Saltar ao contido

Gran Salto Adiante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gran salto adiante»)
Comedor comunitario nunha comuna popular creada durante o gran salto adiante

O gran salto adiante (en chinés simplificado:大跃进, en chinés tradicional:大躍進, en pinyin: Dà yuè jìn) foi unha campaña de medidas económicas, sociais e políticas implantadas na República Popular da China entre 1958 e 1961, durante a presidencia de Mao Tse Tung, co obxectivo de transformar a tradicional economía chinesa a través dunha rápida industrialización e colectivización. O gran salto adiante foi xunto co movemento da Comuna Popular.[1]

Os principais cambios do réxime rural incluíron a creación das comunas populares, a prohibición da agricultura privada, o impulso dos proxectos intensivos en man de obra e a política chamada camiñando con dúas pernas, que combinaba a pequenas e medianas iniciativas industriais cos grandes emprendementos, afastándose así do modelo soviético.[2]

O punto de vista predominante en occidente (Jasper Becker, Roderick MacFarquhar, Ansley Coale, John Aird, Judith Banister) e no Partido Comunista da China a partir da toma do poder por Deng Xiaoping, sostén que o gran salto adiante constituíu un fracaso, causado en gran medida por erros políticos liderados por Mao Tse Tung, que causou a morte por inanición de gran cantidade de campesiños, estimada entre 15 e 55 millóns (gran fame chinesa).[3][4][5][6][7][8][9] Unha conferencia importante sobre os erros de política foi a «Conferencia dos 7000 cadros» a principios de 1962.[10][11] Ademais, decenas de presas construídas en Zhumadan, Henan, durante o gran salto adiante, colapsaron en 1975 baixo a influencia do tifón Nina e resultaron nunha das maiores catástrofes provocadas polo ser humano na historia, cun número estimado de mortes entre decenas de miles e 240 mil.[12][13][14]

Outros estudos (Felix Greene, Han Dongping, Joseph Ball) cuestionaron o punto de vista predominante, sostendo que os seus datos non son fiables e teñen un nesgo ideolóxico, ben porque os seus autores manteñen posturas anticomunistas ben porque responden aos intereses da nova orientación política do Partido Comunista da China adoptada dende 1980.[2][15][16][17]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]
Propaganda do Gran Salto Adiante pintada na parede dunha casa rural en Shanghai

Trala conquista do poder en 1949, a participación na guerra de Corea e o éxito do 1º Plano Quinquenal (1953-1957), o líder chinés Mao Tse Tung lanzou o Gran Salto Adiante (1958-1962), un programa de fondas reformas que tiñan como obxectivo acelerar a marcha para o comunismo.

O cronograma orixinal de 1953, que prevía completar a "industrialización" en "dez a quince anos", foi acurtado tres anos. Mao imaxinaba que podería satisfacer a súa ambición nun "big bang", declarando que " a nosa nación é como un átomo". Chamou o proceso o Gran Salto Adiante e lanzouno en maio de 1958.[18]

Plano agrario

[editar | editar a fonte]

Mao Tse Tung concluíu que os sectores da industria e da agricultura deberían modernizarse e desenvolverse. Con ese obxectivo, a China foi dividida nunha serie de comunas, propiedades que acollían preto de 5000 familias, concentradas no cumprimento das metas. Aos moradores dábanlles ferramentas e en troques esixíase o cumprimento de metas. O obxectivo era que a China superase o desenvolvemento do Reino Unido neses tres anos.[19]

Centenas de millares de persoas deslocáronse de onde a produción era alta para onde baixa, como un medio de dar pulo á produción. Tamén foron deslocalizadas da agricultura á industria. Houbo unha campaña para recoller ferramentas e transformalas en aceiro.

Os campos sputniks

[editar | editar a fonte]

A fin de estimular o éxito do plano, Mao pasou a facer propaganda de áreas que tiveron producións astronómica. As colleitas estratosféricas e as áreas modelo chamáronse sputniks, refletindo a obsexión de Mao co satélite ruso. O 12 de xuño, o Diario do Pobo informou que en Henan, a principal provincia-modelo de Mao, unha "cooperativa sputnik" producira 1,8 toneladas de trigo nun mu (un sexto de acre), máis de dez veces os números reais. Noticias sobre colleitas inmensas enchían a prensa e os "campos sputniks" proliferaron.

