Saltar ao contido

Pezophaps solitaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Solitario de Rodrigues»)

Pezophaps solitaria
Solitario de Rodrigues

Facsímile do único debuxo realizado a partir dunha ave en vida,
por François Leguat, en 1708
Estado de conservación

Extinto dende c. 1760[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Subfamilia: Raphinae
Xénero: Pezophaps
Strickland, 1848
Especie: P. solitaria
Nome binomial
Pezophaps solitaria
Gmelin, 1789

O solitario de Rodrigues (Pezophaps solitaria) é unha especie extinta de ave da orde das columbiformes, subfamilia dos colúmbidos, unha das dúas integrantes da subfamilia dos rafinos, e a única do xénero Pezophaps que, polo tanto, é monotípico.

Era endémica da illa Rodrigues, e unha parente achegada da outra especie da subfamilia, Raphus cucullatus, o dodo e, como este, perdera a capacidade de voo.

A primeira observación da ave realizouna François Leguat, o xefe dun grupo de hugonotes franceses que colonizaron a illa de 1691 a 1693. Describiu a ave con certo detalle, incluíndo o seu solitario comportamento de aniñamento. Os hugonotes gabaron a ave polo seu sabor, especialmente o das crías.

Debido á caza e á introdución de depredadores como o gato, as aves pronto comezaron a escasear e cando, en 1755, Cossigny intentou obter un exemplar non o puido encontrar. O solitario de Rodrigues seguramente extinguiuse cara a 1760.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1848 polo ornitólogo (e xeólogo) inglés Hugh Edwin Strickland na páxina 70 e ss. da súa obra The dodo and its kindred; or, The history, affinities, and osteology of the dodo, solitaire, and other extinct birds of the islands Mauritius, Rodriguez and Bourbon.

En canto á especie, fora descrita moitos anos antes, en 1789, polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin, co nome de Didus solitarius.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome científico Pezophaps está formado polos elementos Pezo- e -phaps, tirados do grego antigo πεζο- pezo-, derivado de πέζα péza, 'pé', e φάψ pháps, 'pomba silvestre', respectivamente. Literalmente: 'os de pés como os das pombas'.[3]

O epíteto específico, solitarius, é o nominativo masculino singular do adxectivo latino, sōlitārius, -a, -um, 'solitario', en alusión aos costuimes desta ave.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[4]

  • Didus solitarius Gmelin, 1789 (Protónimo)
  • Didus nazarenus Bartlett, 1851
  • Pezophaps solitarius Strickland, 1848
  • Pezophaps minor Strickland, 1852

Características

[editar | editar a fonte]

Recolléronse un gran número de ósos da ave, pero non hai espécimes montados. Os solitarios caracterizábanse por unha grande e infrecuente protuberancia ósea na base do polgar. En vida, esta protuberancia estaría cuberta por unha grosa capa de pel, e parece que se usou como arma (unha protuberancia similar pódese encontrar no ganso do Canadá). As observacións do solitario parecen indicar que a cría por parellas era moi territorial, e é presumíbel que os machos realizaran disputas golpexándose coas ás.

  1. BirdLife International (2016): Pezophaps solitaria na Lista vermella da UICN. Versión 2019-1. Consultado o 24 de abril de 2019.
  2. Carolus Linnaeus (1758). Systema Naturae 1, lámina 2, páx. 728.
  3. Pezophaps no Merriam-Wesbster Dictionary.
  4. Pezophaps solitaria - Solitario de Rodriguez en bichosdecambalandia.blogspot.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]