Saltar ao contido

Oxixia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ogigia»)
Hermes ordénalle a Calipso que deixe partir a Odiseo.

Oxixia ou Ogigia (en grego: Ὠγυγίη ou Ὠγυγία; Ogygiē/Ogygia) é unha illa mencionada na Odisea de Homero. Nela habitaba a ninfa Calipso, filla do titán Atlas, quen retivo durante sete anos o heroe grego Odiseo, ofrecéndolle converterse en inmortal se aceptaba quedar con ela na illa. Mais, a instancias de Atenea, protectora de Odiseo, Zeus decretou que Calipso debía deixar partir o heroe. Hermes levoulle a Calipso a orde de Zeus, e Odiseo abandonou a illa nunha pequena balsa.

A localización xeográfica desta illa, como doutros lugares mencionados na Odisea, non se sabe con certeza. O xeógrafo Estrabón[1] consideraba que Oxixia se encontraba nalgún punto do pélago Atlántico. Tamén Plutarco situou a illa no Atlántico.

Na súa Historia de Irlanda, publicada en 1865, Roderic O'Flaherty referiuse a Irlanda como Ogigia. Outras hipóteses modernas identifican a illa homérica coa maltesa Gozo, coa illa Perejil[2] ou coa corfiota Othonoi.[3]

  1. Estrabón, Xeografía i.2.18.
  2. Unamuno, Miguel de (25/07/2002). "España-Perejil y la isla de Calipso". El País. Consultado o 18 de marzo de 2012. 
  3. Voyatzis, G.; Petris, T.; Desipris, G. (2007). "Ozoní". En Toubi's. Corfú y Paxós. Koropi (Ática). pp. 158–159. ISBN 978-960-540-742-1.