Nosoutras
Nosoutras | |
---|---|
Autor/a | María Victoria Moreno |
Cuberta | María Montes Sueiro |
Lingua | Galego |
Colección | Literaria |
Xénero(s) | Narrativa |
Editorial | Urco Editora |
Data de pub. | 2-4-2018 |
Páxinas | 88 |
ISBN | ISBN 978-84-15699-75-0 |
Tradución | Xavier Senín Fernández |
[ editar datos en Wikidata ] |
Nosoutras é unha obra narrativa da estremeña María Victoria Moreno Márquez publicada postumamente en 2018[1].
Descrición
[editar | editar a fonte]Son sete textos, 5 en castelán e dous en galego, escritos en diferentes momentos e que non estaban pensados para os lectores de literatura infantil e xuvenil cando foron redactados. En todos eles destaca o protagonismo da muller e o seu sufrimento nun rexistro con abundancia de lirismo e unha coidada técnica narrativa.
A idea de liberdade embebe as follas deste libro que ofrece unha magnífica oportunidade para comprobar a evolución narrativa da autora[2].
Para María Hermida En Nosoutras, María Victoria Moreno fai protagonistas ás mulleres. Fala de mulleres que aturan, de mulleres que calan e doutras que se rebelan. Fala de mulleres que sufrían antes e que sofren agora porque, desafortunadamente, as historias que conta seguen vixentes[3].
Nosoutras
[editar | editar a fonte]É o relato que dá título ao libro e foi atopado entre os inéditos da autora. Debeu ser escrito entre 1987 e 1990, porque fala de que dá clases no Instituto de Vilalonga[4]. Segundo Ramón Nicolás: “Nosoutras” non resulta, en sentido estrito, un relato; máis ben é un texto -ata agora inédito- onde a autora reclama e reivindica un espazo propio para aquelas voces que, canda ela, camiñan no labor de dignificación da literatura xuvenil e infantil en lingua galega, ... O texto, que ben podía considerarse un manifesto -mesmo descoñecido polas autoras amentadas tal e como sinala o prologuista do libro- ilumina un labor que a propia Moreno considera inxustamente invisibilizado e que considera deste xeito: “Escribimos con decoro, integrámonos na literatura do noso pobo e non fixemos máis que comezar…”.[5]
É unha especie de manifesto de cinco escritoras: Nosoutras somos cinco mulleres de Galicia, é dicir, cinco entre as moitas mulleres que neste recanto do mundo viven, traballan e apostan polo futuro: Palmira G. Boullosa, Helena Villar, Ana Mª Fernández, Úrsula Heinze e María Victoria Moreno ... As cinco somos profesionais convencidas do ensino [6].
Conta os méritos docentes e literarios de cada unha delas. Reivindica a literatura galega e fala das tres etapas polas que esta pasou. Remata: poñamos punto final a esta representación coa mesma palabra que emprega Ramón Cabanillas para cerrar Na noite estrelecida, o libro máis alentador que se leva escrito en Galicia: ESPERADE [7].
O aguinaldo
[editar | editar a fonte]Este relato xa foi publicado na novela Onde o aire non era brisa e inclúese neste volume por cortesía da Editorial Galaxia.
Comeza coa descrición de Torralba de Alcor, da saída da misa dominical e as tertulias das mulleres. Dúas señoras tratan co cura o aguinaldo de Nadal. As pobres recollen os agasallos das mans das señoras cheas de xoias. Ignacio chega bébedo á casa e bate na muller por ir buscar o aguinaldo. Quedan os doces tirados polo chan. Os meniños van ir lambendo os restos no chan mentres o pai dorme. Entra a nai, ve o chan limpiño e os garavanzos recollidos, acobilla o seu fillo Anxo.
A gaiola
[editar | editar a fonte]Neste relato xa está presente o galego e foi presentado por María Victoria Moreno en 1971 aos Jogos Florais Minho-Galaicos convocados pola Associação Cultural e Recreativa Convívio de Guimarães mais non acadou premio. Este conto constitúe case con total seguridade a primeira contribución súa á nosa literatura, e sobre el declarou nunha entrevista ao Diario de Pontevedra aló polo 1971: é o que escribín con máis cariño, o máis humano e o que maior satisfacción me deixou cando gardei a pluma e o lin enteiro[8].
O relato comeza coa cita dos versos de Rosalía de Castro Adiós ríos, adiós fontes… Preséntase a lembranza da aldea fronte á cidade. A parella que emigra ao mundo urbano e lembran a vida anterior. Mais el morre:
Ela chora a súa perda e lembra que o mataron nunha manifestación de protesta. A ela ofrecéronlle 100.000 pesetas para que cale e diga que foi un accidente. Remata:
Eu xa sei que as mulleres deben calar decotío. Eu xa sei que deben baixar a cabeza. Eu xa sei... Mais a min tocoume falar unha volta e berrei:
MERDA [10]
A casa das Marías
[editar | editar a fonte]O orixinal castelán foi presentado, como o anterior, por María Victoria Moreno en 1971 aos Jogos Florais Minho-Galaicos convocados pola Associação Cultural e Recreativa Convívio de Guimarães e gañou o primeiro premio.
Lorenzo volve da feira e fala cunhas mulleres que lle comentan que mataron as Marías camiño da Fonsanta.
María a vella cosía na rúa. A filla anda enleada co cura e quedou preñada.
Lorenzo senta na casa e lembra mentres a muller, Lucía, lle pregunta.
Sábese da vida de María a nova, os seus problemas e como lle dan cartos para que fuxan do lugar.
Lucía pregúntalle a Lourenzo quen matou as Marías. Chega a parella da Garda Civil e lévano. Confesa que o por qué o fixo.
As follas feren xemendo
[editar | editar a fonte]Las hojas hieren gimiendo foi escrito nos primeiros anos da década de 1970 e apareceu cos inéditos que a familia da autora cedeu para a súa publicación.
É o monólogo dunha muller dentro dun camión de feirantes mentres o marido ronca e as moscas o enchen todo. Lembra a súa vida e como chegou esta situación.
Contra a noite
[editar | editar a fonte]Hacia la noche comparte a historia da publicación co conto anterior.
É un relato que formalmente se podería encadrar na Nova Narrativa Galega e protagonizado por unha muller que perdeu a súa nai.
Nocturno en tres tempos
[editar | editar a fonte]Tamén en galego, foi publicado en La Voz de Galicia o 25 de agosto de 2004 na sección “Relatos de verán”.
Relato moi breve en tres parágrafos dunha lembranza, un recordo amoroso.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moreno, María Victoria (2018). Nosoutras. Urco Editora. ISBN 978-84-15699-75-0.
- ↑ "Nosoutras...". pontevedraviva.com. Consultado o 19/08/2018.
- ↑ "«Nosoutras» amosa o interese de María Victoria Moreno por dignificar as mulleres". La Voz de Galicia. Consultado o 19/08/2018.
- ↑ Moreno 2018, p. 22.
- ↑ "Nosoutras, de María Victoria Moreno". Caderno da Crítica. Consultado o 19/08/2018.
- ↑ Moreno 2018, p. 17.
- ↑ Moreno 2018, p. 22-23.
- ↑ "Nosoutras". lecturafilia.com. Consultado o 19/08/2018.
- ↑ Moreno 2018, p. 46.
- ↑ Moreno 2018, p. 48.
- ↑ Moreno 2018, p. 54.
- ↑ Moreno 2018, p. 55.
- ↑ Moreno 2018, p. 57.
- ↑ Moreno 2018, p. 59.
- ↑ Moreno 2018, p. 66.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Andrea Jamardo, "Nosoutras" de María Victoria Moremno Arquivado 20 de agosto de 2018 en Wayback Machine. COPE.