En setembro, o Diario do Pobo informou de que "o maior sputnik de arroz" producira máis de setenta toneladas en menos dun quinto de acre, o que era centenas de veces máis do que os números reais. Ese campo sputnik forxouno un ambicioso xefe novo dun condado en Guangxi. No final do ano, o seu condado relatou unha produción de grans que era máis de tres veces a cantidade verdadeira.[20]

A represión

[editar | editar a fonte]

No entanto, na medida que o pobo non conseguiu cumprir as metas dos campos sputniks, Mao iniciou unha campaña de forte represión, acusando os campesiños de boicot e corrupción. Calquera que fose capturado almacenando grans era fusilado. Os campesiños atrapados coa menor contía imaxinable eran encarcerados. As fogueiras foron prohibidas, igual que os funerais por considerarse un mal gasto.

Mao acusou varias veces os cadros campesiños das aldeas de agochar grans. O 27 de febreiro de 1959, dixo ao alto grao: "Todos os equipos de produción agochan alimentos para dividir entre eles. Agochan ata en adegas fondas e secretas e colocan gardas e sentinelas". O día seguinte, afirmou de novo que os campesiños estaban "comendo follas de cenoura durante o día, e arroz á noite". Con iso quería dicir que finxían non teren a comida axeitada mais en realidade tiñan alimentos bos que consumían en segredo.[20]

Plano industrial

[editar | editar a fonte]

Alén da reforma agraria forzada, o Gran Salto Adiante tamén tivo un programa de industrialización forzada. Mao estableceu a meta para 1958 de 10,7 millóns de toneladas, máis do que o duplo da produción de aceiro do ano anterior, que fora de 5,3 millóns de toneladas.[21]

Con este fin, obrigou a poboación xeral a construír "fornos de xardín". Para alimentar eses fornos, a poboación foi coaccionada para que doase practicamente todas as pezas de metal que posuía, mesmo aquelas empregadas en obxectos produtivos e ata esenciais. Ferramentas agrícolas e ata carros foron derretidos, así como utensilios de cociña, asas de ferro das portas e grampos de cabelo femininos. O eslogan do réxime era: "Entregar un pico é destruír un imperialista e agochar un cravo é agochar un contrarrevolucionario". No final do ano, a pesar de que a colleita de 1958 fose levemente maior que a do ano anterior, non houbo aumento na cantidade recollida.[22]

Comunas populares

[editar | editar a fonte]

Co fracaso inicial do Gran Salto, Mao decidiu mudar a orientación e así xurdiron as chamadas "comunas populares". O obxectivo era tornar máis eficiente o traballo forzado. El mesmo dixo que, ao concentrar os campesiños nun número menor de unidades —pouco mais de 26 mil en todo o país—, era "máis fácil controlar".[23]

A primeira comuna, a Chayashan Sputnik, foi montada en Henan, a provincia-modelo. O seu estatuto, que Mao editou e clasificou como "un gran tesouro", establecía que todos os aspectos da vida dos seus membros deberían ser controlados pola comuna. Todas as familias tiñan que "entregar totalmente os seus lotes privados [...] as súas casas, animais e árbores". Deberían durmir en cuartos, "de acordo cos principios de beneficiar a producir e o control"; e o estatuto estipulaba que as súas casas deberían ser "desmanteladas [...] se a comuna precisar de tixolas, tellas ou madeira". A vida de todos os campesiños debería xirar arredor do "traballo". Todos os membros deberían ser tratados como se estivesen no exército, cun sistema de tres niveis de reximentación: comuna, brigada e equipo de produción. As comunas eran, de feito, campos para traballadores escravos. A poboación dunha localidade da provincia de Gansu chamaba estas zonas "campos da morte".[24]

Resultados

[editar | editar a fonte]

A marca principal do Gran Salto Adiante foi a fame en masa. Estimacións describen que 45 millóns de chineses morreron de fame.[25] Xa en 1960, a taxa de mortalidade pasou de 15% ao 68%, e a taxa de natalidade diminuíu. 2,5 millóns morreron polo goberno durante a represión.[26]

O fracaso cuestionou a autoridade de Mao. Como reacción xurdiu a Revolución Cultural.

