Mal de Crohn
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O mal de Crohn é unha enfermidade crónica que produce a inflamación do intestino. A súa causa é aínda hoxe descoñecida para a Medicina. A doenza provoca a inflamación da parede intestinal en todo o seu grosor. Pode ocorrer en todo o tracto gastrointestinal dende a boca ata o ano aínda que é máis habitual no final do intestino delgado e no intestino groso.
As causas do mal de Crohn son descoñecidas aínda que parecen relacionadas cos hábitos alimentarios e cunha disfunción inmunitaria (aparentemente ligada ó xene IBD5 do quinto cromosoma e máis o décimo sexto cromosoma). Algúns investigadores sosteñen actualmente que a expansión desta doenza está relacionada co emprego masivo de refrixeradores e neveiras. Segundo esta hipótese, certos individuos, predispostos xeneticamente, veríanse afectados pola proliferación de bacterias capaces de espallarse a temperaturas baixas e contaminar os alimentos conservados en refrixeración.
É unha enfermidade cunha incidencia baixa, aínda que cada vez máis frecuente nos países industrializados. Afecta por igual a homes e mulleres. Sorprendentemente, acada unha incidencia maior entre individuos de raza xudía. As persoas con familiares afectados por colite ulcerosa. A doenza maniféstase antes dos 30 anos aínda que adoita aparecer xa entre os 14 e os 24 anos.
Malia que se coñecen ataques agudos do mal de Crohn, normalmente a enfermidade preséntase de forma crónica, alternando, de xeito curiosamente regular, momentos en que se manifesta con períodos de boa saúde. Tampouco se sabe o por que deste ciclo e as causas que gobernan a reaparición da enfermidade. Adoita complicarse con obstrucións intestinais, fístulas e abscesos de pus. Tamén son habituais as hemorraxias rectais e o risco de desenvolver, co tempo, cancro de colon.
Xa que logo, non existe tratamento para a enfermidade de Crohn. As terapias son soamente paliativas dos síntomas. As obstrucións intestinais e os abscesos graves requiren cirurxía, pero tampouco estas intervencións curan a doenza.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2012.) |