Saltar ao contido

Técnica Levallois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Método Levallois»)
Gran lasca Levallois achelense

A técnica Levallois é un procedemento complexo de lascado que, por medio dunha preparación especial da cara superior do núcleo (e, opcionalmente, da súa periferia e a súa plataforma de percusión) consegue preconcibir ou predeterminar, total ou parcialmente, a forma e o tamaño da lasca, antes de ser extraída. Deste xeito, a talla lítica segue uns pasos concretos que levan a uns resultados formais moi específicos. Empregouse na Prehistoria, en especial no Paleolítico Medio.

Este procedemento lítico debe o seu nome a que os primeiros achados tiveron lugar no século XIX nos arredores de Levallois-Perret, preto de París. Hai que subliñar que o concepto Levallois variou moito desde entón ata a actualidade: ao primeiro non se distinguía a extracción predeterminada da discoide, polo que ambas as dúas denominábanse xenericamente «núcleos musterianos». Foi Henri Breuil o primeiro en usar o termo Levalloisien aínda que pondo énfase na morfoloxía tanto das lascas coma dos núcleos, que se describían desde un punto de vista totalmente formal.

Variantes

[editar | editar a fonte]

Dentro do concepto Levallois, os especialistas distinguen diversos modelos en función, tanto do produto a obter, coma da estratexia seguida para iso. Así, por unha banda distínguense os núcleos Levallois para lascas dos que están destinados a obter follas ou dos que producen puntas. Doutra banda, diferénciase entre os núcleos de extraccións reiterativas, é dicir, que permiten obter varios produtos de lascado cunha soa preparación, dos de extraccións preferenciais, ou sexa, aqueles nos que se obtén unha única peza, sendo necesaria unha nova preparación cada vez que se desexe obter outra peza. Para rematar, tamén se distinguen os núcleos nos que a explotación é centrípeta dos que a teñen paralela ou polarizada. Con todo, persisten, entre os especialistas, diferenzas na forma de ver o concepto ou idea Levallois, tanto sobre as variantes que poden incluírse dentro do método base, coma nos atributos que deben ter os produtos obtidos deste xeito. De feito, as experiencias de talla e as análises de pezas arqueolóxicas están demostrando que existen estratexias de talla moi diferentes coas que se poden obter produtos practicamente equivalentes.

A obtención de lascas Levallois

[editar | editar a fonte]

A lasca Levallois, en sentido estrito, pódese obter por métodos diferentes que se poden agrupar en dúas categorías: aquela que consiste en preparar o núcleo para obter unha gran lasca predeterminada, aproveitando ao máximo a súa superficie de explotación e conseguindo un control máis estrito de produto, mais cun gasto de enerxía maior, e por outra banda a obtención dunha serie máis ou menos numerosa de lascas predeterminadas cunha soa preparación, conseguindo un maior aforro enerxético, pero perdendo certo control sobre o produto e obtendo pezas máis pequenas en relación ao núcleo-soporte

O método clásico: a extracción preferencial

[editar | editar a fonte]
Reconstrución hipotética da extracción dunha lasca Levallois preferencial

O núcleo Levallois para unha lasca preferencial é o prototipo clásico. O procedemento que se segue comeza, neste caso, pola elección dun canto-soporte: un seixo arredondado lixeiramente, alongado e patelo, que se prepara, cun percusor duro, tallando perifericamente un plano de percusión que servirá para mondar a cara principal do núcleo por medio de levantamentos centrípetos. Se é preciso, prepárase, ademais, unha plataforma de percusión situada, xeralmente nun dos extremos estreitos do soporte, para poder dar o golpe no mesmo sentido que o seu eixe de alargamento. Desde este plano de percusión, extráese cun único golpe, que, forzosamente, ha ser certeiro e dirixido cara ao centro do núcleo, unha gran lasca Levallois cunha forma que xa fora preconcibida antes grazas á forma máis ou menos convexa e regular da cara principal do núcleo. Esta lasca será, normalmente, máis longa que larga e con varios negativos centrípetos na súa cara superior (polo menos catro) que son as cicatrices propias da preparación do núcleo. Algúns núcleos Levallois teñen a particularidade de que, ás veces, reciben o golpe no lateral, e non no extremo, polo que as lascas son tan largas coma longas, ou mesmo máis. Unha vez explotados e abandonados, estes núcleos teñen unha forma moi característica na que destaca a preparación bifacial periférica de sección planoconvexa e un gran negativo de lascado que ocupa practicamente toda a cara principal do núcleo. En Europa e, máis concretamente, en España, os núcleos Levallois aparecen no Achelense, pero a maioría das veces, teñen o golpe no lateral, e non lonxitudinal; do mesmo xeito, as lascas Levallois do Paleolítico Inferior son máis largas que longas. En cambio, o Levallois do Paleolítico Medio é o típico coa extracción alargada e mellor controlada. Identifícanse varias fases iniciais «pre-Levallois» en Stellenbosch (Suráfrica), outra fase «proto-Levallois» denominada máis especificamente dependendo das súas características e rexións, como Vitoria-Oeste en Uganda e tipo Kerzaz en Alxeria, ata chegar ao Levallois propiamente dito que liga xa coas evidencias coñecidas en Europa, durante o Achelense pleno.

