Saltar ao contido

Landsat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Landsat 7»)
O Landsat 1.

Landsat é unha serie de satélites artificiais dos Estados Unidos para a observación e o estudo da Terra.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

Os satélites Landsat comezaron denominándose ERTS (Earth Resources Technological Satellite), pero a primeira unidade xa foi renomeada a Landsat 1 unha vez en órbita. Son enviados a órbitas polares e están adicados á observación e o estudo da Terra para obter información sobre recursos forestais, agrícolas, xeoloxía, recursos minerais e hidrolóxicos, para facer estudos xeográficos, cartografía, estudos da contaminación, oceanografía e recursos mariños e estudar fenómenos meteorolóxicos. Lanzáronse oito satélites Landsat, cun so fallo, entre 1972 e 2013.[1]

Landsat 1, 2 e 3

[editar | editar a fonte]

Os tres primeiros satélites Landsat eran unha versión modificada do satélite meteorolóxico Nimbus 4. Cada un levaba a bordo un sistema vidicon para obter imaxes no espectro visible e no infravermello próximo, un escáner multiespectral de catro canais para obter imaxes radiométricas da Terra e un sistema de comunicacións para recoller datos de estacións remotas e envialos a centros científicos. Os satélites dispoñían de dúas cintas de vídeo capaces de gravar ata 30 minutos de datos do escáner ou do vidicon, o que lles proporcionaba a capacidade de cubrir practicamente toda a superficie terrestre gardando e enviando datos. Landsat 1 foi lanzado en 1975, Landsat 2 en 1975 e Landsat 3 en 1978, o primeiro mediante un Delta 900 e os dous últimos mediante Delta 2910.[2][1]

Landsat 4 e 5

[editar | editar a fonte]

Landsat 4 e 5 eran satélites idénticos. Landsat 4 empezou sendo un satélite experimental para probar novos sensores e un novo sistema de datos automatizado. Cada satélite estaba formado por dous módulos: o módulo de instrumentos, cos sensores científicos, o panel solar, a antena de comunicacións e o GPS; e o módulo multimisión, albergando sistemas estandarizados de enerxía, propulsión, control de actitude, comunicacións e xestión de datos. Ambos satélites tiñan unha masa duns 1900 kg e excederon de lonxe o seu tempo planeado de vida, duns tres anos: Landsat 4 se mantivo 25 anos recollendo datos e Landsat 5, 28 anos. Landsat 4 foi lanzado o 16 de xullo de 1982, mentres que Landsat 5 o foi o 1 de marzo de 1984, ambos mediante foguetes Delta 3920.[3][1]

Landsat 6 e 7

[editar | editar a fonte]

Landsat 6 foi un programa comercial conxunto entre a NOAA e a compañía EOSAT para proporcionar datos a diferentes aplicacións de busca de recursos terrestres e incluíndo monitorización ambiental, planificación urbanística e cartografía. O satélite levaba un único instrumento a bordo, o ETM, Enhanced Thematic Mapper, que obtiña imaxes en sete canais espectrais, seis no rango visible cunha resolución de 30 m e un no rango do infravermello térmico cunha resolución de 120 m. Landsat 6 estaba baseado no deseño dos satélites TIROS-N e foi lanzado o 5 de outubro de 1993 usando un foguete Titan II SLV, pero pouco despois do lanzamento perdeuse contacto coa nave, non conseguindo entrar en órbita.[4][1]

Landsate 7 pola súa banda foi un satélite conxunto da NASA, a NOAA e o servizo de estudos xeolóxicos dos Estados Unidos. Ao igual que Landsat 6, levaba como único instrumento un ETM. Foi lanzado o 15 de abril de 1999 mediante un Delta 7920.[4][1]

Landsat 8 e 9

[editar | editar a fonte]

Landsat 8 e 9 son parte da denominada Misión de Continuidade dos Datos de Landsat (Landsat Data Continuity Mission). Teñen unha masa de 3085 e 2864 kg respectivamente e foron lanzados o 11 de febreiro de 2013 e o 27 de setembro de 2021 mediante foguetes Atlas 5.[5][1]

Historial de lanzamentos

[editar | editar a fonte]
Misión[1][2][3][4][5] Data de lanzamento[1][2][3][4][5] Foguete lanzador[1][2][3][4][5] Notas[1][2][3][4][5]
Landsat 1 23 de xullo de 1972 Delta 900 Éxito
Landsat 2 22 de xaneiro de 1975 Delta 2910 Éxito
Landsat 3 5 de marzo de 1978 Delta 2910 Éxito
Landsat 4 16 de xullo de 1982 Delta 3920 Éxito
Landsat 5 1 de marzo de 1984 Delta 3920 Éxito
Landsat 6 5 de outubro de 1993 Titan II SLV Fallo
Landsat 7 15 de abril de 1999 Delta 7920 Éxito
Landsat 8 11 de febreiro xullo de 2013 Atlas 5 Éxito
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Mark Wade (2020). "Landsat" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ERTS 1 / Landsat 1, 2, 3" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Landsat 4, 5" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Landsat 6, 7" (en inglés). Consultado o 21 de agosto de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Landsat 8, 9 (LDCM)" (en inglés). Consultado o 21 de agosto de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]