Saltar ao contido

Perdix hodgsoniae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Perdiz tibetana»)

Perdix hodgsoniae
Perdiz tibetana

Lámina dunha parella de Perdix hodgsoniae,
en John Gould, Birds of Asia, Volume 6
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Perdicinae
Xénero: Perdix
Especie: P. hodgsoniae
Nome binomial
Perdix hodgsoniae
(Hodgson, 1857)
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
  • Sacfa hodgsoniae Hodgson, 1857

Perdix hodgsoniae, coñecida vulgarmente como perdiz tibetana, é unha especie de ave da orde dos galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, unha das tres que integran o xénero Perdix.

Características

[editar | editar a fonte]

Esta especie é un pouco diferente en aparencia ás outras do xénero Perdix, P. perdix e P. dauurica. Ten dezaseis plumas na cola, mentres que a maioría das outras perdices teñen dezaoito. Nin os machos nin as femias teñeen esporóns nas patas.[2]

Estudos filoxenéticos sitúan a especie como basal dentro do xénero.[3]

As características principais desta ave son:[4][5]

  • Mide de 28 a 31 cm de lonxitude. A plumaxe do dorso é de cor parda clara, salferida por plumas avermellados e negras; os flancos son apardazados, como os das outras perdices, e presentan anchas franxas paralelas de cor castaña; o ventre, claro, mostra unha "mancha" escura, case negra (menos macada nas femias.
  • A cabeza ten un patrón rechamante branco e negro no rosto, o que contrasta co pescozo arrubiado. A fronte, a ancha lista superciliar, a cara e a garganta son de cor branca. Unha ampla liña negra percorre a cara por debaixo dos ollos, e pesenta unha ancha franxa castaña detrás do pescozo; as plumas da cola son de cor castaña, coa punta branca.
  • As femias son similares ao macho en tamaño, pero a súa coloración é máis pálida. Os inmaturos son dunha cor apardazada monótona, e carecen das marcas faciais e a parte inferior distintiva dos adultos.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

A perdiz tibetana encóntrase nas ladeiras das montañas e prados de altura con algúns arbustos (rododendros, xenebreiros ananos ou outras especies propias das matogueiras, polo xeral entre os 3 600 e o 4 250 msnm. A pesar do seu aspecto rechamante, a cabeza e o patrón do peito lle subministran unha perfecta camuflaxe ("plumaxe críptica") no seu hábitat rochoso.

Distribución

[editar | editar a fonte]
Perdiz tibetana na neve.

A especie habita na meseta tibetana, no norte de Paquistán, en Caxemira, no noroeste da India, en partes do norte do Nepal, Sikkim e Bután, e no oeste da China.[1]

(Véxase máis abaixo a distribución detallada de cada unha das subespecies).

Perdix hodgsoniae é unha especie terrestre non migratoria, pero descende ás chairas baixas en inverno, e pode ascender até a liña de neve en verán. Forma bandadas de 10 a 15 aves fóra da temporada de reprodución, na que forman parellas. Tenden a correr en lugar de voar. Cando se lles molesta o suficiente, como a maioría das aves silvestres que voan a pouca distancia coas súas non moi grandes ás arredondadas, a bandada dispérsase ruidosamente en todas as direccións antes de planar costa abaixoo para volver a reagrupárense.[6]

ANa zona de Lhasa estas perdices parecen preferir correntes de auga bordeadas de matogueira e, en inverno, prefirem pendentes e campos abertos. En ocasións descansan baixo arbustos durante o día, e baixo matogueiras densas en costras elevadas pola noite.[6]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

Aliméntanse fundamentalmente de sementes, pero os xuvenís prefiren en particular os insectos, que son para eles unha fonte esencial de proteínas.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

En verán —que comeza a mediados de marzo—, estas perdices emparéllanse formando unións monógamas. Os niños son simples depresións do terreo forrados de herbas ou, en ocasións, carentes de calquera revestimento, e sitúanse nomalmente en mesetas rochosas espidas, ou con poucos arbustos e feixes de herba grosa, en pequenas matogueiras espiñentas atrofiadas, ou mesmo en zonas de cultivos. A posta típica é de 8 a 10 ovos, que son de cor marrón pálida, e son incubados pola femia entre maio e xuño. O macho, despor de nacern os pitos, axuda no seu coidado e alimentación, como ocorre noutras perdices.[7][8][9][10]

Vocalizacións

[editar | editar a fonte]

A súa chamada habitual escóitase principalmente polas mañás como un tintineante «scherrrrreck-scherrrrreck», a a chamada de voo é un agudo «chi-chi-chi».[11]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Ilustración que acompaña á súa descrición (1856).

A especie foi descrita en 1857 polo Brian Houghton Hodgson,[12] baixo o nome de Sacfa hodgsoniae.[13]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, vexase Perdix.

