Saltar ao contido

Buscador de Google

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Google Search»)
Buscador de Google
TipoBucador
DesenvolvedorGoogle
Na rede
https://www.google.gl/
Facebook: 104958162837 Twitter: searchliaison Youtube: UCWf2ZlNsCGDS89VBF_awNvA Editar o valor en Wikidata

O buscador de Google, Google Search (tamén coñecido simplemente como Google ou Google.com ) é un motor de busca operado por Google. Permite aos usuarios buscar información na Web introducindo palabras clave ou frases. A busca de Google usa algoritmos para analizar e clasificar sitios web en función da relevancia en función da consulta. É o buscador máis popular en todo o mundo.

A partir do 2020, o buscador de Google ten unha cota do 92% do mercado global de buscadores.[1] En 2012, xestionaba máis de 3.500 millóns de buscas ao día.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

O nome Google é un xogo de palabras entre o número gúgol (googol)[3] - termo improvisado polo sobriño de nove anos de Edward Krasner, Milton Sirotta, en 1938, que representa o 10 elevado á 100- e as lentes (goggles).

Existe tamén un motor de procuras para imaxes, grupos de noticias e directorio. A técnica que permite situar unha páxina nunha boa posición dun buscador é o posicionamento Web (coñecido tamén como PageRank) patentado por Google.

Ademais dos sitios locais de cada país existe a páxina principal personalizada de Google na que ademais do clásico buscador, pódense engadir ligazóns, noticias temáticas, e unha ollada á bandexa de entrada do correo de Google, Gmail.

Google usa varias spiders (arañas) cuxa función é a de colleitar e ordenar a información. O spider que máis tempo leva rastrexando a rede é o Googlebot, encargado de recoller os links que despois se atoparán en Google. Ademais conta con outros robots como FreshBot, que escanea os principais sitios con información actualizada con frecuencia, como portais de noticias.

O buscador de Google dispón dunha versión en galego desde o ano 2001.[4]

Ferramentas de busca

[editar | editar a fonte]

Google Images

[editar | editar a fonte]

Buscador de imaxes. A partir de 2005 pódense filtrar segundo o seu tamaño en pequenas, medianas, grandes e extra grandes. Ademais é posible buscar por formatos (JPG, GIF e PNG) e por coloración (branco e negro, escala de grises e a cor).

Google Videos

[editar | editar a fonte]

Buscador de vídeos, con visor en Macromedia Flash. En fase beta. O usuario pode subir os seus propios vídeos. Tamén almacena vídeos cargados por Google desde distintas fontes no dominio público ou con permiso especial.

Gratuidade

[editar | editar a fonte]

Google é un buscador gratuíto. Os seus fundadores pretenden que siga séndoo no futuro. Non obstante, Google demostrou que é posible manter un servizo gratuíto para os internautas e facer negocio.

A publicidade é o principal ingreso da empresa. A clave da eficacia de Google como ferramenta publicitaria radica na súa concepción. Xeralmente, a publicidade non é ben recibida polo usuario pois non garda relación cos seus intereses. En Google a publicidade depende da consulta que está a facer o usuario de modo que, segundo algúns estudos, un 15% dos anuncios en Google son "pinchados" polos internautas (fronte ó 1,5% de media en Internet).[Cómpre referencia]

Google ofrece a posibilidade de ligar un anuncio cunha palabra buscada. Isto coñécese como AdWords. Os anunciantes poxan por cada palabra e aquel que sobe máis consegue vencellar a súa publicidade coas buscas. Así asegúrase que cada vez que alguén busque unha determinada palabra apareza o seu anuncio.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

As bases de datos de Google actualízanse mensualmente.[Cómpre referencia] Ó longo de cada mes, os Googlebots ou arañas percorren a rede en busca de novas páxinas e actualizando as páxinas almacenadas nos servidores de Google. Os Googlebots non son máis que programas que automatizan esta infinda tarefa. Seguen cada ligazón de forma que ó chegar a unha páxina descoñecida, gravan o seu contido e toman os datos pertinentes para engadila á base de datos.

Non obstante, a clave do traballo de Google está no xeito de ordenar as páxinas á hora de mostralas ó usuario. En moitos buscadores esta ordenación depende do criterios dos administradores das bases de datos (ou, lamentablemente, de quen paga máis para estar nos primeiros lugares). A ordenación é moi importante posto que a maioría dos usuarios apenas utilizan as 10 primeiras ligazóns.

