Saltar ao contido

Disolución

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Solución (química)»)

En química, unha disolución[1] (do latín dissolūtio, -ōnis, 'separación das partes', 'destrución'; de dissolvere, 'separar', 'desfacer', 'destruír') ou solución (do latín solūtuio, -ōnis, 'disgregación', 'soltura', 'facilidade', 'explicación') é unha mestura homoxénea, a nivel molecular de dúas ou máis especies químicas que non reaccionan entre si; cuxos compoñentes atópanse en proporcións que poden variar entre certos límites.

Procesos e características

[editar | editar a fonte]

Toda disolución está formada por unha fase dispersa chamada soluto e un medio dispersante denominado disolvente. Tamén adoita definirse disolvente como a substancia que existe en maior cantidade que o soluto na disolución. Se ambos os dous, soluto e disolvente, existen en igual cantidade (como un 50 % de etanol e un 50 % de auga nunha disolución), a substancia que é máis frecuentemente utilizada como disolvente é a que se designa como tal (neste caso, a auga). Unha disolución pode estar formada por un ou máis solutos e un ou máis disolventes. Unha disolución será unha mestura na mesma proporción en calquera cantidade que tomemos (por pequena que sexa a gota), e non se poderán separar por centrifugación nin filtración.

Un exemplo común podería ser un sólido disolvido nun líquido, como o sal común ou o azucre disolvido en auga (ou até o ouro en mercurio, formando unha amálgama).

Distínguese dunha suspensión, que é unha mestura na que o soluto non está totalmente disgregado no disolvente, senón dispersado en pequenas partículas. Así, diferentes gotas poden ter diferente cantidade dunha substancia en suspensión. Mentres unha disolución é sempre transparente, unha suspensión presentará turbidez, será traslúcida ou opaca. Unha emulsión é intermedia entre a disolución e a suspensión.

As disolucións son mesturas homoxéneas. As cantidades de soluto e disolvente áchanse en proporcións que varían entre certos límites. Normalmente o disolvente está en maior proporción que o soluto, aínda que non sempre é así. A proporción en que teñamos o soluto no seo do disolvente depende do tipo de interacción que se produza entre eles. Esta interacción está relacionada coa solubilidade do soluto no disolvente. Unha disolución que conteña pouca cantidade é unha disolución diluída. A medida que aumente a proporción de soluto teremos disolucións máis concentradas, até que o disolvente non admite máis soluto, entón a disolución é saturada. Por encima da saturación temos as disolucións sobresaturadas.

As súas propiedades físicas dependen da súa concentración:

  • Disolución HCl (ácido clorhídrico) 12 mol/L; densidade = 1,18 g/cm³
  • Disolución HCl (ácido clorhídrico) 6 mol/L; densidade = 1,10 g/cm³

Os seus compoñentes sepáranse por cambios de fases, como a fusión, evaporación, condensación etc.

Teñen ausencia de sedimentación, é dicir, ao someter unha disolución a un proceso de centrifugación as partículas do soluto non sedimentan debido a que o tamaño das mesmas é inferior a 10 Ángstrom ( ºA ).

Clasificación das disolucións

[editar | editar a fonte]
Polo seu estado de agregación Pola súa concentración
sólidas sólido en sólido: aliaxes como zinc en estaño (latón); gas en sólido: hidróxeno en paladio; líquido en sólido: mercurio en prata (amálgama) non saturada: é aquela onde a fase dispersa e a dispersante non están en equilibrio a unha temperatura dada; é dicir, que poden admitir máis soluto até alcanzar o seu grao de saturación. Ex.: a 0 °C 100 g de auga disolven 37,5 g NaCl, é dicir, á temperatura dada, unha disolución que conteñan 20 g NaCl en 100 g de auga, é non saturada.
líquidas líquido en líquido: alcohol en auga; sólido en líquido: sal en auga (salmoira); gas en líquido: oxíxeno en auga. saturada: nesta disolución hai un equilibrio entre a fase dispersa e o medio dispersante, xa que á temperatura que se tome en consideración, o solvente non é capaz de disolver máis soluto. Ex.: unha disolución acuosa saturada de NaCl é aquela que contén 37,5 g disolvidos en 100 g de auga 0 °C.
gasosas gas en gas: oxíxeno en nitróxeno; líquido en gases: néboas sólido en gas: fumes. sobresaturada: representa un tipo de disolución inestable, xa que presenta disolvido máis soluto que o permitido para a temperatura dada. Para preparar este tipo de disolución agrégase soluto en exceso, a elevada temperatura e logo arrefríase o sistema lentamente. Esta disolución é inestable, xa que ao engadir un cristal moi pequeno do soluto, o exceso existente precipita; de igual xeito sucede cun cambio brusco de temperatura, ou mesmo cunha pequena axitación ou cun golpe na vasilla que a contén.

En función da natureza de solutos e disolventes, as leis que rexen as disolucións son distintas.

Pola relación que existe entre o soluto e a disolución, algúns autores clasifican as disolucións en diluídas e concentradas, as concentradas se subdividen en saturadas e sobresaturadas. As diluídas, refírense a aquelas que posúen pouca cantidade de soluto en relación á cantidade de disolución; e as concentradas cando posúen gran cantidade de soluto. É incoveniente a utilización desta clasificación debido a que non todas as substancias se disolven na mesma proporción nunha determinada cantidade de disolvente a unha temperatura dada. Ex: a 25 °C en 100 g de auga disólvense 0,000246 g de BaSO4. Esta disolución é concentrada (saturada) porque non admite máis sal, aínda que pola pouca cantidade de soluto disolvido debería clasificarse como diluída. Por iso é máis conveniente clasificar ás disolución ou solucións como non saturadas, saturadas e sobresaturadas.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para disolución.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]