Saltar ao contido

Cores cálidas e frías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Temperatura de cor»)

A diferenza entre as cores cálidas e as frías, apareceu na teoría da cor a partir do século XVIII na análise das pinturas para definir o efecto que determinadas cores teñen no espectador. Tradicionalmente desde entón as cores como o azul, o verde e o púrpura considéranse frías, mentres que as cores como o vermello, o laranxa ou o amarelo son cálidas. Esta clasificación das cores é psicolóxica, artística e científica; e hai unha asociación de cores frías co mar, o ceo e o bosque,[1] mentres que as cores cálidas están asociadas ao lume e ao solpor.

Cores frías á esquerda e cálidas á dereita.

A distinción pasou á cultura popular, por exemplo na billa, onde o vermello indica auga quente e o azul auga fría, aínda que non deixa de ser unha convención non totalmente innata, un elemento de comunicación visual que é preciso aprender.

Aínda que o código de cores para a temperatura é bastante universal, o descoñecemento pode levar a pensar que son meros adornos, como neste caso nos baños dunha estación de bus

Considérase que a cor máis fría é o azul escuro, que se parece ao ceo de noite, similar ao negro ou ao fondo do mar, elementos naturais que se asocian á sensación de frío. Hai polémica entre os artistas, en cambio, sobre que cor é a máis cálida, algúns indican o vermello pola súa forza (é o que impera na cultura popular como símbolo de alta temperatura, como o lume) e outros o amarelo, internamente unido á luz.[2]

Hai un desacordo histórico sobre as cores que definen a polaridade, mais fontes do século XIX poñen o máximo contraste entre o vermello alaranxado e o azul verdoso. Por outra banda, hai cores consideradas neutras ou intermedias, entre cálidas e frías; por iso, segundo a clasificación, o amarelo verdoso pódese considerar cálido e un verde azulado como a esmeralda considerarse frío.[3] Un fucsia pode ser cálido ou frío segundo predomine o vermello ou o morado respectivamente. Tamén se pode falar dun gris frío e un gris cálido, ou dun marrón frío e un cálido. O branco pode asociarse coa calor do día e o negro co frío e a escuridade da noite.

Temperatura e enerxía da cor

[editar | editar a fonte]
Espectro visible, desde a fría luz violeta á cálida luz vermella.

A luz pódese desdobrar nas súas diferentes lonxitudes de onda, tal como sucede no arco da vella. A luz fría corresponde ao extremo do espectro visible onde se sitúa a luz violeta e a luz azul, mentres que as máis cálidas van da luz amarela á vermella. En 1800, o músico e astrónomo William Herschel mediu cun termómetro as cores desdobradas da luz solar cun prisma, comprobando que a temperatura aumentaba desde o azul cara ao vermello, e para a súa sorpresa, observou que máis aló do vermello había unha radiación invisible aínda máis quente, descubrindo así a radiación infravermella, a cal foi coñecida como "raios calóricos" durante o século XIX.[4]

Curiosamente, é unha sensación oposta á temperatura da cor das estrelas, xa que as que emiten máis calor son as estrelas azuis e menos calor as amarelas ou vermellas. A temperatura na fotosfera varía segundo a estrela. No caso do Sol, a temperatura fotosférica é duns 5504 °C. É unha capa de plasma que emite a luz e a calor que recibimos. No caso doutras estrelas, a temperatura fotosférica ou superficial pode ser diferente e, como consecuencia, a luz emitida adoita ter unha cor diferente. Unha estrela vermella é relativamente fría na fotosfera (cerca de 60 000 °C) mentres que azul e verde significan máis de 1 000 000 °C.

Por outra banda (sendo un paradoxo aparente segundo a experiencia intuitiva, tal que a temperatura das fotosferas), as cores cálidas teñen menos enerxía e as cores frías son máis enerxéticas. Isto débese a que a luz das cores frías ten maior enerxía por fotón (con máis electrón-volts). É por este motivo que, aínda que a radiación infravermella é máis quente, a radiación ultravioleta é fría pero daniña para a saúde debido á maior enerxía que ten. Do mesmo xeito, a luz azul ten máis enerxía que a vermella, aínda que cando se trata de amosar dispositivos como ordenadores e teléfonos móbiles, isto non supón un perigo para os ollos porque teñen unha cantidade de luz aceptábel e segura para a súa percepción.[5] Non obstante, unha lámpada ou bombilla de potente luz azul é fría e ten moita enerxía, que pode provocar dor nos ollos, dor de cabeza e é perigosa para a retina; por este motivo é saudábel durante o día usar lentes de sol cun filtro para luz ultravioleta e azul-violeta, mentres que pola noite non se debe abusar da iluminación fría e baixar o nivel de luz da pantalla.[6]

