Percepción da cor
A percepción da cor é un fenómeno que se produce no fondo do ollo, onde existen millóns de células especializadas en detectar as lonxitudes de onda procedentes da nosa contorna. Estas células, principalmente os conos e os bastóns, recollen os diferentes elementos do espectro de luz solar e transfórmanas en impulsos eléctricos, que son enviados logo ó cerebro a través dos nervios ópticos. É o cerebro (concretamente a cortiza visual, que se atopa no lóbulo occipital) o encargado de facer consciente esta percepción.
Os conos concéntranse nunha rexión próxima ó centro da retina chamada fóvea. A súa distribución segue un ángulo de ó redor de 2°, medidos dende a fóvea. A cantidade de conos é de 6 millóns e algúns deles teñen unha terminación nerviosa que se dirixe cara ó cerebro.
Os conos son os responsables da visión da cor e crese que hai tres tipos de conos, sensibles ás cores vermella, verde e azul, respectivamente. Dada a súa forma de conexión ás terminacións nerviosas que se dirixen ó cerebro, son os responsables da definición espacial. Tamén son pouco sensibles á intensidade da luz e proporcionan visión fotópica (visión a altos niveis).
Os bastóns concéntranse en zonas afastadas da fóvea e son os responsables da visión escotópica (visión a baixos niveis). Os bastóns comparten as terminacións nerviosas que se dirixen ao cerebro e, por conseguinte, o seu achegue á definición espacial resulta pouco importante. A cantidade de bastóns sitúase ao redor de 100 millóns e non son sensibles á cor. Os bastóns son moito máis sensibles que os conos á intensidade luminosa, polo que achegan á visión da cor aspectos como o brillo e o ton, e son os responsables da visión nocturna.