Saliut 6
Saliut 6 / DOS-5 | |
---|---|
Esquema da Saliut 6. | |
Tipo | Científico / tecnolóxico / tripulado |
Contratistas principais | NPO Energia |
Data de lanzamento | 29 de setembro de 1977, 6:50 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Proton K[2][5] |
Sitio de lanzamento | Cosmódromo de Baikonur, rampla 81/24[2][6] |
Obxectivo da misión | Comprobación dos sistemas e elementos da estación espacial, estudo do efecto no corpo humano de estancias prolongadas no espazo.[2][6] |
Decaemento | 29 de xullo de 1982[1] |
NSSDC ID | 1977-097A |
Masa | 19.824 kg[6] |
Saliut 6, tamén coñecida como DOS-5, foi a terceira estación espacial civil soviética lanzada con éxito. Partiu cara ao espazo o 29 de setembro de 1977 mediante un foguete Proton K desde o cosmódromo de Baikonur.[2][5][6]
Características
[editar | editar a fonte]Saliut 6 foi unha estación espacial de tipo DOS (acrónimo en ruso de Dolgovremennaya Orbitalnaya Stanziya, estación espacial duradeira) de segunda xeración, derivada das estacións militares do proxecto Almaz. Foi deseñada para estancias de longa duración a diferenza das estacións previas, para o cal contaba con dous portos de atraque, o que permitía o acoplamento dunha nave tripulada Soiuz e ao mesmo tempo a visita de naves de carga automáticas Progress ou incluso doutra nave tripulada. A súa masa no momento do lanzamento era de 19.824 kg.[2][5][6]
Saliut 6 foi a estación espacial máis visitada e de máis longa duración antes da estación espacial Mir. Recibiu a visita de 16 cosmonautas, algúns deles de países aliñados coa Unión Soviética, como Cuba ou Checoslovaquia. A estancia máis prolongada foi de 185 días. A primeira estancia de longa duración foi de 96 días, batendo o récord establecido en 1974 por unha das tripulacións da estación espacial estadounidense Skylab. Durante a vida da estación (estivo 4 anos e 10 meses en órbita) recibiu a doce naves de carga Progress que en total transportaron 20 toneladas de material entre subministracións, equipamento e propelente. Recibiu tamén a visita da nave experimental de carga Kosmos 1267, pensada inicialmente para as estacións Almaz e que demostrou que era posible acoplar automaticamente grandes módulos coa estación, paso previo á creación de estacións multimodulares como a Mir ou a Estación Espacial Internacional.[2][5][6]
A estación tivo en total seis tripulacións residentes:[2][5][6]
- Soiuz 26: Yuri Romanenko e Georgi Grechko foron os primeiros en visitar a Saliut 6, o 10 de decembro de 1977. Permaneceron a bordo durante 96 días.
- Soiuz 29: o 15 de xuño de 1978 Vladimir Kovalyonok e Alexander Ivanchenkov chegaron para pasar 140 días a bordo.
- Soiuz 32: Vladimir Lyakhov e Valeri Ryumin chegaron o 25 de febreiro de 1979 para pasar 175 días a bordo.
- Soiuz 35: o 9 de abril de 1980 chegaron Leonid Popov e Valeri Ryumin para pasar 185 na estación.
- Soiuz T3: Leonid Kizim, Oleg Makarov e Gennadiy Strekhalov chegaron o 27 de novembro de 1980 para unha misión de reparación que durou un total de 12 días.
- Soiuz T4: a última tripulación en visitar a estación estivo composta por Vladimir Kovalyonok e Viktor Savinyikh, que pasaron 75 días no seu interior.
Ademais das tripulacións residentes, a estación recibiu a visita de 10 misións de curta duración.[2][5][6]
Saliut 6 acabou reentrando na atmosfera o 29 de xullo de 1982[2][5][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 N2YO (2017). Real Time Satellite Tracking, ed. "SALYUT 6" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2017.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (9 de marzo de 2017). "Salyut 6" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2017.
- ↑ "Note verbale dated 1 November 1977 from the Permanent Mission of the Union of Soviet Socialist Republics to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (77-23961): 2. 22 de novembro de 1977. Consultado o 21 de marzo de 2017.
- ↑ Claude Lafleur (2010). "Salyut 6" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2017.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Gunter Dirk Krebs (2017). Gunter's Space Page, ed. "Salyut 6, 7 / DOS 5, 6" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2017.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2017). "Salyut 6" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Saliut 6 |