Saltar ao contido

Bispo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Episcopado»)
San Pedro consagrando a Hermágoras pola imposición das mans en presenza do evanxelista Marcos. Basílica patriarcal de Aquilea, Italia.

Un bispo (do grego do Novo Testamento ἐπίσκοπος, epískopos, "supervisor", "gardián") é un membro do clero cristián que ostenta unha posición de autoridade. Dentro das igrexas católica, ortodoxa, anglicana e veterocatólica, así como na Igrexa Asiria Oriental, os bispos pretenden ter sucesión apostólica, é dicir, unha liña directa descendente dos Doce Apóstolos. Dentro destas igrexas, os bispos son aqueles que recibiron o sacerdocio no seu máximo grao, é dicir, o episcopado, e quen poden ordenar sacerdotes e bispos. Algunhas igrexas protestantes e metodistas teñen bispos con funcións similares, aínda que non considéranse herdeiros dos Apóstolos.

O termo epískopos non estaba nos comezos do cristianismo claramente diferenciado do termo presbýteros ("ancián", hoxe en día co significado de sacerdote), pero o termo xa era empregado no seu sentido actual, distinto de sacerdote, nos escritos de Ignacio de Antioquía (finado arredor de 108), e as fontes de mediados do século II xa amosan como todos os centros do cristianismo organizábanse arredor da figura do bispo, empregando unha forma de organización que non variou até a reforma protestante.

Igrexa católica, Igrexas ortodoxas e Igrexas anglicanas

[editar | editar a fonte]
Unha mitra, empregada como símbolo do ministerio episcopal nas igrexas cristiás occidentais.
Forma básica do escudo heráldico dun bispo da Igrexa católica.

Os bispos encárganse da dirección da igrexa na Igrexa católica, na Igrexa Ortodoxa, nas igrexas ortodoxas orientais, na Comuñón Anglicana, nas igrexas luteranas e noutras denominacións cristiás de raíz católica ou anglicana.

A función tradicional dos bispos é a de pastor dunha diocese (tamén chamada bispado, eparquía ou sede episcopal), e de servir polo tanto como bispo diocesano (ou eparca, no caso das igrexas orientais). As dioceses varían considerablemente en tamaño e poboación. Ademais dos bispos diocesanos, moitas igrexas teñen unha estrutura de liderado, con diferentes graos de autoridade e responsabilidade.

