Saltar ao contido

Moinante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Merchero»)

Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.

Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas. Da expresión quincalleros vén a de ser chamados quinquis. Tamén son coñecidos como: Los Hombres Echaos P’Alante, Languilleros, Los Hombres de la Laña, Traperos, Quinaores, Cibiqueros ou Merchuzos.

Moinante é o termo máis empregado para designalos e, tamén, o empregado por eles. En España calcúlase que hai 150.000 moinantes aínda que non existen estatísticas fiables nin estudos[1].

Os mercheros tradicionalmente vivían en Castela, o val do Ebro e o norte de Estremadura, habendo tamén pequenas comunidades en Galiza e Portugal. Non hai datos concretos da súa orixe xeográfica nin da súa orixe étnica. Sábese que antes da chegada dos xitanos a España en 1442 non hai constancia da súa estadía en España. Non existen similitudes físicas, culturais nin lingüísticas entre os mercheros e os xitanos españois. As primeiras referencias históricas dos mercheros son do século XVI[2].

Os propios moinantes establecen a súa orixe nos campesiños casteláns despoxados de terras, que se converteron en nómades despois dunha longa época de fame e de epidemias no rural do século XVI. Moitas palabras da súa fala datan da Idade de Ouro española, quinqui, baranda ou peluco son palabras da súa fala e están totalmente aceptadas na linguaxe popular. Os moinantes valoran o senso do honor e a palabra dada que sempre debe ser cumprida. Entre estes valores destacan o sentido da superioridade racial, o estoicismo e a lealdade ao grupo.

A característica como grupo homoxéneo e excluínte e a súa marcada preferencia pola endogamia son tamén trazos deles. Excluídos dos gremios, discriminados pola sociedade e ignorados pola Igrexa católica por ser pobres, formaron un grupo afastado da sociedade e adicado a viaxar en carromatos polas chairas de Castela e o val do Ebro durante varios séculos por rutas transhumantes de gando. A lei contra o nomadismo de Carlos III, establecía que os transgresores fosen marcados a lume co escudo de armas de Castela. Ata finais do século XVIII foi práctica habitual azoutalos publicamente. A Igrexa católica excluíunos dos sacramentos durante décadas, debido a súa condición nómade e á súa forma de vida independente. Ata os anos 1950 foron exclusivamente nómades vivindo sen documentación e á marxe de calquera organización da Administración. Foron obrigados a se asentar baixo leis como a Lei de vagos e maleantes que perseguía a calquera que non tivese domicilio fixo e traballo recoñecido. Co uso do plástico nos trebellos de cociña e a "cultura" de usar e tirar, xa non había nada que fabricar, vender ou reparar e a imposibilidade de atopar traballo levounos a unha situación de chabolismo.

En 1965, tres mozos chabolistas pobres e analfabetos con idades de 19 a 22 anos atracaron unha xoiería en Madrid. Mataron a un vixilante na fuxida. Estes mozos, entre os que estaba Eleuterio Sánchez Rodríguez "El Lute", foron condenados a morte por un tribunal militar. As penas de morte foron conmutadas por cadea perpetua por Franco. Dende entón os mercheros pasaron a ser inimigos perseguidos pola Garda Civil, e quinqui pasou a ser sinónimo de delincuente.[Cómpre referencia]

Organización social

[editar | editar a fonte]

A base da súa sociedade e da vida dos moinantes é a familia. Basicamente son unha sociedade patriarcal. O pai ten autoridade absoluta sobre os fillos, no caso de falecer a autoridade pasa ao fillo varón de máis idade. A diferenza dos xitanos non teñen xefe do clan.

Na vida social os moinantes case non teñen celebracións. Non fan rituais matrimoniais. As parellas únense polo procedemento da fuga (que acostuma producirse co consentimento das familias) ou por “adjuntamiento”. Esíxese a ambos fidelidade absoluta e toda infidelidade é castigada coa expulsión do clan. O rito do pano consistente en comprobar a nai do futuro esposo antes da voda a virxindade da noiva non sempre se fai. Son moi infrecuentes os matrimonios fóra do grupo aínda que os hai con xitanos e máis raramente con brancos. Os moinantes non procesan ningunha relixión aínda que nos últimos tempos algúns se achegaron ao evanxelismo e ao neocatecumenalismo. O seu código moral baséase en honrar aos pais e non traizoar xamais a outro moinante.

Os moinantes en Galiza

[editar | editar a fonte]

No ano 2002 a empresa compostelá Obradoiro de Socioloxía fixo un estudo sobre a comunidade moinante. En Carballo están censadas 167 familias de moinantes, que agrupan a 600 persoas. Oito de cada dez individuos naceron en Carballo. Un 66% di que os seus antergos tamén son do concello. O 51,4% ten familia noutros lugares, a maioría non está máis lonxe de Bergantiños (Coristanco) ou da provincia da Coruña (Castiñeiro do Lobo-Ames e Irixoa). A poboación é moi nova. Catro de cada dez persoas teñen menos de 16 anos, e só o 4,1% supera os 65. No 77,8% dos fogares hai parellas, normalmente son matrimonios civís ou unións de feito.

No estudo tamén chegaron á conclusión de que son «moitos máis», xa que a poboación negaba a súa pertenza ao grupo. Unha das características que destaca a investigación e que puidese ser consecuencia das connotacións negativas que ten ser chamado moinante. En Carballo a palabra moinante ten connotacións negativas, considérase como un insulto e incluso hai documentación que confirma a prohibición de empregala nos centros de ensino[3]. Os moinantes están localizados en zonas de Carballo como A Brea, O Campo da Feira, A Revolta, Carballo de Arriba, A Colina ou O Sisto. Segundo a Garda Civil serían unhas 1.000 persoas contando as que viven no Carrizal, Coristanco[4].

Durante o curso 2003/2004 María Luisa López Losada, profesora do colexio Xesús San Luis Romero do barrio de A Milagrosa en Carballo, fixo un estudo que publicou na revista Ensaio editada pola Xunta de Galicia. O estudo está baseado na súa experiencia nun centro con máis do 70% do alumnado pertencente a este grupo social. No grupo de 116 nenos había algúns con «graves problemas psicofísicos» pola endogamia familiar.

Nas súas conclusións sobre a integración do alumnado contribuíu a desterrar dúbidas e sentimentos de inseguridade por parte do profesorado e persoal implicado; tamén estimulou grandemente a aceptación por parte do alumnado. Produciuse unha empatía entre todos na clase cun incremento do compromiso motor, a socialización, o coñecemento e o respecto. O proceso de ensinanza, aprendizaxe nas aulas, coa mestura, debe ser necesariamente dinámico, flexible e, sobre todo, creativo.[5]

Código de linguaxe

[editar | editar a fonte]

A lingua quinqui esta recoñecida baixo a norma ISO 639-3 co código quq.[6]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]