Recentemente descubriuse unha terapia baseada nunha determinada lonxitude de onda de luz verde, capaz de reducir a frecuencia e intensidade da dor de cabeza episódica ou crónica. A terapia acurtou a duración das dores e mellorou a capacidade para durmir, realizar tarefas e exercicio físico. A maioría informou dunha redución nos días de enxaqueca ao mes, e ningún dos participantes informou de efectos secundarios pola exposición á luz verde.[7]

Calidez de cor e nomes

[editar | editar a fonte]

Non todos os idiomas se refiren ás cores cálidas e frías cos mesmos termos. Segundo a teoría evolutiva de Kay sobre os nomes das cores, se unha lingua ten só tres palabras para designar a cor, estas serán equivalentes á cor negra, branca e vermella, que aparece como a máis básica. Máis tarde xorde o contraste entre o verde e o amarelo e máis tarde unha palabra específica para o azul. E non todos os idiomas agrupan estes contrastes do mesmo xeito.

Respecto das cores frías existen as seguintes posibilidades:

  • Distinción entre azul e verde como tons esenciais (con variantes ou sen elas).
  • Non hai distinción entre azul e verde, que se designan cunha soa palabra (a opción máis frecuente entre linguas).
  • As cores frías parécense a cores escuras e reciben un nome como o negro.
  • Hai un mesmo termo que engloba as cores frías e o amarelo en oposición ao básico vermello.
  • O azul sepárase dun termo que designa ao mesmo tempo amarelo-verde, considerados cores cálidas.

Respecto das cores cálidas obsérvanse as seguintes variacións:

  • Diferénciase entre tons de amarelo e de vermello, a opción máis común.
  • Asócianse todas as cores cálidas a un só termo.

En inglés a palabra black (negro) provén da mesma raíz que a palabra branco en galego (de queimar, por unha banda o resplandor é luz clara, pero as cousas queimadas fican negras), do indoeuropeo ou proto-indoeuropeo *bhleg-.[8]

Tendo en conta que o vermello é a cor máis básica, non existe ningunha lingua coñecida que separe as cores frías e en cambio utilice un só termo para as cores cálidas.[9][10] Porén, en galego e portugués a palabra roxo tivo, e dalgún xeito conserva, un carácter semántico que abarcaba todas as cores cálidas, desde o amarelo alaranxado ao violeta. Hoxe en galego roxo designa varias acepcións referidas a distintas tonalidades, recollidas nos dicionarios, desde a cor do ouro ou algo máis escura a castaño tirando a vermello e amarelo alaranxado ou marrón[11] Os dicionarios de portugués aínda recollen o significado de roxo con eses mesmos significados, como arcaísmo ou dialectalismo, pero o cambio semántico é relativamente recente: o mar actualmente denominado como Mar Vermello (Vermelho en grafía portuguesa) no século XVI era chamado de mar Roxo por João de Barros, en Camões roxo como sinónimo de vermelho na expresión «roxo sangue»[12], varios personaxes históricos chamados hoxe "Barba Ruiva" eran chamados Barbaroxa, e o mesmo nome permanece en varios topónimos de Portugal.

  1. Paul Zelanski & Mary Pat Fisher 1989-1999, Color. H. Blume 2001, Madrid-España
  2. "handprint : color temperature". Consultado o 13 de decembro de 2016. 
  3. Marisa Del Dago 2005, "Maquillaje". p.22 Imaginador Ed. Bs.As.
  4. Ray Villard 2002, "Supertelescopios" p.11 Ed. Buenas letras, NY
  5. David Ramsey 2019, Will blue light from electronic devices increase my risk of macular degeneration and blindness? Harvard Health Publishing, Harvard University
  6. La luz LED fría puede dañar tu retina. 20/09/2018 Estar bien, eldiario.es
  7. "Estudo clínico para tratar enxaquecas con luz verde". 
  8. "étimo de black (negro en inglés), común ao de branco en galego". 
  9. "WALS Online - Chapter Red and Yellow". Consultado o 13 de decembro de 2016. 
  10. "Color càlid i fred" (en catalán). 23 de agosto de 2016. Consultado o 13 de decembro de 2016. 
  11. "/roxo/ no DRAG". 
  12. "Cyber-dúvidas da lingua portuguesa, sobre o termo "roxo" como "vermello"".