Axis porcinus
Axis porcinus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Exemplar no Santuario de Vida Salvaxe de Phu Khieo, Tailandia | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Área de distribución en verde
| |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Hyelaphus porcinus (Zimmermann, 1780) |
Axis porcinus (nalgunhas clasificacións Hyelaphus porcinus) é unha especie de pequeno cérvido nativo da rexión do subcontinente indio e chaira indo-ganxética e partes do sueste asiático. En Australia viven poboacións que foron introducidas,[2][3] así como nos Estados Unidos (en Texas, Hawai e Florida) e Sri Lanka.[1]
O seu nome específico (porcinus) fai referencia aos porcos e deriva da súa maneira de correr polos bosques parecida á dos porcos (coa cabeza colgando baixa), para poder esquivar máis facilmente obstáculos en lugar de saltar sobre eles como farían outros cervos. Nalgúns países chámanlle cervo porco ou similar.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Cervus porcinus foi o primeiro nome científico que tivo, usado polo seu descritor formal Eberhard August Wilhelm von Zimmermann en 1777 e 1780, para o cal se baseou nunha anterior descrición do animal que chegara a Inglaterra desde a India India.[4][5] Despois, foi situado no xénero Axis por William Jardine en 1835 e por Brian Houghton Hodgson en 1847.[6][7] En 2004 propúxose que fose situado no xénero Hyelaphus.[8][9] Porén, esta proposta non foi aceptada, e a maioría dos autores mantéñeno no xénero Axis.[10][1][11] Unha subespecie deste cervo, A. p. annamiticus, foi durante algún tempo considerada como unha especie separada, pero agora é xeralmente considerada dentro da mesma especie A. porcinus.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Un exemplar macho maduro mide 70 cm de alto ata a cruz, e pesa aproximadamente 50 kg; as femias son moito menores, de 61 cm de alto e 30 kg de peso. Teñen unha constitución corporal moi sólida, cun corpo longo e patas relativamente curtas; a liña do dorso ascende desde os ombreiros alta os cuartos traseiros, que están máis altos. As orellas son redondeadas. Os animais máis vellos adoitan a ter unha cor máis clara na face e pescozo. O pelame é bastante groso e xeralmente dunha cor uniforme marrón escura en inverno, excepto a parte inferior do corpo e as patas que son máis claras. Durante o final da primavera comeza o cambio a un pelame de verán máis marrón avermellado, aínda que isto varía entre individuos. Moitos cervos mostran unha banda dorsal escura que se estende desde a cabeza e baixa pola parte traseira do pescozo e segue ao longo da columna vertebral. No verán adoitan ter unha ringleira de pintas de cor uniforme clara a cada lado da banda dorsal, desde os ombreiros á cadeira. O rabo é bastante curto e marrón, pero branco no extremo. A parte ventral da cola é branca e pode despregar en abano os pelos brancos como sinal de alarma distintiva. Teñen glándulas preorbitais na face xusto debaixo dos ollos e glándulas metatarsais localizadas na parte alta lateral das patas traseiras. As glándulas pedais están localizadas entre os sucos ou dedas das pesuñas traseiras.[12]
A cornamenta dun macho maduro é tipicamene de tres puntas, tendo unha punta na fronte e un sólido talo principal que termina na parte superior nunha punta interior e outra exterior. Porén, as cornamentas con máis puntas non son infrecuentes.[12] As características distintivas das cornamentas desta especie son o ángulo agudo entre a punta frontal e o talo principal e que as puntas superiores internas tenden a ser máis curtas e formando un certo ángulo cara a atrás co talo principal e cruzando cara ao corno oposto.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]O seu status en Paquistán é inseguro; vive sobre todo no norte da India, Nepal, sur de Bután, Bangladesh, Myanmar e a provincia chinesa de Yunnan, e foi reintroducido en Tailandia, pero está localmente extinguido en Laos e Vietnam.[1] Hai unha pequena pobaoción illada que vive en Camboxa no Santuario de Vida Salvaxe de Prek Prasab.[13] Hai poboacións introducidas en Australia, Estados Unidos e Sri Lanka.
