Saltar ao contido

Lebre ibérica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lepus granatensis»)
Lebre ibérica

Lepus granatensis no seu hábitat natural.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Lagomorpha
Familia: Leporidae
Xénero: Lepus
Especie: L. granatensis
Nome binomial
Lepus granatensis
Rosenhauer, 1856
Distribución da Lepus granatensis gallaecius
Distribución da Lepus granatensis gallaecius

Distribución da Lepus granatensis gallaecius
Distribución na Península Ibérica
Distribución na Península Ibérica

Distribución na Península Ibérica
Subespecies
  • Galega (Lepus granatensis gallaecius)
  • Castelá (Lepus granatensis granatensis)
  • Mallorquina (Lepus granatensis solisi)

A lebre ibérica (Lepus granatensis) é unha especie de mamífero lagomorfo da familia Leporidae que só se atopa na Península Ibérica (coa excepción de Cantabria e os territorios situados ao norte do río Ebro) e a illa de Mallorca, onde foi probablemente introducida hai séculos e na actualidade é moi rara. Nalgunhas zonas de Galicia e León a súa distribución pode solaparse coa da lebre de piornal, propia dos montes de León; tamén se cita a súa presenza nalgúns xacementos do Plistoceno de Cataluña central, onde conviviría coa lebre europea, pero tales identificacións son cuestionables. Certas clasificacións antigas consideran a lebre ibérica como unha subespecie da lebre mediterránea ou do Cabo (Lepus capensis).

Descrición

[editar | editar a fonte]

A ibérica é a máis pequena das lebres que se poden atopar actualmente en España. O corpo mide ao redor de 45 centímetros, máis 10 de cola, e o peso varía entre os 2 e 2,5 quilos. O pelo é curto e de cor parda-avermellada, entreverado de negro no lombo, e branco no fociño, fazulas, bandullo, parte das patas (pés e parte superior, sendo o resto pardo) e a cola. O extremo das orellas e o dorso da cola son negros. A lebre ibérica diferénciase tamén por algunhas características da arquitectura do cranio, entre as que se atopa o ter os incisivos superiores máis inclinados cara a dentro. Os individuos de ambos os dous sexos son difíciles de diferenciar á primeira ollada, aínda que polo xeral as femias son de tamaño lixeiramente superior.

O hábitat requirido pola lebre ibérica é sumamente variable, pero polo xeral aberto e máis ou menos chan. Habita por igual en marismas que en praderías secas, ao nivel do mar ou en praderías de alta montaña, en chairas herbáceas ou cubertas de matogueira ou árbores baixas. Adáptase sorprendentemente ben ao impacto humano sobre o ambiente, ata o punto de que non é estraño vela en campos de cereais, hortas, oliveirais ou viñedos. Nestes últimos lugares adoita ser perseguida porque devora os froitos e gromos das plantas cultivadas, ademais de polo seu valor cinexético. Porén, é unha especie non ameazada, polo menos na Península Ibérica.

Como o resto de lebres, esta especie é tamén estritamente herbívora. Entre os seus depredadores habituais, á parte do home, atópanse os lobos, raposos, gatos monteses e grandes aguias, aínda que se calcula que ata unha trintena de especies animais (incluíndo mamíferos, aves e réptiles) poden alimentarse ocasionalmente da lebre ibérica. Para evitar isto, as lebres válense fundamentalmente dos seus agudos oído e olfacto e a súa capacidade para correr ata 70 km/h. A lebre non se contaxia de mixomatose, mais dende 1994 véñense observando casos de tularemia. Outra ameaza para esta especie é a mortaldade causada polas colleitadoras mecánicas nos campos de cereais, de recente introdución.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

As lebres ibéricas son animais solitarios que se poden reproducir en calquera época do ano, aínda que a maioría dos partos se concentran entre febreiro e abril e logo en xuño e xullo. O primeiro parto inclúe unha ou dúas crías, mentres que o normal nos posteriores son tres ou catro, que nacen tras 42-44 días. As femias teñen a capacidade de aparearse e gardar o esperma dun macho ata logo de ser fecundadas con outro, o que lles permite ter unha nova camada en pouco tempo. Se por algunha razón se interrompe a preñiz, a femia non aborta, xa que o seu corpo pode reabsorber o embrión morto.

As crías nacen nun sinxelo niño, o mesmo que a nai usa para durmir. Son notablemente precoces e nun ano xa son maduros sexualmente. As lebres poden vivir ata 9 anos en liberdade e 12 en catividade.

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Coñécense tres subespecies diferentes de lebre ibérica, que varían na cor e tamaño. A raza castelá ou granadina (L. g. granatensis) é a máis abondosa e distribúese por Andalucía, Estremadura, a Meseta Central, Valencia e sur de Aragón e Cataluña.

A lebre de Galicia (L. g. gallaecius), que ocupa o noroeste peninsular, caracterízase pola súa pelaxe máis escura, mentres que a lebre de Mallorca (L. g. solisi) é máis clara, pequena e paticurta. A lebre mallorquina é un animal notablemente raro, do que non se rexistraron avistamentos fiables dende hai anos, polo que podería estar extinta hoxe en día.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]