Saltar ao contido

Terminación nerviosa de Merkel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Disco de Merkel»)

As terminacións nerviosas de Merkel ou discos de Merkel son mecanorreceptores que se encontran na pel e mucosa dos vertebrados e proporcionan información táctil ao cerebro. Dita información ten que ver coa presión e a textura. Cada terminación consta dunha célula de Merkel situada moi próxima a unha terminación nerviosa alargada. As ramificacións dunha única fibra dun nervio aferente poden innervar ata 90 terminacións deste tipo. Clasifícanse como mecanorreceptores de adaptación lenta de tipo I.

Estas terminacións reciben o seu nome en honor ao anatomista e histopatólogo alemán Friederich Sigmund Merkel (1845-1919).

Localización

[editar | editar a fonte]

As terminacións nerviosas de Merkel teñen unha ampla distribución en mamíferos. Poden encontrarse na lámina basal da pel con ou sen pelo, nos folículos pilosos e na mucosa oral e anal. Nos humanos, as células de Merkel (xunto cos corpúsculos de Meissner) aparecen nas capas de pel superficiais, e están agrupadas debaixo das cristas das engurras que forman as pegadas dactilares da xema dos dedos. Na pel con pelo, as terminacións nerviosas de Merkel agrúpanse en estruturas epiteliais especializadas denominadas "domos de Iggo" [1], "cúpulas táctiles" ou "discos do pelo". Outros tipos de mecanorreceptores, como os corpúsculos de Pacini ou os corpúsculos de Ruffini encóntranse principalmente no tecido subcutáneo. Os receptores de Merkel tamén se localizan nas glándulas mamarias. Alá onde se encontren, o epitelio organízase para optimizar a transferencia de presión á terminación nerviosa.

Funcións

[editar | editar a fonte]

A súa estrutura semirríxida e o feito de estaren encapsuladas fai que teñan unha resposta sostida (en forma de potenciais de acción ou picos) á desviación mecánica do tecido. Son os máis sensibles dos catro tipos principais de mecanorreceptores ás vibracións de baixa frecuencia, entre os 5 e os 15 Hz.

Debido á súa resposta sostida á presión, as terminacións nerviosas de Merkel clasifícanse como de adaptación lenta, a diferenza dos corpúsculos de Pacini (receptores de adaptación rápida que responden só ao inicio e final da desviación mecánica, e ás vibracións de alta frecuencia).

Nos mamíferos os rexistros eléctricos dunha única fibra nerviosa aferente mostran que as respostas das terminacións nerviosas de Merkel se caracterizan por unha potente resposta ao inicio dun estímulo mecánico desigual (dinámico), e logo continúan disparando impulsos durante a fase de meseta (estática). Os disparos durante a fase estática poden continuar durante máis de 30 minutos. Os intervalos entre picos durante os disparos sostidos son irregulares, a diferenza do patrón moi regular dos intervalos entre picos obtidos dos mecanorreceptores de adaptación lenta de tipo II.

Disparan máis rápido cando tocan a pel pequenos puntos e disparan máis a modo cando tocan a pel obxectos con curvas suaves ou superficies planas.[2]

As terminacións nerviosas de Merkel son extraordinariamente sensibles ao desprazamento de tecidos, e poden responder ante desprazamentos de menos de 1 μm. As fibras aferentes de tipo I teñen campos receptivos máis pequenos ca as de tipo II. Diversos estudos indican que as fibras de tipo I median na discriminación táctil de alta resolución, e que son responsables da habilidade da punta dos dedos de sentir patróns de superficies detalladas finas (por exemplo, cando os cegos len braille).

Campos receptivos

[editar | editar a fonte]

O campo receptivo dun mecanorreceptor é a área dentro da cal un estímulo pode excitar a célula. Se a pel se toca en dous puntos separados pero dentro do mesmo campo receptivo, a persoa non poderá sentir os dous puntos por separado. Se os dous puntos se encontran alén dun único campo receptivo, ambos os dous poderán percibirse. O tamaño dos campos receptivos dos mecanorreceptores nunha área determina o grao en que se poden resolver os estímulos detallados: canto máis pequenos e densamente agrupados estean os campos receptivos, maior será a resolución. Por esta razón, as terminacións nerviosas de Merkel e os corpúsculos de Meissner están máis densamente agrupados nas sensibles xemas dos dedos, e están menos densamente agrupados nas palmas das mans. Os discos de Merkel teñen campos receptivos pequenos, o que lles permite detectar pequenas separacións espaciais entre dous puntos nos que se toca a pel.

  1. A. C. Guyton. Tratado de Fisiología Médica. Interamericana. 6ª edición. Páxinas 713-714.
  2. Kandel E.R., Schwartz, J.H., Jessell, T.M. (2000). Principles of Neural Science, 4th ed., pp.433. McGraw-Hill, New York.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • MeshName - Merkel+cells [1]