Escola de Tradutores de Toledo
A denominación Escola de tradutores de Toledo emprégase para designar na historiografía, desde o século XIX, os distintos procesos de traslación e interpretación de textos clásicos greco-latinos alexandrinos, que foran vertidos ao árabe ou ao hebreo, á lingua latina, servíndose do romance castelán como lingua intermedia.
A conquista en 1085 de Toledo e a tolerancia que os reis casteláns cristiáns ditaron con mahometanos e xudeus facilitaron este comercio cultural que permitiu o renacemento filosófico, teolóxico e científico, primeiro, de España, e logo de todo o occidente cristián.
Historia e características
[editar | editar a fonte]A partir de 1085, ano en que Afonso VI conquistou Toledo, a cidade constituíuse nun importante centro de intercambio cultural. O arcebispo Raimundo Ximénez de Rada quixo aproveitar a conxuntura que facía convivir en harmonía a cristiáns, musulmáns e xudeus auspiciando diferentes proxectos de tradución cultural demandados en realidade por todas as cortes da Europa cristiá.
Por outra parte, coa fundación dos studii de Palencia e de Salamanca por Afonso VIII e Afonso IX, respectivamente, propiciárase xa unha relativa autonomía dos mestres e escolares respecto ás scholae catedralicias e, en consecuencia, foi establecéndose unha mínima diferenciación profana de coñecementos de tipo preuniversitario, que xa en tempo de Fernando III vai acercándose á Corte e espera a protección e apoio decidido dun monarca para se consolidar por enteiro.
Raimundo de Sauvetat, coñecido como Raimundo de Toledo, arcebispo desta ciade entre 1126 e 1152, foi o que lle deu o máis importante impulso á Escola, onde un grupo de traballo que incluía a mozárabes, xudeus e profesores da madrasa toledana e a novos pensadores, fundamentalmente monxes cluniacienses se encargaba do estudo dos libros e a súa tradución. Raimundo mandou reconstruír o palacio episcopal fronte á antiga mesquita maior, convertida na Catedral de Santa María, á que deu o seu primeiro estatuto, e deixou unha parte do edificio para a Escola.
A riqueza das bibliotecas toledanas en libros árabes e o coñecemento desta lingua por parte dos cristiáns mozárabes impulsárono a recuperar textos perdidos da Antigüidade clásica e a fomentar a transmisión dos importantes avances da Escola Toledana en medicina, álxebra e astronomía; este empeño cristalizou na tradución de numerosas obras do árabe ao castelán, e do castelán ao latín (ou directamente do árabe ou do grego ao latín) e, pouco a pouco, deu a coñecer tamén a importante filosofía árabe e hebrea de orientación aristotélica, o que supuxo unha renovación radical da escolástica europea.
No século XII a Escola de tradutores de Toledo verteu principalmente textos filosóficos e teolóxicos (Domingo Gundisalvo interpretaba e escribía en latín os comentario de Aristóteles que o xudeu converso Xoán Hispano lle traducía ao castelán, no que se entendían).
Na primeira metade do século XIII esta actividade mantívose. Por exemplo, reinando Fernando III, rei de Castela e de León, compúxose o Libro dos Doce Sabios (1237), resumo de sabedoría política e moral clásica pasada por mans orientais. Na segunda metade do século XIII o Sabio rei-emperador Afonso X (rei de Castela e de León, en cuxa corte se compuxo a primeira Crónica Xeral de España) institucionalizou en certa maneira en Toledo esta Escola de tradutores, centrada sobre todo en verter textos astronómicos e médicos.
Por iso é grave anacronismo atribuír só a Escola de tradutores de Toledo ao período afonsí. Como se explicaría a posibilidade dun San Tomé de Aquino (1225-1274) sen o labor realizado polos tradutores españois do século XII? Tamén se incorre en confusión ao querer equiparar traducións realizadas noutros lugares ao núcleo vertebrador triunfante que representa Toledo. Sería ridículo supor que toda a traslación do legado clásico alexandrino pasara por mans toledás, pois mecanismos similares producíronse noutros sitios, mais disolver o significado e a importancia da tarefa realizada en Toledo só pode entenderse desde unha vontade anacrónica de exaltar certas independencias culturais de moita menor influencia, e en todo caso incomparábeis ao curso triunfante que callou en Toledo, momento importante da consolidación e expansión definitiva da lingua castelá.
Afonso X o Sabio impulsou o centro tradutor que existía en Toledo desde a época de Raimundo Ximénez de Rada, que se especializara en obras de astronomía e de leis. Por outra parte, fundou en Sevilla uns Studii ou Escolas xerais de latín e de arábigo que naceron xa cunha vinculación claramente cortesá. Igualmente, fundou en 1269 a Escola de Murcia, dirixida polo matemático Al-Ricotí.
É así, pois, que non cabe falar dunha Escola de tradutores propiamente dita, e nin sequera exclusivamente en Toledo, senón de varias e en distintos lugares. A tarefa de todas estas escolas foi continua e nutrida polos proxectos de iniciativa rexia que as mantiveron activas polo menos entre 1250 e a morte do monarca en 1284, aínda que a actividade de tradución non se cinxira exclusivamente a esa paréntese.
Algúns tradutores coñecidos
[editar | editar a fonte]Coñecemos algúns nomes de tradutores: o segoviano Domingo Gundisalvo, que traducía ao latín desde a versión en lingua vulgar do xudeu converso sevillano Xoán Hispano ou Xoán Hispalense (Juan Hispano ou Juan Hispalense), por exemplo. Grazas ás súas traducións de obras de astronomía e astroloxía e doutros opúsculos de Avicena, Algazel, Avicebrón e outros, chegaron a Toledo desde toda Europa sabios desexosos de aprender in situ deses marabillosos libros árabes. Estes empregaban xeralmente como intérprete algún mozárabe ou xudeu que vertía en lingua vulgar ou en latín bárbaro as obras de Avicena ou Averroes. Entre os ingleses que estiveron en Toledo cítanse os nomes de Roberto de Retines, Adelardo de Bath, Alfredo e Daniel de Morlay e Miguel Scoto, a quen serviu de intérprete Andrés o xudeu; italiano foi Xerardo de Cremona, e alemáns Hermann o Dálmata e Hermann o Alemán. Grazas a este grupo de autores, os coñecementos árabes e algo da sabedoría grega a través destes penetrou no corazón das universidades estranxeiras de Europa. Como froito secundario desa tarefa, a lingua castelá incorporou un numeroso léxico científico e técnico, frecuentemente arabismos, civilizouse, axilizou a súa sintaxe e fíxose apta para a expresión do pensamento, chegando á norma do chamado "castellano drecho" afonsí.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernando Gómez Redondo, Historia de la prosa medieval castellana. Madrid, Cátedra, 1998, 2 vols.
- Ángel González Palencia, Don Raimundo y los traductores de Toledo, Madrid, 1942.