En Google este complexo problema soluciónase co algoritmo PageRank deseñado por Brin e Page, os fundadores da empresa. Este algoritmo asigna a cada páxina un valor matemático en función da súa importancia na rede, a maior importancia máis preto estará este valor do 1. ¿Como se determina a importancia relativa de cada páxina na rede? Google asume que esta importancia a deciden os navegantes: cada ligazón cara a unha páxina é considerada un voto a prol dunha páxina, de modo que as páxinas ligadas a través de máis ligazóns terán máis importancia relativa. A complexidade radica no cálculo para determinar esta importancia e isto o que se pode aproximar mediante o PageRank de Brin e Page.[Cómpre referencia]

Cando un usuario realiza unha consulta, esta é recibida por un dos 1.000 servidores que traballan para Google. Este servidor encarga a un dos millares de ordenadores de Google buscar nas bases de datos. Unha vez obtida a resposta destes ordenadores, o resultado remítese a unha computadora que se encarga de ordenar o resultado en función da clasificación asignada a cada páxina. A través dos servidores envíase este resultado ordenado ó usuario que fixo a consulta.

Ao chegares á páxina principal do buscador destaca a simplicidade da súa interface, onde se pode distinguir principalmente o seu logotipo (cambiante segundo diversos eventos de distinta índole que poidan ser relevantes) as distintas categorías, o cadro, os botóns e o ámbito da procura, ademais dun pequeno menú de opcións.

O botón "vou ter sorte" directamente remítenos ao primeiro resultado, útil cando buscamos cousas moi populares ("Microsoft", "Renault", "Google", "Galipedia" etc.) e un botón "procura avanzada" que nos permite concretar as procuras sen necesidade de coñecer todos os operadores que ofrece Google.

Detrás da sinxeleza da interface principal de Google atópase un complexo intérprete capaz de obter as máis complexas procuras.

Buscas e operadores sinxelas

[editar | editar a fonte]
  • Uso de comiñas: pode especificar ao motor de Google que desexa buscar unha expresión composta de dous ou máis palabras literalmente, escribindo os termos a buscar entre comiñas.
    • “coches de ocasión” buscará tódolos sitios que conteñan a expresión "coches de ocasión" textualmente.
  • AND: de xeito predeterminado Google lánzase en busca de resultados unindo as palabras introducidas polo usuario empregando este operador. Así o resultado final dunha procura sen especificar nada ou utilizando o operador AND serán os resultados que conteñan á vez a lista de palabras especificada.
    • As procuras "coches AND ocasión" ou "coches ocasión" obterán os mesmos resultados, unha lista dos sitios web que conteñan a palabra coches e a palabra ocasión.
  • OR ou símbolo “|” :Se desexa especificar que non cómpre a aparición das dúas palabras en cada resultado da procura, senón cada unha delas por separado, deberá especificar o operador OR entre os termos que deban cumprir este criterio.
    • "coches OR ocasión" agora obterá como resultado unha listaxe dos sitios web que conteñan o termo coches ou ocasión.
  • O operador – : permite excluír resultados da procura. Debe especificarse antes do termo a obviar para que se busquen os resultados que non conteñan a palabra especificada.
    • "coches -ocasión" buscase os sitios web que conteñan a palabra coche pero non ocasión.
  • Pódense asignar distintos eidos aos operadores delimitándoos con paréntese:
    • "(coches OR motos) AND ocasión" buscará todas as Webs que conteñan a palabra coches ou motos e con calquera destas dúas é indispensable que apareza ocasión.
  • Comandos especiais:
    • "site:nombre_do_sitio palabras para buscar", busca só neste sitio.
      • "site:gl.wikipedia.org matemática", buscas para tódalas páxinas que conteñen a palabra "matemática" dentro da web http://gl.wikipedia.org
    • Pódense consultar un sitio ata cando non funciona facendo clic no botón "cache" que aparece á beira de cada un dos resultados da procura.
  • Se un pon "define:" seguido dunha palabra (ex: define:Corpo Humano) busca definicións e textos enciclopédicos sobre ese tema.
  • Usando "cache:" antes dunha URL, amosará o contido da caché de Google (isto é útil en momentos en que por algunha razón unha dirección non é accesible temporalmente).
  • Se tecleamos "filetype:" seguido da extensión dun arquivo buscará páxinas que conteñan a extensión dese ficheiro. Por exemplo: universidade filetype:doc
  1. "Search Engine Market Share Worldwide". gs.statcounter.com. Arquivado dende o orixinal o 2020. 
  2. "Google Search Statistics". internetlivestats.com. Arquivado dende o orixinal o 2015. Consultado o 2021. 
  3. "Planeta Google". elpais.com. 
  4. "Google en galego". vieiros.com.