Saltar ao contido

Cadea de ósos do oído

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Osículos do oído»)
Cadea de ósos do oído medio. a. Membrana timpánica. b. Martelo (aplicado á membrana timpánica). c. Bigornia. d. Estribo (aplicado á membrana oval). e. Oído medio.

A cadea de ósos do oído ou osículos do oído (ossicula auditus, ossicula auditoria, TA) está formada por tres pequenos ósos situados na cavidade do oído medio, chamados martelo, bigornia e estribo, sostidos na súa posición por unha serie de ligamentos. Conectan a membrana timpánica coa ventá oval, transmitindo as vibracións sonoras desde o oído externo ao oído interno. Transforman a onda sonora que viaxa polo aire que enche o oído externo nunha onda no líquido da perilinfa que enche o oído interno. A ausencia ou mal funcionamento destes osículos orixina perdas de audición de moderadas a graves.

Martelo.

O martelo (malleus) é o óso máis grande e máis lateral da cadea de ósos do oído, e está unido á membrana timpánica. O óso pode dividirse nas seguintes partes: cabeza, colo, mango (manubrio) e dúas apófises.

O mango ou manubrio é a parte que está pegada á membrana timpánica coa que se fusiona polo seu periósteo e unha fina capa de cartilaxe. Ascende cunha inclinación cara a adiante e acaba formando a apófise lateral, onde acaba a unión coa membrana timpánica. Máis arriba desta apófise está o estreito colo do martelo e seguidamente a cabeza do martelo, voluminosa, na que se insire o tendón do músculo tensor do tímpano e ten unha faceta articular (dividida en dúas por unha pequena crista) pola que se une coa bigornia. Polo beira inferior desta faceta está a inserción do ligamento lateral do martelo. Da parte anterior do colo do martelo sae a fina apófise anterior do martelo, que se continúa co ligamento anterior [1].

Bigornia.

A bigornia (incus) é o segundo óso da cadea, articulado co martelo e o estribo. Pode dividirse nun corpo, dúas ramas e a apófise lenticular.

O corpo da bigornia é a parte máis voluminosa, e ten na súa parte anterior unha articulación con forma de sela para a cabeza do martelo e dela saen as dúas ramas. A rama curta (crus breve) esténdese horizontalmente cara a atrás e acaba no ligamento posterior da bigornia. A rama longa (crus longum) esténdese verticalmente cara a abaixo, e ao final cúrvase un pouco e remata na apófise lenticular redondeada, pola que se articula co estribo (esta apófise ás veces se ten explicado como o "óso lenticular" do oído, pero en realidade é unha apófise pertencente á bigornia) [1].

Estribo.
O estribo é o óso máis pequeno do corpo.

O estribo (stapes) é o último óso da cadea, que conecta a bigornia coa membrana oval. É o óso máis pequeno do corpo e ten forma de estribo para montar a cabalo.

Consta de cabeza, colo, dúas ramas e unha base. A pequena cabeza articúlase por medio dunha enartrose co proceso lenticular da bigornia, e ten unha rugosidade na súa parte dorsal para a inserción do músculo estapedio. Vai seguida dun colo do que parten dúas ramas arqueadas non perfectamente simétricas, que acaban nunha base ou platina de forma oval e aplanada que se sitúa pechando a ventá oval. A base está cuberta de cartilaxe hialina e únese ao bordo da ventá oval por medio do ligamento anular do estribo [1].

Funcións

[editar | editar a fonte]

As ondas sonoras que viaxan polo aire fan vibrar a membrana timpánica, esta á súa vez fai vibrar o primeiro dos osiños, o martelo, pegado a ela. O martelo transmite as vibracións, á bigornia e esta ao estribo. O estribo empuxa a membrana oval que é o límite co oído interno, o que crea unha onda no líquido da perilinfa que enche o oído interno, que estimulará os fonorreceptores da cóclea. A membrana timpánica permanece en tensión pola acción constante do músculo tensor do tímpano, o que permite que se transmitan as vibracións xeradas en calquera porción da membrana.

Os osículos danlle á membrana timpánica vantaxe mecánica ao actuaren como unha panca e reduciren a área de distribución da forza; as vibracións serían moito menores se as ondas sonoras se transmitisen directamente á membrana oval. Por tanto, funcionan como un sistema de amplificación das vibracións. Pero esta amplificación non se consegue aumentando a amplitude do movemento, o cal é na base do estribo só 2/3 do que é no mango do martelo, senón que se consegue multiplicando por 1,3 a forza coa que o estribo golpea a membrana oval comparada coa forza inicial. A presión que exerce o estribo sobre a membrana oval é unhas 22 veces maior ca a exercida pola onda sonora sobre a membrana timpánica, porque a timpánica ten uns 55 mm2 de superficie e a oval só uns 3,2 mm2, polo que a enerxía se concentra sobre unha superficie máis pequena.[2]

A membrana timpánica e o sistema de osículos proporcionan un emparellamento de impedancia elevado entre as ondas sonoras do aire e as vibracións da perilinfa na cóclea.

