Saltar ao contido

Grupo irmán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Especie irmá»)

Grupo irmán (en inglés sister group) é un termo utilizado na sistemática cladística. En filoxenética dous taxons que forman xuntos un taxon monofilético dise que son, un con respecto ao outro, un grupo irmán.

Por exemplo, nesta clasificación dos Hominoidea, o grupo dos Panini (chimpancés) e o dos Hominini (humanos) son dous grupos irmáns e xuntos forman o taxon dos Homininae.

Superfamília dos hominoideos.

O termo grupo irmán refírese aos grupos relacionados máis estreitamente nunha árbore filoxenética.[1] A expresión grupo irmán queda máis facilmente ilustrada por un cladograma:

A

B

C

O grupo irmán de A é B e o de B é A. Estes dous grupos en conxunto con todos os seus descendentes que proceden dun último antepasado común, constitúen un clado; o grupo irmán dese clado conxunto é C (pero C non é irmán de A ou de B, senón do clado de A e B en conxunto). A totalidade deste cladograma enraizaríase nunha árbore máis grande, no que se poderían atopar máis grupos irmáns nas diferentes ordes de ramificación. Nos estándares cladísticos A, B e C poden aquí representar especies ou taxons. En caso de que representen especies pode usarse o termo especie irmá (ou igual para outro taxon que se tratase). Tamén se usan taxon irmán ou clado irmán. Pode haber tres grupos irmáns ou máis, a condición de que entre eles haxa un mesmo grao de parentesco.

Malia o dito anteriormente, o termo grupo irmán ten moitas veces un uso relativo. O termo grupo irmán sempre se utiliza en relación ás análises filoxenéticas, e só se aplica aos grupos estudados nunha análise determinada. Un exemplo moi citado é que se comparamos as aves e os crocodilos, as aves serían un grupo irmán actual dos crocodilos.[2][3] Isto só é certo se tratamos só con taxons existentes actualmente. As aves son unha ramificación da liñaxe dos dinosauros, e para chegarmos aos crocodilos teriamos que baixar pola árbore filoxenética e iriamos atopando varias ramificacións ata chegarmos ao antepasado común que teñen cos crocodilos, pero se comparamos "só" a aves e crocodilos, serían grupos irmáns.[4] Por tanto, o termo grupo irmán debe verse como un termo relativo, sempre tendo presente que o grupo irmán é o máis estreitamente relacionado soamente de entre os grupos/especies/espécimes incluídos na análise.[5]

  1. Eernisse, D.J. "Introduction to Phylogeny: What is a Sister Taxon?". Biology 404 - Evolution. Department of Biological Science, Universidade Estatal de California, Fullerton. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2018. Consultado o 4 January 2012. 
  2. Padian, Kevin; Lindberg, David R., Polly, Paul David (1 May 1994). "Cladistics and the Fossil Record: The Uses of History". Annual Review of Earth and Planetary Sciences 22 (1): 63–89. doi:10.1146/annurev.ea.22.050194.000431. 
  3. Kemp, T.S. (1 January 1988 2008). "Haemothermia or Archosauria? The interrelationships of mammals, birds and crocodiles". Zoological Journal of the Linnean Society 92 (1): 67–104. doi:10.1111/j.1096-3642.1988.tb01527.x. 
  4. Hughes, J.M. "Ancient bird-crocdilian ancestor uncovered". AVES VITAE - The lives of birds. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2012. Consultado o 4 January 2012. 
  5. Podani, J. (2010). "Taxonomy in Evolutionary Perspective - An essay on the relationships between taxonomy and evolutionary theory". Synbiologia Hungarica 5: 1–42.