Saltar ao contido

Pool xénico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Poza xenética»)

En xenética de poboacións, o pool xénico ou xenético (do inglés gene pool, literalmente poza xénica ou xenética), tamén chamado acervo xénico ou xenético, ou patrimonio xenético, dunha especie ou poboación é o conxunto completo de alelos únicos presentes no material xenético da totalidade dos individuos existentes en dita especie ou poboación.[1] Un acervo xenético amplo asóciase a unha variabilidade xenética ampla, que se asocia con poboacións robustas, é dicir, con maior adaptabilidade a diversas circunstancias, e con capacidade de sobreviviren a intensos eventos de selección. Ao contrario, unha baixa variabilidade xenética (colo de botella ou consanguinidade) supón unha superior especialización ao medio e unha menor adaptabilidade a circunstancias non previstas, o cal aumenta a posibilidade de extinción en contextos novos.

Cando existen varios alelos para un xene ou locus dado, dise que a poboación é polimórfica con respecto a ese xene ou locus.[2] Cando dita variación non existe dise que é monomórfica.

O concepto de "pool de xenes" ou "acervo xenético" serve como ferramenta para conceptualizar a habilidade das poboacións de plantas de cruzarse con outras poboacóns non específicas e con poboacións doutras especies, xeralmente dentro do mesmo xénero.[3] O pool de xenes "primario" consiste en poboacións interfértiles, xeralmente asignadas a unha mesma especie, e pode haber poboacións asignadas a outras especies se son completamente compatibles no cruzamento. O pool de xenes "secundario" está representado por todas as demais poboacións que poden cruzarse con ese cultivo. O fluxo de xenes é posible, pero unha consecuencia é a redución da fertilidade das xeracións híbridas. As especies do pool de xenes "terciario" xa non poden cruzarse coa especie cultivada, a non ser por medio de biotecnoloxía avanzada, porque os híbridos resultantes moitas veces expresan anormalidades e adoitan ser letais ou completamente estériles.

  1. Monge-Nájera, Julián (2002). Biología General (en castelán). EUNED. ISBN 9789968311892. Consultado o 28 de novembro de 2017. 
  2. Fuentes, José R. Gomis (15 de xullo de 2014). Tests de Psicobiología (en castelán). José Remigio Gomis Fuentes. Consultado o 28 de novembro de 2017. 
  3. Harlan JR, deWet JMJ. 1971. Toward a rational classification of cultivated plants. Taxon 20: 509-517.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]