Saltar ao contido

Produto interior bruto

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Produto interno bruto»)

Mapa mundial do GDP e PPP no 2005

O produto interior bruto ou PIB é o valor monetario total da produción corrente de bens e servizos dun país durante un período (normalmente é un trimestre ou un ano). O PIB é unha magnitude de fluxo, pois contabiliza só os bens e servizos producidos durante a etapa de estudo. O PIB é comezado a usar despois da segunda guerra mundial.[1]

En canto ao cálculo do PIB, pode facerse segundo o custo dos factores ou dos prezos de mercado. A relación entre ámbolos dous obtense restando ao PIB valorado a prezo de mercado, os impostos indirectos ligados á produción (Ti) e restándolle as subvencións á explotación (Su). Aleatoriamente pódense agregar, segundo algúns economistas, os royalties.


O PIB é, sen dúbida, a macromagnitude económica máis importante para a estimación da capacidade produtiva dunha economía. Existen outros tipos de macromagnitudes a considerar partindo do PIB: o produto nacional bruto diferénciase do PIB en que só considera a cantidade fluxo de bens e servizos producidos por nacionais dun país, se ben o PIB non ten en consideración o criterio de nacionalidade.

PIB total

[editar | editar a fonte]

É a suma de tódolos bens e servizos que produce un país ou unha economía nun período determinado (Aproximadamente dun ano). Analizado dende o punto de vista do gasto ou demanda, resulta ser a suma dos seguintes termos:


nde PIBpm é o produto interior bruto valorado a prezos de mercado, C é valor total do consumo final nacional, I é a formación bruta de capital tamén chamada investimento. X é o volume monetario das exportacións e M o volume das importacións. Se estamos interesados en distinguir entre consumo e investimento privados e gasto público G: entón modificamos a fórmula:

PIB nominal e PIB real

[editar | editar a fonte]

O PIB nominal é o valor monetario de tódolos bens e/ou servizos que produce un país ou unha economía a prezos correntes no ano corrente en que os bens son producidos. Porén, en situación de inflación alta, un aumento substancial de prezos, aínda cando a produción non aumente demasiado, pode dar a impresión dun aumento substancial do PIB. Para axustar o PIB segundo os efectos da inflación, defínese o PIB real como o valor monetario de tódolos bens e/ou servizos que produce un país ou unha economía a prezos constantes. Ese cálculo lévase a cabo deflactando o valor do PIB segundo o índice de inflación (ou ben computando o valor dos bens con independencia do ano de produción mediante os prezos dun certo ano de referencia).

PIB per cápita

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: PIB per cápita.

O PIB per cápita (tamén chamado renda per cápita ou ingreso per cápita) é unha magnitude que trata de medir a riqueza material dispoñible. Se calcula simplemente como o PIB total dividido entre o número de habitantes (N):


Por exemplo: os cinco países con maior PIB per cápita en 2006, medido en dólares estadounidenses (US$), son:

  1. Luxemburgo (US$76.224)
  2. Noruega (US$65.785)
  3. Islandia (US$56.364)
  4. Qatar (US$53.539)
  5. Irlanda (US$49.533)

PIB e benestar social

[editar | editar a fonte]

O PIB é usado frecuentemente como unha medida do benestar material dunha sociedade. Iso motiva que politicamente se usen as cifras de crecemento económico do PIB como un indicador de que as políticas económicas aplicadas son positivas. Porén tanto o propio Simon Kuznets creador da contabilidade nacional que deu lugar ao uso do PIB como indicador económico, como numerosos autores posteriores, criticaron o uso do PIB como sinónimo de benestar social. Certamente existen algunhas correlacións positivas entre PIB e medidas claramente relacionadas co benestar social, especialmente en países de renda per cápita inferior a 4.000 dólares, sendo a correlación para os países de rendas altas bastante peor. Debido a estas críticas propuxéronse medidas relacionadas co PIB, que contabilicen as externalidades negativas e o efecto da actividade económica sobre os ecosistemas, para ter unha medida máis inclusiva e máis directamente relacionada co benestar social, como por exemplo o Índice de benestar económico sostible (IBES).

  1. "Erria". erria.eus. Consultado o 2021-01-22.