Un método alternativo: a extracción reiterativa centrípeta

[editar | editar a fonte]

A finais dos anos 80, o investigador francés Éric Boëda estudou detidamente unha serie de pezas musterianas procedentes do asentamento de Biache-Saint-Vaast (Paso de Calais) descubrindo que, durante o Paleolítico Inferior e Medio existía unha variante Levallois que pasara desapercibida ou que fora identificada cunha técnica de lascado habitual neses períodos prehistóricos, a extracción centrípeta discoide (que non leva consigo lascas predeterminadas). Pouco despois realizou unha profunda revisión do método Levallois a través do estudo destes e outros obxectos arqueolóxicos e de experiencias de talla. Boëda dedica gran parte dos seus traballos a establecer as diferenzas entre núcleos Levallois reiterativos centrípetos e os núcleos discoides de extracción centrípeta. Así mesmo propúxose establecer a relación entre o método Levallois clásico, para unha lasca preferencial, e este procedemento repetitivo. Tanto o núcleo Levallois reiterativo, coma o Discoide comparten unha estratexia de explotación centrípeta moi rendible; pero, mentres que o Levallois ten unha superficie principal de explotación escasamente cambada, case plana, o núcleo discoide tenas moi cambadas, practicamente (bi)piramidais ou, cando menos, claramente (bi)convexas. Isto débese a que a concepción volumétrica da técnica Levallois é peculiar: os núcleos Levallois centrípetos reiterativos teñen un plano de percusión circundante, preparado para obter unha boa morea de lascas predeterminadas, golpeando perifericamente; ademais, a cara de explotación é bastante plana, cunha preparación moi similar á dun núcleo Levallois clásico, o cal permite aproveitar ao máximo a súa superficie e obter lascas relativamente grandes e invasoras, reiteradamente. É dicir, mentres que nun núcleo non Levallois centrípeto bifacial ambas as caras son equivalentes, pois ambas as dúas se traballan para extraer lascas (de aí, a súa morfoloxía biconvexa, visto de perfil); un núcleo Levallois reiterativo, en troques, é planoconvexo porque cada cara ten unha función diferente: unha actúa de plataforma de percusión periférica e a outra de zona de explotación centrípeta.

Núcleo Levallois con percusión lateral para unha lasca curta

Por outra banda, tanto os núcleos Levallois para obter unha soa lasca preferencial, coma os núcleos Levallois reiterativos centrípetos teñen unha fase de preparación moi similar, por non dicir idéntica. Pero nos primeiros a preparación só conduce a unha lasca de morfoloxía equilibrada, perfectamente predeterminada na cal se aproveita toda a superficie de explotación (gástase moita enerxía para unha soa extracción, pero o control é moi alto, se non hai erros ou accidentes). En cambio, nos segundos, a rendibilidade enerxética é maior, ao obterse unha serie considerable de lascas predeterminadas, de tamaño e forma estandarizados (aínda que con menos control sobre cada peza). As lascas tamén son invasoras, aínda que non tanto e teñen a particularidade engadida de que o seu negativo serve para preparar a extracción da lasca seguinte, por iso o método reiterativo proporciona pezas cunha cara superior con varios negativos de lascado, un dos cales pode ser máis grande que os demais, ao ser o resultado dalgunha outra lasca obtida con anterioridade. Por oposición, as lascas obtidas polo método clásico (preferencial), teñen unha serie de negativos centrípetos, todos de tamaño moi similar, na súa cara superior.

A obtención de puntas e follas Levallois

[editar | editar a fonte]

Separadamente das lascas en sentido estrito, o método Levallois tamén se utiliza para obter produtos de lascado máis especializados, especialmente puntas e follas líticas, que, en ambos os dous casos, requiren unha preparación diferente á que se describiu anteriormente.

Obtención de puntas Levallois

[editar | editar a fonte]
Punta Levallois - Beuzeville

Os núcleos Levallois para puntas prepáranse de diversos modos, todos moi específicos, que buscan crear un nervio lonxitudinal na cara de explotación do núcleo (o chamado nervio Levallois). Existen diversos medios para obter ese nervio, tal como se puido demostrar nos experimentos de talla e na recolocación de pezas procedentes de sitios arqueolóxicos. Este nervio é o suficientemente prominente como para dirixir a fractura da lasca, ao golpear nunha plataforma especificamente preparada para iso. As pezas así obtidas teñen unha morfoloxía triangular simétrica, cunha zona proximal ancha (na que se conserva un talón diedro ou facetado) e unha zona terminal moi afiada dividida en dúas polo mencionado nervio a modo de bisectriz, ademais de ser, vistas de perfil, moi finas e equilibradas. Cando a punta extraída non alcanza os límites da cara de explotación do núcleo, é posible aproveitar esa preparación para obter unha segunda punta Levallois que levará na súa cara superior o negativo da peza extraída previamente. Aínda que isto ocorre raras veces, o procedemento puido ser reproducido experimentalmente por François Bordes, quen fala, por iso, de puntas Levallois de primeira e segunda orde.

Extracción dunha punta Levallois

Obtención de follas Levallois

[editar | editar a fonte]

Xa desde o Paleolítico Medio o ser humano é capaz de obter lascas suficientemente alargadas como para seren cualificadas de follas obtidas conscientemente, é dicir, non dun modo fortuíto, senón predeterminadas no núcleo por medio dunha das variantes da técnica Levallois. Os núcleos Levallois para follas combinan a elección dun canto-soporte morfoloxicamente moi adecuado, isto é, máis alargado, cunha preparación Levallois particular que conforma unha cara cambada case cilíndrica. Golpeando desde un ou ambos os extremos do soporte (polos), con percusións paralelas (polarizadas), as lascas obtidas son alargadas (follas). Dado que os negativos das follas xa extraídas, ao seren lonxitudinais e case paralelos, serven para preparar a extracción das follas seguintes (dirixindo as ondas de fractura), non é necesario volver acomodar a superficie do núcleo para continuar explotándoo; por iso dise que este é un método de extracción reiterativo (ou recorrente)