o nome á familia); a cabeza no ten escamas. Cando teñen dentes, son pequenos ou diminutos.

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Habitan en todos os mares do mundo, pero principalmente nos mares tropicais, entre os 70º de latitude norte e os 60º de latitude sur (máis de 180 dos membros dos máis de 200 cos que conta a familia).[6] Porén, algunhas especies son duciacuícolas e outras anádromas.[7]

Adoitan vivir cerca da costa, agrupados en grandes bancos. Case todas as especies se alimentan de pequenos animais planctónicos.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A familia dos Clupeidae comprende máis de 200 especies, que se agrupan en 22 xéneros distribuídos en 5 subfamilias:[8]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

Nas nosas costas están citadas as seguintes especies:[9]

Importancia comercial

[editar | editar a fonte]

Os clupeidos representan unha das máis importantes familias de peixes de interese pesqueiro e comercial. Baste dicir que, de feito, só os arenques subministran máis dun terzo da produción pesqueira mundial (uns 20 millóns de toneladas, aínda que as capturas flutúan bastante segundo os anos).[6]

O aproveitamento é fundamentalmente para a alimentación humana, pero tamén son capturados para obter aceites ou fariñas de peixe con usos industriais.

  1. Whitehead, P. J. P. (1985): FAO species catalogue. Vol. 7. Clupeoid fishes of the world (suborder Clupeioidei). An annotated and illustrated catalogue of the herrings, sardines, pilchards, sprats, shads, anchovies and wolf-herrings. Part 1 - Chirocentridae, Clupeidae and Pristigasteridae. FAO Fish. Synop. 125 (7/1), 303 pp. Roma: FAO.
  2. Gaudant, J. (1991): "Paleontology and history of clupeoid fishes" en H. Hoestlandt (ed.): The freshwater fishes of Europe, pp. 32-44. Wiesbaden: Aula Verlag.
  3. Clupea Linnaeus, 1758 en SIIT. (en inglés)
  4. Systema Naturae (Ver en liña)
  5. En nomenclatura, Clupoea pode tomarse en masculino, feminino ou neutro. Véxase a Lista de especies do xénero en FissBase (en inglés)
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Muus, Bent. J. et al. (1998), pp. 87-94.
  7. Que viven principalmente en auga salgada pero que remontan os ríos para se reproducir.
  8. Clupleidae en SIIT. (en inglés)
  9. Solórzano et. al. (1988), pp.18-19.
  10. 10,0 10,1 "Dicionario da RAG". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 05 de agosto de 2013. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Ríos Panisse (1977), pp. 210-218.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Rodríquez Solórzano (1983), p. 62.
  13. 13,0 13,1 Lahuerta e Vázquez (200), p. 65-
  14. 14,0 14,1 Rodríguez Villanueva et al. (1995), pp. 24-25.
  15. Rodríquez Solórzano (1983), p. 61.
  16. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 164.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
  • Xunta de Galicia (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]