Gyorgy Lukács
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2017.) |
Georg Lukács, nado en Budapest o 13 de abril de 1885 e finado na mesma cidade o 4 de xuño de 1971, foi un político e pensador marxista e un crítico literario.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Membro dunha familia de banqueiros xudeus, estudou en Kolozsvár, Berlín (onde coñeceu a Georg Simmel) e Heilderberg, onde contactou con Max Weber e o filósofo da utopía Ernst Bloch. Destacou como militante e ideólogo do Partido Comunista Húngaro. Formou parte do goberno de Béla Kun como comisario do pobo para a Educación e a Cultura da República Soviética Húngara. Tras o derrocamento do réxime fuxiu a Viena, onde foi capturado pero finalmente liberado grazas aos auspicios de Thomas Mann. Alí tomou contacto con outros pensadores como Antonio Gramsci. Refuxiado na Unión Soviética, volveu como profesor a Budapest tras o retroceso da ocupación alemá na segunda guerra mundial. Foi membro da Academia de Ciencias de Hungría. O goberno comunista de Mátyás Rákosi tívoo afastado. Asumiu o cargo de Ministro de Cultura durante a revolución húngara de 1958. Trala deposición de Imre Nagy, foi deportado a Romanía.
Pensamento
[editar | editar a fonte]A cousificación da vida nas sociedades propias do capitalismo é o centro das súas preocupacións, onde reflexiona no fetichismo da mercancía como relación entre as persoas que acaban sendo obxectos e non suxeitos activos e libres tanto no eido económico como no eido social. Incorpora consideracións psicolóxicas da persoa individual.
Lukács rexeita tanto a concepción de Hegel que reducía a dialéctica a un movemento do Espírito como as concepcións marxistas que entendían a dialéctica como movemento unicamente da materia. Para el existe unha complementariedade na que a materia se satura de Espírito e o Espírito non pode manifestarse senón na materia. O proletariado convértese en Espírito na medida en que adquire conciencia de clase. Esta se entende como o conxunto de crenzas compartidas polos que desempeñan nas relacións económicas e sociais unha determinada función. Os traballadores organizados en partido non son só obxecto da historia en canto que factores de produción senón que se constitúen en suxeitos da historia dun xeito activo. O Partido Comunista expresa o senso da historia e conduce a través da revolución a unha sociedade sen clases. A revolución é o momento de contradición entre espírito e materia que se resolve na síntese de ámbalas dúas nun novo momento de perfección da praxe onde se unen conciencia de clase e acción. Estas ideas expostas no seu libro Historia e conciencia de clase, publicado en 1923, foron condenadas polo marxismo máis estruturalista e ortodoxo que viu nel unha liña humanista incompatible coa filosofía recollida no Capital de Marx.
Lukács amósase crítico contra o irracionalismo en filosofía que iría dende Schelling ata Nietzsche e que, consonte a súa opinión, desemboca indefectiblemente no fascismo.
Como crítico literario, Lukács entende que a auténtica literatura debe reflectir a realidade e o escritor debe achegar unha perspectiva de totalidade. Pretende descubrir no texto os condicionantes sociais, económicos e políticos que están detrás do mesmo.
Nos seus derradeiros anos traballou nunha Estética segundo o método xenético-sistemático e nunha Ontoloxía do ser social na que, tomando como eixo o traballo humano, interrelaciona necesidade con liberdade.
Obras
[editar | editar a fonte]- Die Seele und die Formen (1911).
- Die Theorie des Romans (1916).
- Geschichte und Klassenbewusstsein (1923).