Principios de Nürnberg
Os principios de Nürnberg son un conxunto de directrices que serven para determinar que constitúe un crime de guerra. O documento foi elaborado pola Comisión de Dereito internacional das Nacións Unidas posteriormente aos xuízos de Nürnberg para estabelecer os principios legais que debían rexer contra delitos de guerra, contra a humanidade e contra a paz.
Na resolución número 177 (II), parágrafo (a) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas solicitóuselle á Comisión de Dereito internacional que "formulase os principios do dereito internacional recoñecidos na Carta dos Xuízos de Nürnberg e nas determinacións do tribunal". Durante o curso das súas deliberacións sobre este tema, xurdiu a pregunta se a comisión debía determinar ou non, e ata que punto os principios contidos na carta e o xuízo constitúen dereito internacional. Concluíuse que dado que os principios de Nürnberg foran confirmados pola Asemblea Xeral, a tarefa confiada á comisión non era dar a súa apreciación sobre se os principios eran ou non Dereito internacional senón só formulalos. O texto dado a continuación foi aprobado pola comisión na súa segunda sesión. O informe da comisión tamén contén comentarios sobre os principios.[1]
As guías son as seguintes:
Principio I
[editar | editar a fonte]Calquera persoa que cometa actos que constitúan un crime baixo as leis internacionais será responsable e por conseguinte suxeito a castigo.
Principio II
[editar | editar a fonte]O feito de que as leis internas non impoñan castigo por un acto que constitúa un crime baixo as leis internacionais non exime a persoa que cometeu o acto da súa responsabilidade baixo as leis internacionais.
Principio III
[editar | editar a fonte]O feito de que unha persoa que cometeu un acto que constitúe un crime baixo as leis internacionais sexa Xefe do Estado ou un oficial responsable do goberno non lle exime da responsabilidade baixo as leis internacionais.
Principio IV
[editar | editar a fonte]O feito de que unha persoa actúe baixo as ordes do seu goberno ou dun superior non o exime da responsabilidade baixo as leis internacionais, sempre que se demostre que tiña posibilidade de actuar doutra forma.
Principio V
[editar | editar a fonte]Calquera persoa acusada dun crime baixo as leis internacionais ten o dereito dun xuízo xusto ante a lei.
Principio VI
[editar | editar a fonte]Os crimes que se enumeran a partir de aquí son castigables como crimes baixo as leis internacionais:
- (a) Guerra de agresión:
- (i) A planificación, preparación, iniciación ou comezo dunha guerra de agresión, ou unha guerra que viole os tratados internacionais, acordos ou promesas;
- (ii) A participación nun plan común ou conspiración para o cumprimento de calquera dos actos mencionados en (i).
- (b) Crimes de guerra:
- As violacións das leis ou costumes da guerra que inclúen, pero non están limitadas a, asasinato, trato inhumano ou deportación como escravos ou para calquera outro propósito da poboación civil dun territorio ocupado, asasinato ou trato inhumano a prisioneiros de guerra, a persoas sobre o mar, asasinato de reféns, pillaxe da propiedade pública ou privada, destrución inxustificada de cidades, vilas ou lugares, ou a devastación non xustificada pola necesidade militar.
- (c) Crimes contra a humanidade:
- Asasinato, exterminio, escravitude, deportación e calquera outro acto inhumano contra a poboación civil, ou persecución por motivos relixiosos, raciais ou políticos, cando devanditos actos ou persecucións se fan en conexión con calquera crime contra a paz ou en calquera crime de guerra.
Principio VII
[editar | editar a fonte]A complicidade na comisión dun crime contra a paz, un crime de guerra ou un crime contra a humanidade tal e como foron expostos no Principio VI, é un crime baixo as leis internacionais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nacións Unidas, ed. (1950). "Yearbook of the Intemational Law Commission" (pdf). pp. 374–378. Consultado o 16 de xuño de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cruz Vermella Española (ed.). "Estatuto del Tribunal militar internacional de Núremberg, 1945" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xuño de 2016. Consultado o 16 de xuño de 2015..
- Nacións Unidas, ed. (2005). "Principles of International Law Recognized in the Charter of the Nürnberg Tribunal and in the Judgment of the Tribunal, 1950" (PDF) (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2015..
- Yale Law School (ed.). "Judgement: The Law Relating to War Crimes and Crimes Against Humanity". The Avalon Project (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2016. Consultado o 16 de xuño de 2015.