Vilamaior de Caldelas, Castro Caldelas
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2012.) |
Vilamaior de Caldelas | |
---|---|
Concello | Castro Caldelas[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°21′14″N 7°22′13″O / 42.35395794, -7.37022388 |
Poboación | 42 hab. (2014) |
Entidades de poboación | 4[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Vilamaior de Caldelas é unha das parroquias do concello de Castro Caldelas, pertencente á provincia de Ourense. Segundo o IGE, en 2014 tiña 42 habitantes, dos cales 24 eran homes e 18 mulleres, o que supón unha diminución constante respecto do ano 2009, cando tiña 50 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Vilamaior de Caldelas, antigamente coñecida por Vilamaior, sen máis, consta de catro aldeas: a propia Vilamaior (con 25 habitantes), Casfiel (con sete), Os Casares (seis) e Vilar de Oleiros (con catro); antigamente tiña outra aldea, O Carballo, despoboada desde hai xa anos. As parroquias lindeiras son O Burgo, Sas de Penelas e Castrelo (xa pertencente ao concello de San Xoán de Río).
Dista uns 5 km da capital do Concello (O Castro de Caldelas) e 52 km de Ourense.
Xeografía física
[editar | editar a fonte]Vilamaior está situada na aba da Serra do Burgo. Atópase a uns 750 m de altitude e a parte montañosa correspondente que a protexe polo sur ten un máximo desnivel duns 1.050 m (aínda que a Serra do Burgo, noutra parte, alcanza os 1.250 m aprox.). Esta protección natural polo sur, e algo menos polo leste pero non polo norte (ou moito menos pronunciada polo norte), atenúa as temperaturas máis altas, mais non tanto as baixas; por esta circunstancia natural, á parte de pola altura á que se atopa e tamén por ser unha zona interior, as xeadas son moito máis frecuentes, duradeiras e daniñas que noutros pobos ou parroquias con distinta protección orográfica.
Non hai ríos importantes que atravesen a parroquia; o que hai son regatos, moi torrenciais (con moito desnivel) ao seu paso pola montaña, cheos de auga no inverno e que van secando a medida que o verán avanza.
Demografía
[editar | editar a fonte]A principio do século XX estaba moito máis poboada a parroquia, cuns 400 veciños aproximadamente, mais agora a redución da poboación debida á emigración a diferentes destinos é constante. No ano 2000 a parroquia tiña 74 habitantes (44 homes e 30 mulleres), mentres que no 2014 son só 42 habitantes.
Economía
[editar | editar a fonte]A xente sempre viviu da agricultura e da gandaría, e en menor medida da silvicultura (explotación da madeira). Basicamente sempre se tratou de economía de subsistencia baseadas no cultivo da terra en réxime de minifundio. A gandaría proporcionaba un extra ou plus de ingresos, os cales permitían mercar produtos, utensilios etc. Canto aos cultivos, o que máis se sementa son as patacas e o centeo (que hoxe case non se cultiva), millo, remolacha, garavanzos, fabas, leitugas e tomates; dánse as mazás, cereixas, peras e pavías.
Unha parte importante do terreo produtivo está “ao ermo”, isto é, deixouse de traballar e encheuse de mato.