Unión Campestre Fútbol Club
Unión Campestre | |
---|---|
Fundación | 1908 |
Estadio | O Redondo |
Na rede | |
A Unión Campestre Fútbol Club é un club de fútbol do lugar de Montrove (Liáns, Oleiros). Fundouse en 1908, o que o converte no segundo club de fútbol máis antigo de Galiza por detrás do Real Club Deportivo da Coruña. Xoga os seus encontros no campo do Redondo.
Historia
[editar | editar a fonte]A principios do século XX algúns dos barcos que chegaban ao porto da Coruña procedentes de Inglaterra fondeaban nas proximidades de Bastiagueiro, en cuxa praia adoitaban xogar partidos de fútbol os mariñeiros ingleses cando baixaba a marea. Deste xeito os mozos de Oleiros comezaron a coñecer e a practicar este novo deporte.
En 1908 naceu a Unión Campestre Fútbol Club de Montrove da man de Fernando Suárez Martínez e José Fraga López, se ben non se conserva a acta orixinal de constitución do club, o que impide saber a data exacta de rexistro da entidade. Isto fixo que se especulase coa propia data de creación do club, habendo quen sinala que estaba en funcionamento dende 1905 con este nome.[1] A Unión Campestre comezou a competir en ligas oficiais en 1932. En 1940 inscribiuse na Federación Galega de Fútbol e pasou a xogar nas competicións organizadas pola federación galega, primeiro con bos resultados na división da Mariñas e posteriormente na segunda rexional.[1]
O 6 de decembro de 2018 o club celebrou o 110º aniversario na Casa do Pobo de Montrove, un acto sinxelo no que se recoñeceu os socios máis antigos da entidade. Entre os actos do aniversario tamén se disputou un partido amigable na mañá dese mesmo día no campo do Redondo, e organizouse un bingo para recadar cartos.[1]
Nome
[editar | editar a fonte]De acordo con Raúl Vázquez Barona, presidente da entidade en 2018, o nome da Unión Campestre Fútbol Club procede das denominacións que adoitaban ter os equipos ingleses da época, United (Unión) e Country (Campestre).[1]
Palmarés
[editar | editar a fonte]A Unión Campestre Fútbol Club nunca competiu en categorías estatais. Entre os seus maiores logros están o subcampionato da primeira división das Mariñas, e as semifinais da Copa da Coruña en 1946.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Silveira, Elena (11 de decembro de 2018). "El Campestre de Montrove cumple 110 años". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de novembro de 2024.