Saltar ao contido

Espermatófita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fanerógama»)
Espermatófitas / Espermatófitos
(Spermatophyta)

Rango fósil: Devoniano - actualidade

Ilustración do carballo (Quercus robur)
Clasificación científica
Reino: Plantae
Divisións

As espermatófitas [1] ou, como din outros, respectando as normas de adaptación de cultismos de orixe grecolatina, os espermatófitos [2] (Spermatophyta) é un taxon, con categoría de superdivisión, que inclúe as plantas que producen flores e, por tanto, sementes.

O nome científico provén do grego σπέρμα spérma, "semente") e φυτόν phytón, "planta", é dicir, "as plantas con semente". A circunscrición do grupo (é dicir, os taxons dos que se compoñe) coincide exactamente coa do antigo taxon ao que Linné deu o nome de fanerógamas que, por tanto é un sinónimo deste grupo.

A causa que nas espermatófitas o gran de pole produce un tubo polínico para chegar ao óvulo e facer posíbel a fecundación, o grupo tamén se chamou embriofitinas sifonógamas (do grego έμβρυον émbryon, "embrión"; φυτόν phytón, "planta"; σίφων sífon, "tubo" e γάμος gámos, "unión sexual"; literalmente, "plantas con embrión nas que a unión sexual ocorre nun tubo"). Tamén recibiron o nome de antófitos, que significa plantas con flores.

Ás veces, na literatura científica refírese xenericamente a este grupo como embriofitinas, deixando fóra as embriofitinas asifonógamas, que se reproducen por esporas, como os musgos e os fieitos e afíns.

Hoxe en día as espermatófitas son, con moita diferenza, a liñaxe máis extensa de plantas vasculares, cunhas 270.000 especies viventes.[3] Un só subclado é o responsábel desta diversidade: as anxiospermas (as plantas con sementes encerradas en froitos). Outros subclados, normalmente agrupados como ximnospermas, son os das Pinophyta, Cycadophyta, Ginkgophyta e Gnetophyta, todas elas con plantas que producen sementes espidas.

Características

[editar | editar a fonte]

Son plantas co corpo diferenciado en raíz, talo e follas, cun sistema vascular composto por xilema e floema e cunha alternancia de xeracións especial:

As espermatófitas forman parte do clado das embriófitas, tamén chamadas "plantas terrestres" (ao cal pertencen os fieitos e os musgos) por teren desenvolvido características que lles permiten vivir fóra da auga, aínda que secundariamente moitas plantas deste grupo sexan actualmente acuáticas. Dentro deste grupo, as espermatófitas pertencen ao clado das traqueófitas, ou sexa, as "plantas vasculares" (ao cal pertencen os fieitos, mais non os musgos).

As espermatófitas son tradicionalmente divididas en:

  • ximnospermas - as plantas con "sementes espidas" ou sen flores verdadeiras, como os piñeiros (preto de 700 especies coñecidas); e
  • anxiospermas - as plantas que producen flor, hoxe chamadas magnoliófitas (mais de 200.000 especies).

Esta división, baseada só na presenza dun carácter era obviamente artificial e, de feito, estudos recentes demostraron que as anxiospermas probablemente tiveron un antepasado pertencente ao grupo das "ximnospermas", o que o torna parafilético.

A clasificación científica actualmente aceptada, divide as espermatófitas (ás veces consideradas a "superdivisión" Spermatophyta en divisións separadas:

Alén dos taxons citados enriba, o rexistro fósil contén evidencias de varios grupos actualmente extintos de plantas con sementes. Pteridospermae, por exemplo, foi un dos primeiros grupos ben sucedidos de plantas terrestres. Glossopteris foi o máis predominante xénero dese grupo de árbores no antigo super-continente meridional de Gondwana. Durante o Triásico, os fieitos con sementes foron declinando en importancia até o Cretáceo, cando as plantas con flores e froitos, as Angiospermae, tornáronse predominantes no rexistro fósil.


  1. espermatófitas Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.]
  2. Usualmente a RAG sanciona os termos científicos compostos nos que o segundo compoñente é -phyta, plural neutro do latín científico -phytum, derivado do grego φυτόν phytón, "vexetal", "planta", a pesar de que os termos neutros do latín científico galeguízanse como masculinos, por exemplo, briótitas Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine., pteridófitas Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine., ou espermatófitas Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine., pero non sempore o fai así, como podemos ver en antófito Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine., co agravante de que considera espermatófita (s.f.) como sinónimo de antófito (s.m.)
  3. Judd, W. S.; Campbell, C. S.; Kellogg, E. A.; Stevens, P. F. e Donoghue, M. J. (2002): Plant systematics: a phylogenetic approach, Second Edition. Sinauer Axxoc, USA.