  1. "The Great Leap Forward and the People's Communes—Socialist Ideals and Practice". Chinese Law & Government (en inglés). 7 de decembro de 2014. doi:10.2753/CLG0009-4609290446. Consultado o 18 de xullo de 2020. 
  2. 2,0 2,1 Ball, Joseph (21 de setembro de 2006)). "Did Mao Really Kill Millions in the Great Leap Forward?". 
  3. "The Institutional Causes of China’s Great Famine, 1959–1961" (PDF). Review of Economic Studies=. 2015. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2020. Consultado o 13 de agosto de 2021. 
  4. Mirsky, Jonathan. "The China We Don't Know." New York Review of Books Volume 56, n.º 3. 26 de febreiro de 2009.
  5. Tao Yang, Dennis (2008). "China's Agricultural Crisis and Famine of 1959–1961: A Survey and Comparison to Soviet Famines." Palgrave MacMillan, Comparative Economic Studies 50, pp. 1–29.
  6. Gráda, Cormac Ó (2011). "Great Leap into Famine". UCD Centre For Economic Research Working Paper Series: 9. 
  7. Dikötter, Frank. Mao's Great Famine: The History of China's Most Devastating Catastrophe, 1958–62. Walker & Company, 2010. p. xii ("at least 45 million people died unnecessarily") p. xiii ("6 to 8 percent of the victims were tortured to death or summarily killed—amounting to at least 2.5 million people.") p. 333 ("a minimum of 45 million excess deaths"). ISBN 0-8027-7768-6
  8. Dikötter, Frank (2010). pp. x, xi. ISBN 0-8027-7768-6
  9. Perkins, Dwight (1991). "China's Economic Policy and Performance". Chapter 6 in The Cambridge History of China, volume 15, ed. por Roderick MacFarquhar, John K. Fairbank e Denis Twitchett. Cambridge University Press.
  10. Roch, Eugenio Anguiano (2017). "Gran revolución cultural proletaria de China, 1966-1976" (PDF). Universidade Nacional Autónoma de México. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de agosto de 2021. Consultado o 13 de agosto de 2021. 
  11. "七千人大会--中国共产党新闻--中国共产党新闻网". cpc.people.com.cn (en chinés). Consultado o 21 de xuño de 2020. 
  12. "1975年那个黑色八月(上)(史海钩沉)". Renmin Wang (en chinés). Arquivado dende o orixinal o 6 de maio de 2020. Consultado o 27 de marzo de 2020. 
  13. IChemE. "Reflections on Banqiao". Institution of Chemical Engineers. Consultado o 25 de marzo de 2020. 
  14. "Ecologists dread new dam boom - GlobalTimes". www.globaltimes.cn. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2020. Consultado o 25 de marzo de 2020. 
  15. Greene, Felix (1965). A Curtain of Ignorance: China: how America is Deceived. Cape. 
  16. Dongping, Han (2003). "The Great Leap Famine, the Cultural Revolution and Post- Mao Rural Reform: the Lessons of Rural Development in Contemporary China". China Studiy Group (4). 
  17. "Mao did not want half of China to starve to death: a key document in Frank Dikotter's book Mao's Great Famine". Maoists. 
  18. Halliday, Jon (2005). Mao: a História Desconhecida. São Paulo: Companhia das Letras. p. 406. ISBN 9788535908732. 
  19. "Quando a China desceu ao inferno". Publico. Consultado o 28 de febreiro de 2018. 
  20. 20,0 20,1 Halliday, Jon (2005). Mao: a História Desconhecida. São Paulo: Companhia das Letras. p. 407. ISBN 9788535908732. 
  21. Halliday, Jon (2005). Mao: a História Desconhecida. São Paulo: Companhia das Letras. p. 410. ISBN 9788535908732. 
  22. Halliday, Jon (2005). Mao: a História Desconhecida. São Paulo: Companhia das Letras. p. 411. ISBN 9788535908732. 
  23. Halliday, Jon (2005). Mao: a História Desconhecida. São Paulo: Companhia das Letras. p. 414. ISBN 9788535908732. 
  24. "Quando a China desceu ao inferno". Publico. Consultado o 28 de febreiro de 2018. 
  25. "Mao e o grande salto para a fome: um catálogo de horrores". g1. Consultado o 28 de febreiro de 2018. 
  26. "45 million died in Mao's Great Leap Forward, Hong Kong historian says in new book". SCMP. Consultado o 28 de febreiro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]