Cartas de Amarna
As taboíñas de Amarna son catro centenares de taboíñas con inscricións cuneiformes, coñecidas tamén como as cartas de Amarna, que forman a correspondencia diplomática do tempo do faraón Akhenatón.
O 1887 unha muller da rexión de Tell al-Amarna atopou as primeiras cen taboíñas, nun lugar da rexión. Estaban gravadas con inscricións cuneiformes e contiñan a correspondencia diplomática internacional do faraón. En total atopáronse 382 taboíñas, que se revelaron como un instrumento de primeira liña para o estudo do século XIV. Flinders Petrie atopou o edificio no cal se atoparan as taboíñas e engadiu algunhas máis (22) ás atopadas inicialmente ata chegar ás 382. A maioría estaban escritas en lingua acadia, e algunhas (poucas) noutras linguas (asirio, hurrita, hitita). Das 382, 350 son cartas e 32 son outros textos (mitos, poemas épicos, léxicos...). 203 atópanse en Berlín no Vorderasiatisches Museum; 49 ou 50 están no Museo Arqueolóxico do Cairo; 95 están no Museo Británico; 22 están no Ashmolean Museum de Oxford (as atopadas por Petrie); 7 están no Museo do Louvre; 9 están en coleccións privadas; e 2 no Museo Metropolitano de Nova York. Unhas 40 cartas proveñen de estados cos que Exipto tiña unha relación de igual a igual (Babilonia, Asiria, Mittani, Arzawa, Alashiya ou Alashia e Hatti; o resto son dos príncipes vasalos en Siria e Palestina.