Joaquim Rodrigues dos Santos Júnior
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de maio de 1901 Vila Frescainha, Portugal |
Morte | 12 de marzo de 1990 (88 anos) Águas Santas, Portugal |
Educación | Universidade do Porto |
Actividade | |
Ocupación | antropólogo |
Membro de | Real Academia Galega (membro de honra) (1988–1990) Real Academia Galega (membro correspondente) (1942–1988) |
Joaquim Rodrigues dos Santos Júnior, coñecido como Joaquim Santos Júnior ou só como Santos Júnior, nado en Vila Frescainha (Barcelos) o 22 de maio de 1901 e finado en Águas Santas (Maia) o 12 de marzo de 1990, foi un profesor universitario e investigador portugués.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación e carreira profesional
[editar | editar a fonte]Licenciouse en Ciencias Histórico-Naturais na Facultade de Ciencias da Universidade do Porto e en Medicina en 1932. Exerceu a medicina durante moi pouco tempo, téndose dedicado ao ensino e á investigación. Foi nomeado axudante da cátedra de Antropoloxía en 1932 e doutorouse en 1944, facendo o exame de Profesor Extraordinario en 1948. Entre 1936 e 1956 realizou varias misións de investigación en Mozambique, labor pioneira pola que segue a ser lembrado.
Nunha das diversas misións de estudo antropolóxico a África, entre os anos 1936 e 1948, cando quería cazar unha rara bolboreta, sufriu unha grave caída que lle provocou certa xordeira, polo que comezou a utilizar un audiófono, ademais dunha incapacidade permanente nunha perna, que o obrigaba a camiñar apoiado nun bastón.
Mantivo unha continuada relación con Galiza e unha extensa correspondencia con intelectuais galegos da súa época, como Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Antón Fraguas, Xosé Filgueira Valverde, Vicente Risco ou Fermín Bouza-Brey (a quen parafraseou e dedicou a súa obra Paremiologia jurídica galaico-portuguesa[1]) tanto na Segunda República como despois durante o franquismo.[2]
Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e académico de honra da Real Academia Galega,[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Discípulo e continuador de Mendes Correia, foi director do Instituto de Antropoloxía da Universidade do Porto, que leva o nome daquel profesor. Ten publicados ducias de artigos académicos e varios traballos sobre Antropoloxía, Etnografía, Prehistoria e Zooloxía en particular. Algúns destes artigos tiveron lugar na cidade de Maia, destacando o descubrimento e as primeiras referencias, tanto en Portugal como no estranxeiro, á Pedra Partida de Ardegães, que contén, por unha banda, inscricións admitidas como prehistóricas. En Caldas Santas de Carvalhelhos, balneario que frecuentaba con relativa asiduidade, para descanso e tratamento e onde era amigo do seu director clínico, Augusto Gonçalves Moreno, a quen coñecera na Facultade de Medicina, descubriu un castro romano cuxas escavacións dirixiu persoalmente iniciándoas pola súa conta e só despois obtendo unha pequena subvención do Estado.[Cómpre referencia]
Sociedades
[editar | editar a fonte]Foi membro distinguido da Sociedade Portuguesa de Antropoloxía e Etnoloxía, da Sociedade de Xeografía de Lisboa, da Asociación Portuguesa de Arqueólogos, da Sociedade Martins Sarmento, do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega, do Institut International d'Anthropologie e da Société Etnographique de Paris.
Morte
[editar | editar a fonte]Morreu en 1990, en Águas Santas, no concello de Maia, na casa na que sempre viviu cando estaba en Portugal. Foi un profesor esixente e unha personalidade notábel que sempre destacou pola súa sinxeleza e simpatía unidas a unha sólida cultura. O seu nome figura na lista de colaboradores da revista Feira da Ladra [4] (1929-1943)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Paremiologia; Santos Júnior" (PDF). revistataeonline.weebly.com. Consultado o 22 de maio de 2022.
- ↑ "Santos Júnior e os Intelectuais Galegos". www.academiagalega.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2021. Consultado o 2022-05-22.
- ↑ "De honra". Real Academia Galega. Consultado o 2022-05-22.
- ↑ "Feira da ladra : revista mensal ilustrada (1929-1942), Tomo IX" (PDF). pp. 204–206. Consultado o 24 de febreiro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joaquim Rodrigues dos Santos Júnior |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alonso Estraviz, Isaac (2011). Santos Júnior e os intelectuais galegos (PDF). Ponte Caldelas: Fundaçom Meendinho. ISBN 978-84-615-1687-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Joaquim Santos Júnior, Antigo Estudante da Facultade de Ciencias da Universidade do Porto
- Estudo antropológico e etnográfico da população de S. Pedro (Mogadouro)
- "A importância da anilhagem para conhecer melhor as aves". 2007-01-05. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-03. Consultado o 2010-10-05.
- "Santos Júnior e os galegos". Portal Galego da Língua; José Paz. 2009-06-18. Consultado o 2010-10-05.
- "Professor Doutor Joaquim Rodrigues dos Santos Júnior". 2007. Arquivado dende o orixinal o 2012-02-06. Consultado o 2010-10-05.