Saltar ao contido

Xosé Manuel Díaz García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaXosé Manuel Díaz García
Biografía
NacementoLugo, España Editar o valor en Wikidata
Morte19 de marzo de 2024 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónobreiro da construción, sindicalista Editar o valor en Wikidata

Xosé Manuel Díaz García, nado en Lugo a mediados do século XX e finado o 19 de marzo de 2024, foi un sindicalista galego, que tivo un destacado papel na organización do sindicalismo nacionalista galego nas décadas de 1970 e 1980.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Militante da Unión do Povo Galego (UPG) e de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), abandonou os seus estudos con 17 anos, tras rematar COU, e pasou a traballar no sector da construción.[1] Participou na fundación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e mentres traballaba na construción da central térmica das Pontes tivo un papel activo na histórica folga de 20 días que se produciu en 1975, uns meses antes da morte de Franco.[2] Aínda que non se conseguiron os obxectivos da folga (aumentos de salario e mellores condicións laborais), esta puxo en contacto a sindicalistas como Díaz e Miguel Campuzano, da SOG, con outros como José Luis Muruzabal Arlegui, do Partido Traballo (PT), o que foi o xermolo da futura confluencia entre a Intersindical Nacional Galega (nacida da fusión entre o SOG e outros sindicatos nacionalistas) e a Confederación de Traballadores Galegos (creada por militantes do PT) nacendo así en 1981 a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG).[2][3]

Formou parte da dirección nacional da ING e e da INTG e integrou o Comité Central da UPG entre 1976 e 1981, así como o seu Comité Executivo, abandonando o partido en 1982.[1] Máis tarde licenciouse en Dereito e aprobou unhas oposicións a funcionario, exercendo diversos cargos na época do bipartito galego. Tamén amosou un forte compromiso pola recuperación da memoria histórica, motivado por ser sobriño neto de Manuel Díaz, o médico do Incio asasinado polos fascistas en 1936.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Falece Xosé Manuel Díaz, fundador do SOG e da INTG". Nós Diario. 20 de marzo de 2024. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  2. 2,0 2,1 "A folga nas Pontes en agosto de 1975: “O momento histórico e a paixón militante”". 27 de xuño de 2023. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  3. "A CIG lamenta o pasamento de Xosé Manuel Díaz García, referente nos inicios do sindicalismo nacionalista". 22 de marzo de 2024. Consultado o 22 de mar. de 2024.