Thomas Kuhn
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2021.) |
Thomas Samuel Kuhn, nado o 18 de xullo de 1922 e finado o 17 de xuño de 1996, foi un físico e filósofo natural dos Estados Unidos de América cuxo traballo incidiu sobre a historia e filosofía da ciencia, tornándose un marco importante no estudo do proceso que leva ao desenvolvemento científico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Thomas Kuhn naceu en Cincinnati, Ohio, o 18 de xullo de 1922. Estudou a carreira de física na Universidade Harvard, e obtivo o doutoramento en 1949. Ata entón, tivera pouco contacto coa filosofía, xa que a súa carreira era a física e, segundo el, a segunda guerra mundial exercía unha enorme presión para iniciar carreiras científicas, e un gran desprezo en relación ás materias humanísticas. Pero a partir do seu doutoramento o seu interese orientouse cara ao estudo da Historia da Ciencia, ao que se dedicou por completo.
Permaneceu en Harvard coma profesor axudante de Historia da Ciencia, e foi aquí onde preparou un curso de ciencias para non científicos, no que por primeira vez, utilizou exemplos históricos de progresos científicos. Desa experiencia, Kuhn puido percibir que a ciencia, nunha perspectiva histórica, era moi diferente da presentada nos textos de física ou mesmo de filosofía da ciencia.
En 1956, aceptou unha oferta da Universidade de Berkeley, California, onde pasou a ocupar a Cátedra de Historia da Ciencia a partir de 1961. En Berkeley, escribiu e publicou o libro Estrutura das Revolucións Científicas, e aínda que xa publicara un primeiro libro en 1957, A Revolución Copernicana, e un segundo en 1961, A función da medida na física moderna, foi o terceiro libro o que o tornou recoñecido, máis coma un intelectual volvendo cara a Historia e Filosofía da Ciencia, ca coma o físico que era.
En 1964 ocupou a Cátedra de Historia da Ciencia na Universidade de Princeton ata 1979, ano no que pasou a se instalar en Boston, ocupando a Cátedra de Filosofía e Historia da Ciencia do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) ata 1991. Tres anos despois, en 1994, foille diagnosticado un cáncer bronquial do cal morreu o 17 de xuño de 1996 na súa casa de Cambridge, Massachusetts.
O pensamento de Kuhn
[editar | editar a fonte]Thomas S. Kuhn ocupouse principalmente do estudo da historia da ciencia, no que mostra un contraste entre dúas concepcións da ciencia:
- Por un lado, a ciencia entendida coma unha actividade completamente racional e controlada. (Enfoque formalista).
- Por outro lado, a ciencia entendida coma unha actividade concreta que se veu dando ao longo do tempo e que en cada época histórica presenta peculiaridades e características propias. (Enfoque historicista).
Este contraste plásmase na obra A Estrutura das Revolucións Científicas,que ocasionou o chamado xiro histórico-sociolóxico da ciencia, unha revolución na reflexión acerca da ciencia ao considerar propios desta os aspectos históricos e sociolóxicos que rodean a actividade científica, e non só os lóxicos e empíricos, como defendía o modelo formalista.
Enfoque historicista
[editar | editar a fonte]Segundo o enfoque historicista de Kuhn, a ciencia desenvólvese seguindo determinadas fases:
- Establecemento dun paradigma.
- Ciencia normal.
- Crise.
- Revolución científica.
- Establecemento dun novo paradigma.
- A noción de paradigma resulta fundamental neste enfoque historicista e non é máis ca unha macroteoría, un marco ou perspectiva que se acepta de forma xeral por toda a comunidade científica e a partir do cal se realiza a actividade científica, que ten como obxectivo aclarar os posibles fallos do paradigma ou extraer todas as súas consecuencias.
- A ciencia normal é o período durante o cal se desenvolve unha actividade científica baseada nun paradigma. Esta fase ocupa a maior parte do tempo da comunidade científica porque adoitan traballar para mostrar ou poñer a proba a solidez do paradigma no que se basean.
