Escudo de Ferrol

O escudo da cidade de Ferrol foi aprobado o 22 de xuño de 1778 por unha sesión municipal do seu concello. O alcalde, Pedro Bayón, declarou que o escudo heráldico de armas consistía nunha torre con farol, canón e áncora a cada lado.[1] Este deseño foi modificado co tempo e ten variantes que se poden ver por toda a cidade.[2] Nin o escudo de Ferrol nin a bandeira están aprobados pola Xunta de Galicia nin foron publicados no DOG. O concello de Ferrol emprega como deseño nas súas comunicacións un logo estilizado con coroa, castelo con farol, bandeiras e canóns.
Descrición do escudo
[editar | editar a fonte]O elemento central do escudo de Ferrol é unha torre que posúe un torreón de pequeno tamaño na súa parte superior. Con frecuencia a torre aparece representada de cor branca (blasonado de prata) aínda que nalgunhas ocasións é de cor amarela ou dourada (de ouro). A porta e as xanelas da torre posúen unha cor (esmalte heráldico) diferente, xa que son vermellas (de goles) e sobre a torre (sumada) aparece representada unha pértega cun farol. A torre aparece representada sobre unhas rochas (terrazada de rochas) que se atopan situadas sobre ondas (faixado-ondulado) azuis (de azur) e brancas.
Detrás da torre aparecen colocadas catro bandeiras, situadas dúas a cada lado. Dúas das bandeiras son da cidade de Ferrol, formadas por cadros de cor branca e azul e as outras dúas son españolas. Xunto ás bandeiras hai dous canóns e, apoiadas na torre, dúas áncoras.
Aínda que no timbre do escudo estendeuse o uso dunha coroa de marqués (en ocasións substituída por unha ducal), algúns autores sinalaron que sería máis axeitado substituíla por unha coroa real pechada porque a cidade dependía da Coroa cando se adoptaron as súas armas.
Nalgunhas ocasións, os elementos do escudo aparecen rodeados por unha coroa formada por pólas de loureiro.
Dende 1987, o concello utiliza un logotipo no que pode observarse unha versión esquemática do escudo ferrolán no que se utiliza como coroa un festón con seis puntas, catro á vista.
Malia que non coñecerse o significado que se lle deu aos elementos do escudo no momento da súa creación, o máis probable é que representasen a importancia militar e naval desta cidade.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aracil, Carlos de; Burgoa, Juan J. Ferrol. La Historia y los símbolos de la ciudad ilustrada. Consultado o 18 de setembro de 2015.