Saltar ao contido

Super Audio CD

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «SACD»)
Esquema de funcionamento do láser do SACD
Esquema de funcionamento do láser do SACD

Super Audio CD (SACD) é un tipo de soporte de son óptico desenvolvido co obxectivo de dispoñer dunha maior fidelidade na gravación e reprodución do son dixital, superando ao tradicional CD, introducido no mercado en 1999, desenvolvido pola Sony e a Philips, as mesmas compañías que crearon o CD. Compite co DVD-Son, mais os dous formatos nunca se popularizaron no mercado sendo restritos a entusiastas da música (audiófilos).

Os SACDs poden conter son estéreo, multicanle (normalmente 5.1) ou ambos. De feito, a multicanle non ten por que estar no formato 5.1. O antigo sistema cadrafónico 4.0 tamén é posíbel, como se pode ver no SACD de 2001, Tubular Bells de Mike Oldfield. Estes discos normalmente teñen o seu propio logo, "Multi-Ch".

É un híbrido CD-DVD, é dicir, é un formato de disco compacto que utiliza o mesmo tamaño de sectores, sistema de corrección de erros, modulación e sistema de arquivos (UDF e ISO 9660) que un DVD.

Aínda que utiliza a tecnoloxía DVD, o SACD non pode ser reproducido en calquera lector DVD (en ningún dos tipos universal, vídeo, son), posto que non utiliza o mesmo tipo de codificación de son do disco DVD. Tamén, aínda que está concibido só para son, permite reservar unha zona dentro do disco para outros datos e permite incluír vídeo, texto, gráficos etc.

O SACD utiliza un sistema de codificación de son dixital chamado Direct Stream Digital (DSD), unha modulación sigma-delta a 1 bit, feito por Sony, cunha frecuencia de mostraxe de 2.822.400 Hz (2,82 MHz), o que significa que toma 2,8 millóns de mostras dun único bit (Modulación PDM) por segundo. Esta é 64 veces maior que a taxa de mostraxe do CD, que é de 44.100 Hz (44,1 kHz) e 14,7 veces maior que a da dun DVD-Son, que vai até 192.000 Hz (192 kHz).

A resposta en frecuencia do SACD alcanza os 100 kHz, moi por encima dos 20 kHz (frecuencia considerada límite da audición humana). Mais é necesario ter en conta que esta tecnoloxía non mantén constante en todo o seu rango o ruído de cuantificación, isto é, a relación sinal ruído de cuantificación (SNQR) deteriórase significativamente por riba da banda de audiofrecuencias. A frecuencia crítica do CD son é de 22,05 kHz (tamén por encima do límite audible), aínda que os filtros analóxicos dos reprodutores atenúan progresivamente desde os 20 kHz. En todo caso, o potencial ultrasónico dun formato de son dixital é unha característica discutible. Tamén a existencia de sinais con compoñentes ultrasónicas podería xerar distorsión por intermodulación en amplificadores normais de audiofrecuencia.

Proporciona un rango dinámico extenso —de 120 dB— (só na banda de audiofrecuencias) que supera os 98,01 dB do CD.

Un disco en formato SACD dunha capa ten maior capacidade de almacenamento (4,7 GB) con respecto ao CD (700 MB). Isto é posible grazas a que se reduciu a anchura das pistas, o tamaño dos pits (marcas de gravación sobre a superficie do disco) e ao tipo de compresión sen perdas que emprega a tecnoloxía (DSD). Esta propiedade permítelle ao SACD chegar a ofrecer 6 canais de son, con idéntica calidade nas mesmas.

O SACD pode utilizar discos dunha, dúas ou tres capas, distinguíndose o SACD simple, dual e híbrido:

  • 1 soa capa, para ler o SACD estéreo.
  • 2 capas, para ler o SACD estéreo e o SACD multicanal.
  • 3 capas, para ler o SACD estéreo, o SACD multicanal e o CD convencional.

Cada capa é lida por un raio láser cunha diferente lonxitude de onda (a maior lonxitude de onda, maior profundidade, co que se poden ler as capas inferiores). A información de cada capa resulta invisible ao láser dun reprodutor doutro formato. Os SACD de tres capas que permiten a compatibilidade co CD, son os chamados SACD híbridos, que son máis complexos de producir que os SACD simples, máis son os máis habituais, pois teñen maior cota de mercado.

Sony e Philips, sendo os deseñadores do formato, son os principais fabricantes de reprodutores, tanto de forma convencional, como combinados con reprodutores de DVD. A consola de videoxogos PlayStation 3 (versión 60GB) permite tamén a reprodución de SACD multicanal.

Para evitar a piratería, os SACD utilizan un sistema anticopia coñecido como PSP (Pit Signal Processing). Este sistema o que fai é gravar dúas marcas de auga, unha invisible e outra visible. A invisible grávase na propia trama de datos. A visible encóntrase sobre a superficie do disco e o que produce é un enmascaramento do tamaño real dos pits para formar unha imaxe que debería resultar imposible de copiar.

Diferenzas respecto a CD-Son e DVD-Son

[editar | editar a fonte]

Foron publicados traballos experimentais rigorosos[1][2] que conclúen que non existen diferenzas audibles entre o formato SACD e o tradicional soporte de son dixital CD-Son (PCM 16 bits; 44100 mostras/s). Estes ensaios refírense unicamente a material musical estéreo, xa que o CD-Son non permite rexistrar material sonoro multicanle.

Tamén se probou indistinguible do seu competidor PCM de alta resolución DVD-Son.[3][4]

  1. Meyer, Brad (2007). Journal of the Audio Engineering Society (Engineering Reports), ed. "Audibility of a CD-Standard A/D/A Loop Inserted into High-Resolution Audio Playback" (Volume 55, Número 9 ed.). Consultado o 23 de setembro de 2011. 
  2. Matrix-Hifi (2006). "¿Diferencias entre formatos? Proyecto K622". Consultado o 23 de setembro de 2011. 
  3. Blech, Dominik (2004). Audio Engineering Society Electronic Library, ed. "DVD-Audio versus SACD: Perceptual Discrimination of Digital Audio Coding Formats". Consultado o 23 de setembro de 2011. 
  4. Blech, Dominik (2004). Audio Engineering Society Electronic Library, ed. "DVD-Audio versus SACD: Perceptual Discrimination of Digital Audio Coding Formats" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2007. Consultado o 23 de setembro de 2011.