Saltar ao contido

Techno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tecno (música)»)

A música Techno (ou tecno) é un estilo de música electrónica bailábel, creado a mediados dos anos 80 na cidade estadounidense de Detroit. Houbo influencias tanto desde o Electro como desde a música House.

Caracterízase por un ritmo monótono, pero bailábel, en 4/4, e a consecuente utilización de instrumentos electrónicos, como sintetizadores e samplers. A diferenza dos estilos do Electro Pop, o Techno non utiliza a estrutura dunha canción, senón que está estruturado de maneira repetitiva, para maximizar o efecto bailábel da música.

Cómpre sinalar que "techno" é tamén usado a miúdo de forma menos rigurosa para referirse á música electrónica ou á música electrónica de baile en xeral.

Precursores importantes do son Techno foron os músicos alemáns do grupo Kraftwerk, que desde mediados dos setenta crearon mesturas entre o pop e a música electrónica, pero tamén temas moi monótonos e bailábeis como Heimcomputer (1981). O estilo de Kraftwerk foi copiado nos Estados Unidos por músicos como Afrika Bambaataa, dándolle a este estilo o nome de Electro.

A principios dos anos 80, algúns músicos da cidade estadounidense de Detroit, os pioneiros Derrick May, Kevin Saunderson e Juan Atkins, mesturaron a música electro coa música house, creando unha variante propia da música electrónica bailábel, que se caracterizaba por un son moito máis sintético que o house, pero os ritmos de funk que caracterizaban o electro foron substituídos por un ritmo simple en 4/4.

A finais dos anos 80, este estilo comezou a facerse popular tamén en Europa, que se convertería a partir destes anos no centro da movida. Mentres que en Alemaña se inventou o Trance, un estilo máis melodioso e tranquilo, nos Países Baixos desenvolvéronse o Techno Hardcore e o Gabba, formas moito máis rápidas e agresivas.

Desde principios dos anos 90, o Techno volveuse moi exitoso en practicamente todo o mundo e xerou unha subcultura propia, caracterizada polas fiestas rave -festas multitudinarias que adoitan durar dúas ou tres noites seguidas- , un estilo de moda propio, e polo menos nos principios, unha forma de pensar liberal que tiña como meta a paz e a tolerancia no mundo. A cara negativa foi a proliferación de drogas euforizantes como o éxtase e o Speed.

Subxéneros

[editar | editar a fonte]