Saltar ao contido

Tratado de París (1783)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tratado de Versalles (1783)»)
Firma do Tratado de París, 1783. A delegación británica rexeita posar, e a pintura nunca se rematou

O Tratado de París ou Tratado de Versalles asinouse o 3 de setembro de 1783 entre Gran Bretaña e Estados Unidos e puxo termo á Guerra de Independencia dos Estados Unidos. O cansazo dos participantes e a evidencia de que a distribución de forzas, co predominio inglés no mar, facía imposible un desenlace militar, que conduciu ao cesamento das hostilidades.

O tratado foi asinado por David Hartley (un membro do Parlamento do Reino Unido que representaba ao rei Xurxo III), John Adams, Benjamin Franklin e John Jay (representando aos Estados Unidos). O tratado foi ratificado polo Congreso da Confederación o 14 de xaneiro de 1784, e polos británicos o 9 de abril de 1784.

De forma resumida, mediante este tratado:

  • No artigo 1, recoñecíase a independencia das Trece Colonias como os Estados Unidos de América[1]e outorgouse á nova nación todo o territorio ao norte de Florida, ao sur do Canadá e ao leste do río Mississippi. O paralelo 32º fixábase como fronteira norte. Gran Bretaña renunciou, así mesmo ao val do río Ohio e deu aos Estados Unidos plenos poderes sobre a explotación pesqueira de Terra Nova (Artigos 2 e 3).
  • O recoñecemento das débedas contratadas lexítimas debían pagarse aos acredores de ambas as partes (Artigo 4).
  • Os Estados Unidos previrían futuras confiscacións das propiedades dos "Leais" —colonos británicos que permaneceron leais á coroa británica durante a revolución americana— (Artigo 6).
  • Os prisioneiros de guerra de ambos os bandos debían ser liberados (Artigo 7).
  • Gran Bretaña e os Estados Unidos terían libre acceso ao río Mississippi (Artigo 8).

Os británicos asinaron tamén o mesmo día acordos por separado con España, Francia e os Países Baixos, que xa foran negociados con anterioridade:

  • España mantiña os territorios recuperados de Menorca e Florida oriental e occidental. Doutra banda recuperaba as costas de Nicaragua, Honduras (Costa dos Mosquitos) e Campeche. Recoñecíase a soberanía española sobre a colonia de Providencia e a inglesa sobre Bahamas. Con todo, Gran Bretaña conservaba a estratéxica posición de Xibraltar —Londres mostrouse inflexible, xa que o control do mar Mediterráneo era impracticable sen a fortaleza da Roca.
  • Francia: Cedéuselle Luisiana, Saint-Pierre-et-Miquelon, Santa Lucía e Tobago. Outorgóuselle o dereito de pesca en Terra Nova. Tamén recupera algúns enclaves nas Antillas, ademais das prazas do río Senegal en África.
  • Os Países Baixos recibían Sumatra, estando obrigados a entregar Negapatam (na India) a Gran Bretaña e a recoñecer aos ingleses o dereito de navegar libremente polo océano Índico.
  • Gran Bretaña mantiña ao Canadá baixo o seu Imperio, a pesar de que os estadounidenses trataron de exportar a terras canadenses a súa revolución.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

En xeral os logros alcanzados poden xulgarse como favorables para España e en menor medida para Francia a pesar do elevado custo bélico e as perdas ocasionadas pola case paralización do comercio con América un pesado lastre que pesaría sobre a posterior situación económica española. Por outra banda, o triunfo dos rebeldes norteamericanos sobre Gran Bretaña non ía deixar de influír nun futuro próximo sobre as colonias españolas. Esta influencia veu por distintos camiños: a emulación do realizado por comunidades en similares circunstancias, a solidariedade dos antigos colonos cos que aínda o eran, a axuda doutras potencias interesadas na desaparición do imperio colonial hispano etc. Pero estes aspectos manifestáronse dun modo claro durante as Guerras napoleónicas.

  1. Algunhas versións online do tratado omiten a Delaware da lista de colonias constituíntes, pero o texto actual relaciónao entre Pensilvania e Maryland. Por exemplo, ver o facsímile dun xornal de Londres que anuncia o tratado [1] Arquivado 28 de maio de 2010 en Wayback Machine. [2] Arquivado 20 de novembro de 2007 en Wayback Machine.. Delaware tamén se inclúe na versión preliminar do tratado lido no Congreso Continental o 15 de abril de 1783 [3] Arquivado 27 de xullo de 2013 en Wayback Machine. e no ratificado polo Congreso da Confederación o 14 de xaneiro de 1784 [4] Arquivado 14 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine..

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

(en inglés)