- Pero, en ocasións, o paradigma non é capaz de resolver todos os problemas, os cales poden persistir ao longo de anos ou incluso séculos. Nese caso, o paradigma ponse en cuestión e comézase a considerar se é o marco máis adecuado para a resolución de problemas ou se debe ser abandonado. Entón é cando se entra nunha crise, que ademais supón a proliferación de novos paradigmas que compiten entre si tratando de impoñerse coma o enfoque máis adecuado.
- Finalmente prodúcese unha revolución científica cando un dos novos paradigmas substitúe ao paradigma tradicional. Trala revolución, o ciclo empeza de novo e o paradigma que foi instaurado dá pé a un novo proceso de ciencia normal.
Desta maneira, o enfoque historicista dá importancia a factores subxectivos que anteriormente foran pasados por alto á hora de explicar o proceso de investigación científica. Kuhn mostra que a ciencia non é só un contraste entre teorías e realidade, senón que hai diálogo, debate, tensións e ata loitas entre os defensores de distintos paradigmas. E é precisamente nese debate ou loita onde se demostra que os científicos non son absolutamente racionais, non poden ser obxectivos, pois non lles é posible afastarse de todos os paradigmas e comparalos de forma obxectiva, senón que sempre están inmersos nun e interpretan o mundo conforme ao mesmo paradigma. Isto demostra que na actividade científica inflúen tanto intereses científicos (ex: a aplicación práctica dunha teoría), coma subxectivos, como por exemplo, a existencia de colectividades ou grupos sociais a favor ou en contra dunha teoría concreta, ou a existencia de problemas éticos, de tal maneira que a actividade científica vese influenciada polo contexto histórico-sociolóxico no que se desenvolve. Así, os historicistas, ao contrario que os formalistas, dan máis importancia tanto ao suxeito que leva a cabo a investigación, coma ao contexto histórico e sociolóxico no que está inmerso.
Inconmensurabilidade
[editar | editar a fonte]Na súa obra A Estrutura das Revolucións científicas, Kuhn introduce ademais a noción de inconmensurabilidade dos paradigmas que se refire á incapacidade de comparar as teorías entre si. Segundo Kuhn, os paradigmas poden ter diferenzas de tres tipos:
- Diferenzas entre problemas a resolver, concepcións e definicións da ciencia da que se ocupan.
- Diferenzas conceptuais ligadas á linguaxe teórica e á interpretación ontolóxica.
- Diferenzas na percepción do mundo.
Estas diferenzas entre paradigmas marcan que son incomparables, pois non existe unha linguaxe común e neutral que adapte unha teoría a outra. Neste momento non se pode dicir que un paradigma é mellor ou peor ca outro, pero o avance da ciencia irá determinando a incompatibilidade entre eles ata que un acabe dominando sobre o outro, dando lugar a unha nova revolución científica.
Obra
[editar | editar a fonte]- A revolución copernicana: a astronomía planetaria no desenvolvemento do pensamento occidental, 1957.
- A función da medida na física moderna, 1961.
- A estrutura das revolucións científicas, 1962. Traducida ao galego no 2000, publicada pola Universidade de Vigo.
- A función do dogma na investigación científica, 1963.
- Postdata, 1969.
- A tensión esencial, 1977.
- A teoría do corpo negro e a descontinuidade cuántica, 1987.
- O camiño da estrutura, 1990.
- O problema coa filosofía da historia e da ciencia, 1992.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Thomas Kuhn |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Filósofos da ciencia
- Filósofos dos Estados Unidos de América
- Nados en Cincinnati, Ohio
- Nados en 1922
- Finados en 1996
- Finados por cancro de pulmón
- Alumnos da Universidade Harvard
- Profesores da Universidade Harvard
- Profesores da Universidade de California, Berkeley
- Profesores da Universidade de Princeton
- Profesores do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts