Saltar ao contido

Notario, notaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Notaria»)
Unha notaría en Vigo

O notario é un axente con delegación do poder público que labra e fai as averbacións nos seus libros de notas os instrumentos dos actos xurídicos que lle son solicitados polas persoas interesadas, facéndoo con observancia das normas xurídicas pertinentes, incluíndo as de Dereito Tributario.

O notario ten como función recibir, interpretar e dar forma legal á vontade das partes en actos xurídicos extraxudiciais, labrando os instrumentos necesarios a ese fin, conferíndolles fe pública e asegurándolles a respectiva conservación, forza probatoria e forza executiva.

O notario é herdeiro dunha figura do dereito romano, o tabelión, que coexistía con outros profesionais relacionados. Coa caída do Imperio a maioría destas figuras van esmorecendo e o tabelion, que redactaba actas e convenios, converxe cos tabularii, funcionarios que elaboraban listaxes oficiais. Esta confluencia atribúese a unha confusión intencionada do insigne xurista Accursio nas súas glosas e axiña outros xuristas comezaron a utilizar ambas formas como sinónimas. O uso da palabra notario aplicábase nesa época fundamentalmente aos notarios da igrexa que evidentemente eran moito máis comúns que os outros, polo que o nome pasou xa no século XIII a designar os escribáns ou tabelións.

Rainero de Perugia, profesor na Universidade de Boloña publicou arredor de 1230 o Ars notariae, onde define a notaría como o estudo especializado no Dereito material da escrituración de contratos e últimas vontades. A primeira codificación destas figuras foi nas Partidas de Afonso X onde o único nome que se aplica é o de escrivano (escribán). A seguinte reforma será a “Pragmática de Alcalá” do 7 de xuño de 1503. Non se produciu ningún cambio lexislativo importante ata o 28 de maio de 1862 coa aprobación da Lei orgánica do notariado.

O notariado en diferentes países

[editar | editar a fonte]

En xeral a figura é similar en todos os países de dereito romano-xermánico (o que inclúe toda a Europa continental e América latina).

En España os notarios teñen o dobre carácter de funcionarios públicos e profesionais do dereito segundo o establecido na Lei do Notariado. A súa retribución é por arancel determinado por Real Decreto. O Ministro de Xustiza ostenta tamén o título de "Notario Maior do Reino", por actuar como fedatario de acontecementos como o xuramento dos altos cargos.

En Portugal coexiste o público e o privado, mais irán pasar todos a privados.