San Marco (satélites artificiais)
San Marco foi unha serie de satélites artificiais colaboración entre Italia e a NASA, concibidos e dirixidos polo enxeñeiro Luigi Broglio.[1]
Características
[editar | editar a fonte]Os satélites San Marco foron satélites científicos colaboración entre Italia e a NASA. Lanzáronse varios entre 1963 e 1988.[1]
San Marco 1 e 2
[editar | editar a fonte]Os satélites San Marco 1 e 2 foron os dous primeiros membros da serie San Marco. San Marco 1 foi lanzado o 15 de febreiro de 1964 a bordo dun foguete Scout X4 desde as instalación de Wallops Island. A súa misión era probar a propia estrutura do satélite e recoller datos da densidade do aire e das características da ionosfera. San Marco 2 foi lanzado o 26 de abril de 1967 mediante un Scout B desde a plataforma de lanzamento San Marco. Tiña forma de esfera cun diámetro de 66 cm e tamén se adicou a estudar a densidade do aire por debaixo dos 350 km de altura e a caracterizar a ionosfera. Do corpo do satélite saía unha antena dipolo de 5 m de longo que pasaba polo centro do mesmo e catro antenas máis pequenas, de 48 cm de longo, espazadas ao longo do seu ecuador. O satélite tiña pintadas bandas lonxitudinais brancas e negras para control térmico. A alimentación do satélite proviña de catro baterías que lle permitiron funcionar ata o 14 de agosto de 1967. O satélite reentrou na atmosfera o 19 de outubro dese ano.[2]
San Marco 3 e 4
[editar | editar a fonte]San Marco 3 e 4 eran satélites máis avanzados que os seus antecesores. San Marco 3 foi lanzado o 24 de abril de 1971 mediante un Scout B mentres que San Marcos 4 foi lanzado o 18 de febreiro de 1974 cun Scout D1. Ambos foron lanzados desde a plataforma San Marco. San Marco 3 estudou a densidade, composición e temperatura da atmosfera na zona ecuatorial por enriba dos 200 km de altura. O satélite tiña 75 cm de diámetro e usaba catro antenas de 48 cm de longo para comunicarse con terra. Alimentábase con células solares situados ao longo do seu ecuador e reentrou na atmosfera o 28 de novembro de 1971. San Marco 4 adicouse a medir as variacións diúrnas de densidade, composición e temperatura da atmosfera na zona ecuatorial conxuntamente con Explorer 51.[3]
San Marco 5
[editar | editar a fonte]San Marco 5 foi lanzado o 25 de marzo de 1988 mediante un Scout G1 desde a plataforma San Marco. A súa misión foi estudar a relación entre a actividade solar e os fenómenos da ionosfera e da termosfera. Tiña forma de esfera de 96,5 cm de diámetro e unha masa de 273 kg. Levaba cincon instrumentos a bordo: un sensor de arrastre para determinar a densidade, un espectrómetro de vento e temperatura, un instrumento de velocidade de ións, un espectrómetro de brillo aéreo e solar e un medidor de campo eléctrico. Reentrou na atmosfera o 6 de decembro de 1988, tal como estaba previsto.[4]
Historial de lanzamentos
[editar | editar a fonte]Misión[1][2][3][4] | Data de lanzamento[1][2][3][4] | Foguete lanzador[1][2][3][4] | Notas[1][2][3][4] |
---|---|---|---|
San Marco 1 | 15 de decembro de 1964 | Scout X4 | Éxito |
San Marco 2 | 26 de abril de 1967 | Scout B | Éxito |
San Marco 3 | 24 de abril de 1971 | Scout B | Éxito |
San Marco 4 | 18 de febreiro de 1974 | Scout D1 | Éxito |
San Marco 5 | 25 de marzo de 1988 | Scout G1 | Éxito |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Mark Wade (2021). "San Marco satellite" (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "San Marco 1, 2 (A, B)" (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "San Marco 3, 4 (C, C2)" (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "San Marco 5 (D/L)" (en inglés). Consultado o 30 de maio de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: San Marco |