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]É unha especie gregaria só cando as condicións son favorables e tampouco forma unha "unidade" neses momentos, movéndose os exemplares en distintas direccións en lugar de todos xuntos como nunha manda. Cando está alarmado emite unha vocalización parecida a un asubío ou un ladrido de advertencia. O tamaño dos seus territorios varía amplamente, pero como media é duns 0,70 km2. Os machos son agresivos e poden volverse territoriais con baixas densidades de poboación, marcando o seu territorio con secrecións glandulares. Durante o celo, os machos xúntanse en prados abertos, golpeando coas patas o chan durante os encontros antagonistas. Non se crean haréns, senón que os machos cortexan e defenden os seus dereitos sobre unha soa femia en cada momento e despois buscan outra. As densidades de poboación poden ser de só 0,1 animais por quilómetro cadrado en vales fluviais, chegando aos 19 individuos por quilómeto cadrado en chairas de inundación herbosas.[Cómpre referencia]
Os predadores coñecidos deste cervo son o tigre, o leopardo e a pantera nebulosa.[14] Outros predadores comúns son a pitón Python bivittatus e o cánido Cuon alpinus,[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Timmins, R.; Duckworth , J.W.; Samba Kumar, N.; Anwarul Islam, M.; Sagar Baral, H.; Long, B.; Maxwell, A. (2015). "Axis porcinus". p. e.T41784A22157664. doi:10.2305/IUCN.UK.2015-4.RLTS.T41784A22157664.en. Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- ↑ Mayze, R.J.; Moore, G.I. (1990). The Hog Deer. Warragul, Victoria: Australian Deer Research Foundation. ISBN 9780959343861.
- ↑ Bentley, A. (1998). An Introduction to the Deer of Australia: With Special Reference to Victoria. Warragul, Victoria: Australian Deer Research Foundation. ISBN 9780958573214.
- ↑ Zimmermann, E.A.W. (1777). "Cornibus teretibus". Specimen zoologiae geographicae, quadrupedum domicilia et migrationes sistens. Leiden: Apud Theodorum Haak, et Socios. pp. 532–535.
- ↑ Zimmermann, E.A.W. (1780). "Der dickleibige Hirsch". Geographische Geschichte des Menschen, und der allgemein verbreiteten vierfüßigen Thiere 2. Leipzig: Weygand. p. 131.
- ↑ Jardine, W. (1835). "The brown porcupine Axis Axis porcinus". The natural history of the ruminating animals. Edinburgh: Lizars. pp. 203–204.
- ↑ Hodgson, B.H. (1847). "On various genera of the ruminants". The Journal of the Asiatic Society of Bengal 16 (2): 685–711.
- ↑ Meijaard, E.; Groves, C.P. (2004). "Morphometrical relationships between South-east Asian deer (Cervidae, tribe Cervini): evolutionary and biogeographic implications". Journal of Zoology 263 (2): 179–196. doi:10.1017/S0952836904005011.
- ↑ Pitra, C.; Fickel, J.; Meijaard, E.; Groves, C.P. (2004). "Evolution and phylogeny of old world deer". Molecular Phylogenetics and Evolution 33 (3): 880–895. PMID 15522810. doi:10.1016/j.ympev.2004.07.013.
- ↑ Groves, C.P.; Grubb, P. (2011). Ungulate taxonomy (PDF). Baltimore, Maryland: The Johns Hopkins University Press. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-10-30. Consultado o 2021-08-25.
- ↑ Gupta, S. K.; Kumar, A.; Angom, S.; Singh, B.; Ghazi, M. G. U.; Tuboi, C.; Hussain, S. A. (2018). "Genetic analysis of endangered hog deer (Axis porcinus) reveals two distinct lineages from the Indian subcontinent". Scientific Reports 8 (1): 1–12. Bibcode:2018NatSR...816308G. PMC 6218551. PMID 30397218. doi:10.1038/s41598-018-34482-9.
- ↑ 12,0 12,1 Michelin, Andrea. "Axis porcinus". Animal Diversity Web. Consultado o 12 de xullo de 2022.
- ↑ "Rare hog deer confirmed to thrives in Cambodia raising hope for conservation in Cambodia and the world". WWF Asia Pacific. 2022. Consultado o 8 de maio de 2023.
- ↑ Grassman Jr., L. I.; Tewes, M. E.; Silvy, N. J.; Kreetiyutanont, K. (2005). "Ecology of three sympatric felids in a mixed evergreen forest in North-central Thailand". Journal of Mammalogy 86 (1): 29–38. doi:10.1644/1545-1542(2005)086<0029:EOTSFI>2.0.CO;2.
- ↑ Hill, E.; Linacre, A.; Toop, S.; Murphy, N.; Strugnell, J. (2019). "Widespread hybridization in the introduced hog deer population of Victoria, Australia, and its implications for conservation". Ecology and Evolution 9 (18): 10828–10842. PMC 6787866. PMID 31624584. doi:10.1002/ece3.5603.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Hyelaphus porcinus |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Axis porcinus |
- "Axis porcinus". ASM Mammal Diversity Database. 1.5. American Society of Mammalogists. Consultado o 25 de agosto de 2021.
- Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Axis porcinus (TSN {{{id}}})" (en inglés).