Saltar ao contido

Movemento rastafari

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rastafarismo»)
Rasta

O movemento rastafari é un movemento socio-cultural que considera ao emperador de Etiopía Haile Selassie I, antes chamado o Príncipe Nivel Tafari (en amhárico), a encarnación de Cristo no seu carácter de Deus como Rei, a Marcus Garvey como a encarnación de Cristo no seu carácter de Deus como Profeta, e ao príncipe Emmanuel Charles Edwards como a reencarnación de Cristo no seu carácter de Deus como Sumo Sacerdote, conformando desta forma unha Santa Trindade. Outro alicerce fundamental é a lectura do sacro libro da tradición etíope, titulado Kebra Nagast, e a reivindicación do panafricanismo (a reivindicación de unidade dos descendentes de africanos oprimidos durante a historia recente).

Xurdiu nos comezos dos anos 30 en Xamaica a partir de profecías bíblicas que atribuíron a divindade a Selassie, o desexo dos descendentes de escravos negros de volver a África, das aspiracións sociais e culturais da comunidade negra e dos ensinos do organizador nacido en Xamaica Marcus Mosiah Garvey que clamaba: "Africa para os africanos e Europa para os europeos". A visión social e cultural de Garvey inspirou aos fundadores do movemento, que o consideraron como un profeta.

O rastafarismo xurdiu entre a poboación negra de clase traballadora en Xamaica, e permanece en defensa da Supremacía Negra, que se interpreta como a supremacía do ben sobre o mal. A cor negra representa ao ben, e en ningunha forma ten que ver coa cor de pel dos homes. Hoxe en día o movemento estendeuse ao longo de gran parte do mundo e ten seguidores provenientes de distintas culturas, linguas e nacións. Son erroneamente coñecidos pola súa devoción á música de reggae cando en realidade non forma parte da Orde Cerimonial Rastafari.