  • Patriarca: Os patriarcas son bispos que dirixen algunhas dioceses con moitos anos de existencia ou determinadas igrexas autocéfalas ou particulares. Logo do Primeiro Concilio Ecuménico de Nicea, a estrutura da igrexa foi modelada seguindo as divisións administrativas do Imperio Romano nas que un bispo dunha metrópole chegou a ser o líder eclesiástico dunha capotal dunha provincia. Os bispos das dioceses maiores comezaron a ser chamados "exarcas". Nalgúns casos, un bispo pasou a presidir varias dioceses, como por exemplo as de Roma Antioquía ou Alexandría. No Cuarto Concilio Ecuménico de Calcedonia en 451, déuselle a Constantinopla xurisdición sobre tres dioceses por ser a residencia do emperador. Adicionalmente, Xerusalén foi recoñecida neste concilio como unha das sedes principais. En 692 foron ordenadas ditas sedes en orde de preeminencia como Roma, Constantinopla, Alexandría, Antioquía e Xerusalén. Na Igrexa católica, os patriarcas ás veces son chamados Catholicos; o Patriarca da Igrexa Ortodoxa de Alexandría é chamado Papa. Mentres que nas Igrexas católicas orientais a maioría dos patriarcas manteñen xurisdición sobre algunha igrexa particular, os títulos dos patriarcas da Igrexa Latina, agás o do Papa (Patriarca de Occidente), son tan só honorarios. En 2006 o Papa Bieito XVI deixou de empregar o título de Patriarca de Occidente. O primeiro rexistro deste título é polo papa Teodoro I en 620; porén, en documentos máis antigos da igrexa (como nos do Primeiro Concilio de Nicea) xa aparece o Papa de Roma listado xunto aos outros patriarcas (referidos colectivamente como "Pentarquía"). Posteriormente, as cabezas de varias igrexas nacionais convertéronse en patriarcas, pero dun nivel inferior aos da Pentarquía.
Mitra empregada por bispos orientais, cunha icona de Cristo, da Theotokos (María, Nai de Deus) e Xoán o Bautista.
Arcebispo William Temple.
  • Bispo sufragáneo: Un bispo sufragáneo é un bispo subordinado a un Metropolitano. Na Igrexa católica este termo é empregado para todos os bispos non metropolitanos (é dicir, todos aqueles de dioceses dunha provincia dun metropolitano, e aos bispos auxiliares). Na Comuñón Anglicana o termo emprégase para un bispo que axuda a tempo completo a un bispo diocesano: o bispo de Warwick, por exemplo, é sufragáneo do de Coventry, aínda que os dous viven en Coventry. Algúns deles reciben responsabilidade dunha área dentro da diocese (por exemplo, o bispo de Stepney atende dita área dentro da diocese de Londres.
  • Bispo titular: é un bispo sen diocese. É cabeza dunha sede titular, normalmente unha antiga cidade que tiña bispo, pero que por unha razón ou outra xa non ten. A miúdo, os bispos titulares exercen de bispos auxiliares. No Patriarcado Ecuménico de Constantinopla os bispos de dioceses modernas reciben a miúdo unha sede titular xunto coa diocese moderna (por exemplo, o arcebispo de Thyateira e Gran Bretaña).
  • Bispo auxiliar: é un bispo que asiste e axuda a un bispo diocesano (equivalente ortodoxo e católico do bispo sufragáneo anglicano). Un bispo auxiliar é un bispo titular, e é nomeado vigairo xeral ou vigairo episcopal da diocese na que serve.[1]
  • Bispo coadxutor: é un bispo auxiliar que ten a mesma autoridade que o bispo diocesano da súa diocese, e o dereito de suceder a dito bispo.
  • Bispo emérito é o título que se lles da aos bispos retirados nunha diocese. Nalgunhas denominacións cristiás teñen certas tarefas pastorais, sempre baixo a autoridade do bispo diocesano. Na Igrexa católica isto non sucede.
  • Cardeal: na Igrexa católica, os cardeais son membros do clero nomeados polo Papa para formar parte do Colexio Cardenalicio, corpo encargado de elixir o Papa, aínda que a partir dos 80 anos os cardeais perden os dereitos de elección. Os cardeais tamén serven como conselleiros do Papa e teñen postos de autoridade dentro da Igrexa. Segundo o dereito canónico vixente, un home nomeado cardeal debe aceptar a súa ordenación como bispo se non o é, aínda que a maioría dos cardeais xa son bispos cando son nomeados, e a maioría deles son arcebispos de arquidioceses importantes ou patriarcas. Nos últimos tempos, os papas nomearon a algúns sacerdotes, moitos deles teólogos, como cardeais, sen que recibisen a ordenación episcopal. Porén, como eran de máis de 80 anos, non podían participar no conclave papal.
Bispo administrando o sacramento da Confirmación., por Rogier van der Weyden.

Na Igrexa católica, na Igrexa Ortodoxa e na Comuñón Anglicana, só os bispos poden ordenar bispos, sacerdotes e diáconos.

Na tradición litúrxica oriental, un sacerdote só pode celebrar a Divina Liturxia coa bendición dun bispo. Na tradición bizantina, colócase un antimension asinado polo bispo no altar como lembranza de que dito altar está baixo a súa autoridade. Na tradición da Igrexa Siríaca colócase un bloque consagrado de madeira chamado thabilitho polas mesmas razóns.

O Papa, ademais de ser o bispo da diocese de Roma e xefe espiritual da Igrexa católica, é tamén o Patriarca da Igrexa Latina. Todos os bispos deste rito responden directamente ante el, e non ante outros bispos, agás ante un metropolitano nalgún caso. Anteriormente, o Papa empregaba o título de Patriarca de Occidente, pero este título foi abandonado en 2006[2], o que causou preocupación na Comuñón Ortodoxa por implicar, para eles, unha xurisdición papal máis ampla.

Nas catedrais destas igrexas existe unha cadeira (cátedra) especial para uso exclusivo do bispo da diocese, polo común chamada "trono". Nalgunhas denominacións cristiás, como na Comuñón Anglicana, as igrexas parroquiais tamén teñen unha cadeira reservada para o bispo no caso de visita, como forma de simbolizar a unión da parroquia co bispo.

O bispo é o ministro ordinario do sacramento de confirmación na Igrexa católica latina, e na Comuñón Anglicana e nas igrexas veterocatólicas tan só un bispo pode administrar este sacramento. Porén, nos ritos orientais, a crismación realízase e seguido ao bautismo, e polo tanto o sacerdote é quen confirma, empregando un crisma bendicido polo bispo.

  1. "Canon 406". Código de Dereito Canónico. 1983. Consultado o 2009-06-15. 
  2. "1 de marzo de 2006". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2013. Consultado o 13 de abril de 2013.