Porén, o grao dos movementos dos osículos está controlado (e restrinxido) por certos músculos unidos a eles (o tensor do tímpano e o estapedio). O tensor do tímpano tira do mango do martelo cara a dentro e o estapedio tira do estribo cara a fóra, dándolle máis rixidez ao conxunto, o que dificulta a transmisión de sons de frecuencias baixas. A misión destes músculos crese que é a de contraerse para amortecer a vibración dos osículos, para así protexer o oído interno de ruídos excesivamente fortes ou ben, segundo outra teoría, proporcionaren unha mellor resolución de frecuencias a altas frecuencias ao reduciren a transmisión das baixas frecuencias do ruído de fondo (ver reflexo acústico). Estes músculos están máis desenvolvidos nos morcegos e serven para bloquear os chíos dos morcegos durante a ecolocación.

Ás veces, as articulacións entre os osículos fanse ríxidas. Unha condición chamada otoesclerose orixina a fusión do estribo coa ventá oval, o cal reduce a audición e pode ser tratada cirurxicamente.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Os ósos do oído dos mamíferos están no embrión en estado cartilaxinoso unidos ao dentario, que forma a mandíbula. En fases posteriores do desenvolvemento, esta estrutura sepárase da mandíbula e migra á área ótica interna, e forma o oído medio, cos seus tres ósos e a membrana timpánica. No home orixínanse a partir das cartilaxes de Meckel (que orixina o martelo e a bigornia) e de Reichert (que orixina o estribo) relacionadas coa mandíbula [3]. Nos humanos, os tres ósos pasan por unha fase cartilaxinosa inicial e xa están osificados no cuarto mes de xestación.

Evolución

[editar | editar a fonte]
Mandíbulas de mamíferos e réptiles. Nos mamíferos a mandíbula está formada só polo dentario e nos réptiles ademais por outros ósos como o, angular, cadrado e articular. O articular e cadrado darían orixe ao martelo e bigornia do oído dos mamíferos, respectivamente.

Os ósos do oído dos mamíferos orixináronse a partir de ósos mandibulares de réptiles [4]. O óso do oído máis antigo deriva do óso hiomandibular, que se foi reducindo ata dar lugar á columela dos réptiles [5], que daría orixe ao estribo. A columela conectaba o tímpano co oído interno transmitindo as vibracións, e era, en principio, o único óso do oído. Os réptiles tiñan unha mandíbula formada polo óso dentario (que leva os dentes) e varios ósos postdentarios, como o angular, cadrado e o articular. Os mamíferos modificaron a mandíbula, que quedou reducida só ao dentario, e cambiaron a articulación mandibular, de modo que os ósos angular, cadrado e articular se fixeron máis pequenos, separáronse da mandíbula, e o articular deu lugar ao martelo, e o cadrado á bigornia [5], que quedaron articulados co xa existente columela/estribo, e o angular orixinou o anel timpánico, que sostén a membrana timpánica. Isto mellorou a audición destes animais, porque aumentou a resposta oscilatoria destes ósos ás vibracións transmitidas. Estes cambios tamén modificaron a inserción dos músculos mandibulares e o funcionamento da mandíbula. Esta evolución do oído evidencia que réptiles e mamíferos teñen devanceiros comúns.[6]

  1. 1,0 1,1 1,2 G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 911-913. ISBN 84-7605-359-2.
  2. A. C. Guyton. Tratado de Fisiología Médica. 6ª edición. Interamericana. Páxinas 907-908. ISBN 84-7605-029-1
  3. F. Orts Llorea. Anatomía Humana. Tomo I. Editorial científico médica. 6ª edición. Páxinas 766-768. ISBN 84-224-0410-9.
  4. Allin EF (decembro de 1975). "Evolution of the mammalian middle ear". J. Morphol. 147 (4): 403–437. doi:10.1002/jmor.1051470404. PMID 1202224.
  5. 5,0 5,1 K. V. Kardong. Vertebrados. Anatomía comparada, función, evolución. (1999). McGraw Hill-Interamericana de España, SAU. 2ª edición. Páxinas 252-259. ISBN 84-486-0253-6
  6. Meng, Jin. "The Journey From Jaw to Ear." Biologist. vol. 50. (2003) p. 154-158.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]