O epiteto específico hodgsoniae deriva do nome inicial da especie, Sacfa hodgsoniae, que Hodgson mdenominou así para rememorar á súa primeira esposa, Anne Scott Hodgson.[7]

O nome do xénero original proposto por Hodgson baseouse no nome tibetano da ave, Sakpha.[14]

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Na especie recoñécense as seguintes tres subespecies,[12] que se diferencian na plumaxe, que é cada vez máis escura canto máis ao leste se atopan:[8][15]

  • Predix hodgsoniae (Hodgson, 1857)
    • Perdix hodgsoniae caraganae Meinertzhagen & A. Meinertzhagen, 1926
    • Perdix hodgsoniae hodgsoniae (Hodgson, 1857)
    • Perdix hodgsoniae sifanica Prjevalsky, 1876

Distribución e diferenzas das subespecies

[editar | editar a fonte]
  • P. h. caraganae atópase no noroeste da India, até o Tíbet oriental. O colar da caluga é estreito e de cor parda amarelada pálida.
  • P. h. hodgsoniae encóntrase no leste do Tíbet, o oeste do Nepal, e ao nordeste da India (Assam). O amplo colar na caluga é castaño escuro. A mancha negra da meixela esténdese por debaixo da garganta como un colar.
  • P. h. sifanica habita no centro-oeste da China, até o Tíbet oriental e central, e o sur de Sichuan. É similar á subespecie nominal, pero a mancha negra da meixela é máis pequena.

Poboación

[editar | editar a fonte]

O tamaño da poboación global non se cuantificou, pero si se informou que a especie é bastante común.[16][17]

A perdiz tibetana parece ser común na súa extensa área de distribución, pero escasa na meseta tibetana. Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) esta especie ten unha área de distribución extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo os criterios establecidos por esta entidade. A tendencia da poboación parece ser estábel. Aínda que o tamaño da poboación non se cuantificou, crese que non se aproxima ao limiar de vulnerábel (estímase a poboación en máis de 10 000 individuos maduros, cunha diminución continua estimada en menos do 10 % en dez anos (ou tres xeracións. Por estas razóns a UICN cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2016): Perdix hodgsoniae na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 17 de xaneiro de 2019.
  2. Blanford, W. T. (1898). Fauna of British India. Birds (en inglés) 4. London: Taylor and Francis. pp. 142–143. 
  3. Xin-kang Bao, Nai-fa Liu, Jiang-yong Qu, Xiao-li Wang, Bei An, Long-ying Wen & Sen Song (2010). "The phylogenetic position and speciation dynamics of the genus Perdix (Phasianidae, Galliformes)". Molecular Phylogenetics and Evolution (en inglés) 56 (2): 840–847. ISSN 1055-7903. OCLC 672123773. PMID 20363341. doi:10.1016/j.ympev.2010.03.038. 
  4. Oates, E. W. (1898). A manual of the Game birds of India. Part 1 (en inglés). Bombai: A. J. Combridge. pp. 191–194. 
  5. Rasmussen, P. C. & Anderton, J. C. (2005): Birds of South Asia: The Ripley Guide. Volume 2. Smithsonian National Museum of Natural History (Washington D.C.), Michigan State University e Lynx Edicions (Barcelona). ISBN 978-84-9655-385-9.
  6. 6,0 6,1 Lu, X. & Ciren, S. (2002). "Habitat Selection and Flock Size of Tibetan Partridge Perdix hodgsoniae during Autumn-Winter". J. of the Yamashina Institute for Ornithology (en inglés) 33 (2): 168–175. ISSN 0044-0183. OCLC 5178446998. doi:10.3312/jyio1952.33.168. 
  7. 7,0 7,1 Hume, A. O. (1890). The nests and eggs of Indian Birds. Volume 3 (en inglés) (Segunda ed.). London: R. H. Porter. pp. 438–439. 
  8. 8,0 8,1 Baker, E. C. S. (1928). Fauna of British India. Birds (en inglés) 5 (Segunda ed.). London: Taylor and Francis. pp. 423–426. 
  9. Lu, X.; Gong, G. & Ren, C. (2003). "Reproductive Ecology of Tibetan Partridge Perdix hodgsoniae in Lhasa Mountains, Tibet". Journal of the Yamashina Institute for Ornithology (en inglés) 34 (2): 270–278. doi:10.3312/jyio1952.34.270. 
  10. Hume, A. O. & Marshall, C. H. T. (1880). The Game birds of India, Burmah and Ceylon (en inglés). (autopublicado). pp. 65–68. OCLC 5111667. 
  11. Ali, S.; Ripley, S. D. (1980). Handbook of the Birds of India and Pakistan (en inglés) 2 (Segunda ed.). Nova Delhi: Oxford University Press. pp. 35–36. ISBN 978-0-195-61201-1. OCLC 10146124. 
  12. 12,0 12,1 Perdix hodgsoniae (Hodgson, 1857) no ITIS.
  13. Tibetan Partridge / Perdix hodgsoniae en DiBird.
  14. Hodgson, B. H. (1856). "On a new Perdicine bird from Tibet". Journal of the Asiatic Society of Bengal: 165–166. 
  15. Hartert, E. (1921-1922). Die Vögel der paläarktischen Fauna (en inglés) 3. Berlin: Friedlander and Sohn. pp. 1936–1938. 
  16. del Hoyo et al. 1994.
  17. Fuller, R. A.; Carroll, J. P. & McGowan, P. J. K. (2000): Partridges, Quails, Francolins, Snowcocks, Guineafowl, and Turkeys. Status Survey and Conservation Action Plan 2000–2004 Arquivado 02 de decembro de 2020 en Wayback Machine.. Gland, Switzerland and Cambridge, UK.: IUCN and World Pheasant Association. ISBN 2-8317-0538-X.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]