Saltar ao contido

Ramón Lugrís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ramón Lugrís Pérez»)
Modelo:BiografíaRamón Lugrís
Biografía
Nacemento1932 Editar o valor en Wikidata
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Morte2 de decembro de 2015 Editar o valor en Wikidata (82/83 anos)
Cidade Real, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista, tradutor, ensaísta Editar o valor en Wikidata
Membro de

BNE: XX1348927 AELG: 36 BUSC: lugris-ramon-1932-2015 Dialnet: 1055722

Ramón Lugrís Pérez, nado en Ferrol en 1932 e finado en Cidade Real o 2 de decembro de 2015,[1] foi un xornalista, tradutor e ensaísta galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nado en Ferrol nunha familia republicana, o seu pai e o seu tío sufriron represión económica e persoal na posguerra. Ao rematar a Guerra trasladouse a Santiago de Compostela de neno (1939), dado que o seu pai traballaba como comercial en El Correo Gallego, e a cabeceira trasladárase de Ferrol a Santiago. Fixo a ensinanza primaria e o bacharelato en Compostela, e preparou o acceso á universidade con Francisco Río Barxa.

Marchou cunha bolsa de El Correo Gallego a estudar a Barcelona, onde compaxinou os estudos co traballo como lector de prensa internacional para unha asociación relixiosa de perfil carlista. Nas vacacións de verán contactou en Santiago co parladoiro do Derby, e coñeceu a Ramón Otero Pedrayo, Manuel Beiras, Ramón Piñeiro, Xosé Mosquera Pérez, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell, Borobó e Ramón Cabanillas.

Posteriormente nucleou ao seu redor un grupo con outros mozos do seu tempo, como Xosé Luís Franco Grande, Manuel Vidán, Gonzalo Rodríguez Mourullo, Baldomero Cores ou Otero Guldrís. Ese grupo deu orixe á Xeración das Festas Minervais. Mais ao cabo de tres anos, en 1957, Lugrís marchou traballar a Londres, á BBC, onde foi redactor da sección española da BBC. Alí coñeceu a Fernando Pérez-Barreiro e a Eduard Punset, cos que traballou. Tamén fixo de correspondente en Londres para Radio Nacional de España.

Nº 1 de Grial.

En 1962 rematoulle o contrato en Londres, e tras traballar como tradutor brevemente en Accra, marchou a Nova York onde traballou como tradutor na Secretaría Xeral da ONU. Alí coñeceu a Emilio González López, Enrique Santamarina, Leonardo Santamarina, Emilio Flórez e Ernesto Guerra da Cal. Desde América participou na fundación do Partido Socialista Galego en 1963. En 1965 deixou a ONU e marchou á Organización Mundial do Café en Londres para traballar como tradutor. Ao pouco deixou a organización, onde foi substituído por Fernando Pérez-Barreiro, e volveu ao eido do xornalismo, nunha axencia de colaboradores de política internacional, baseada en Londres, pero centrada na política de América Latina. Alí coñeceu a intelectuais e xornalistas americanos como Mario Vargas Llosa ou Antonio Cisneros.

En 1969 instálase de novo en España, en Madrid, neste caso para traballar para a axencia de noticias oficial EFE onde se encargou de servizos de corresponsalía internos. Posteriormente marchou ao Brasil, tamén como correspondente. Logo dun ano en Río de Xaneiro abandonou definitivamente o xornalismo e dedicouse á tradución como freelance.

Ao retirarse viviu entre Madrid, Londres e Cidade Real.

Colaborou en Grial e co IGADI.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Estivo casado con Miren Rahm, tamén tradutora, coa que casou durante a súa estadía en Londres.

Obras colectivas

[editar | editar a fonte]
  1. Ríos, Xulio (2 de decembro de 2015). "Un europeísta de verdade". Praza Pública. Consultado o 2 de decembro de 2015. 
  2. Lugrís, Ramón (1963). Vicente Risco na Cultura Galega. Galaxia.