Saltar ao contido

Ebanistaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ebanistería»)
Taller de ebanistaría alemá (1568)

A ebanistaría ou ebanistería é unha especialización da carpintaría dirixida á construción de mobles máis elaborados, xerando novas técnicas e complementándoas con outras para a fabricación dalgunhas pezas, como a marquetaría, a talla, o torneado e a intarsia, entre outras técnicas.

A ebanistaría busca desenvolver mobles de mellor calidade e deseño, require unha gran práctica nos talleres para a parte executiva, e coñecementos de xeometría para o trazado das formas.

O termo "ebanista" apareceu en Francia no século XVII, onde o ébénista era diferenciado do menuisier ou carpinteiro. Do mesmo xeito que o carpinteiro traballaba pezas talladas en madeira común, o ebanista dedicábase a mobles chapados, os primeiros deles feitos en madeira de ébano. O termo cítase por primeira vez en documentos oficiais en 1657.[1]

O termo provén da madeira de ébano, considerada preciosa dende a antigüidade, procedente dunha anxiosperma dicotiledónea de orixe africana ( Diospyros ebenum ), que produce unha madeira dura e pesada, negra no centro e branca na casca.

Antes da chegada do deseño industrial, os ebanistas eran os responsables da concepción e da produción de calquera moble. Na última metade do século XVIII, ebanistas, como Thomas Sheraton, Thomas Chippendale, Shaver e Wormley Brothers Cabinet Constructors e George Hepplewhite, tamén publicaron libros de formas de mobles. Estes libros eran compendios dos seus deseños e doutros ebanistas. O ebanista máis famoso antes da chegada do deseño industrial é probablemente André-Charles Boulle (1642-1732).[2]

Coa revolución industrial e a aplicación da máquina de vapor de Watt ás ferramentas de ebanistaría, as técnicas de produción en cadea foron aplicadas gradualmente a case todos os aspectos da ebanistaría. Paralelamente a esta evolución produciuse unha crecente demanda, por parte da crecente clase media, de mobles finamente elaborados. Isto finalmente aumentou o número total de ebanistas tradicionais.

Antes de 1650, os mobles de luxo eran unha rareza na Europa Occidental e América do Norte. En xeral, a xente non os necesitaba e a grande maioría non os podían pagar. Fixéronse con pezas sinxelas pero útiles.

O movemento Arts & Crafts que comezou no Reino Unido a mediados do século XIX impulsou un mercado para a ebanistaría tradicional e outros produtos artesanais. Estendeuse rapidamente aos Estados Unidos e a todos os países do Imperio Británico. Este movemento exemplificou a reacción ao historicismo ecléctico da época vitoriana e á produción "sen alma" feita a máquina que comezaba a xeneralizarse. Durante este tempo, dicíase que a ebanistaría era unha das habilidades máis nobres e admirables de case unha cuarta parte da poboación do Reino Unido, e o 31% dos que crían isto esforzouse para que os seus fillos aprenderan esta arte.

  1. Fleming, John (1987). Diccionario de las artes decorativas. Alianza. ISBN 84-206-5222-9. 
  2. Penderel-Brodhurst, James (1911). "Boulle, André Charles". Encyclopædia Britannica 4: 321–323.