Acronicta rumicis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Acronicta rumicis é unha especie de avelaíña pertencente ao xénero Acronicta e á familia Noctuidae, descrita primeiramente por Carl Linné en 1758 na 10ª edición de Systema Naturae. Atópase na rexión paleártica. Vive e aliméntase de plantas localizadas en áreas abertas. No seu estadio larval, como eiruga, causa un impacto tan grande como praga que está recibindo moita atención polos investigadores. A larva de A. rumicis aliméntase de millo, amorodos e outras plantas herbáceas.

A evolución desta avelaíña foi afectada polo melanismo industrial que ocorreu en Europa principalmente durante finais do século XIX e principio do XX, causando un drástico incremento en dúas aberracións (salicin e lugubris), que teñen ás grises máis escuras.

Descrición e identificación[editar | editar a fonte]

A. rumicis ten unha envergadura alar de 34–44 mm. As ás anteriores están manchadas cunha mestura de tons grises claros e escuros, mentres que as ás posteriores son marróns escuras.[1] Presenta un punto branco a medio camiño baixando polo bordo traseiro da á anterior que é unha marca distintiva de A. rumicis que non se ve noutras especies de Acronicta. Os espécimes chineses e xaponeses tenden a ser maiores que os europeos. Os exemplares asiáticos teñen ás anteriores máis baixas e con tons de gris máis escuros.

Descrición técnica e variación[editar | editar a fonte]

Ás anteriores grises escuras, varía segundo os lugares con tons abrancazados; liñas e tons negros; liña externa marcada por un punto branco no pregamento submediano ; ás posteriores fuscas amarranoadas. Larva xaspeada escura e gris clara: unha ringleira dorsal de puntos vermellos nas manchas negras, e unha ringleira de puntos brancos a cada lado; unha liña clara baixo os espiráculos, conteñen tubérculos vermello-laranxa; segmentos 5 e 12 do dorsum xibosos; tubérculos con fascículos de pelos fuscos e fulvos.

As variacións ou aberracións descritas son: ab. turanica Stgr.; ab. alnoides Geest; ab. euphorbiae Steph. nec. Hbn., e ab. euphrasiae Steph. nec Dup.[2] Hai formas melánicas como salicis e lugubris.

Taxonomía e filoxenética[editar | editar a fonte]

A. rumicis é unha avelaíña do xénero Acronicta e da familia Noctuidae. Os Noctuidae teñen máis de 21.000 especies. Os noctuidos teñen ollos grandes que brillan na escuridade e a cor das súas ás fan que sexa difícil velas.[3] Na súa posición habitual de repouso, os noctuidos pregan as súas ás sobre o corpo; as ás anteriores solápanse unha á outra. As ás pregadas toman forma de tenda.[4] Case todas as larvas de Acronicta están moi coloreadas con pelos marróns espiñosos en toda a parte dorsal do corpo.[5] Segundo Thomas Algernon Chapman, o xénero Acronicta pode subdividirse en tres grandes grupos: o primeiro, caracterizado por ter unha estrutura xibosa na pupa e unha oviposición con ovos amoreados, inclúe: A. auricoma, A. myricae, A. menthanthidis, A. venosa e A. rumicis. O segundo, caracterizado por ter espiñas terminais da pupa e unha posta de ovos cupuliforme separada doutras, inclúe: A. psi, A. tridens, A. strigosa, A. alni, A. megacephala, A. leporina, A. aceris. O terceiro grupo ten unha soa especie, A. ligustri.

Rexión paleártica.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A. rumicis está distribuída por todo o Paleártico. É común no noroeste da China, a península de Corea e o Xapón, aínda que tamén se atopou noutras partes de Eurasia, incluíndo Rusia.[6] Atópase en case toda Europa, pero está ausente nalgunhas áreas do noroeste de Escandinavia. Investigouse moito sobre esta especie en Inglaterra e Escocia.[1]

Estas avelaíñas adoitan vivir en plantas localizadas en áreas moi abertas como praderías, claros de bosques, xardíns e sebes, xeralmente en áreas non húmidas.[7]

Recursos alimenticios[editar | editar a fonte]

Rumex obtusifolius.

Eirugas[editar | editar a fonte]

No estadio de eiruga A. rumicis adoita alimentarse de plantas herbáceas baixas, como acedas e outros Rumex, silvas, cardos, lúpulo[8] e ocasionalmente de follas de arbustos.[7] Ademais, a larva de A. rumicis prefire froitos de árbores como especies de Prunus e plantas da familia Polygonaceae.[9]

En investigacións unha das plantas máis usadas é Rumex obtusifolius, unha planta herbácea común na área de distribución de A. rumicis.[9]

Historia vital[editar | editar a fonte]

A. rumicis xeralmente cría dúas veces no ano en zonas temperadas: a primeira xeración voa en maio e xuño, mentres que a segunda faino en agosto e setembro. Porén, o número de xeracións pode diferir baseándose na localización; no sur de Europa, adoita criar tres veces, mentres que no norte, tan só cría unha vez, moi probablemente debido á diapausa.[1] O número de veces que se reproduce pode determinarse pola duración das horas de luz e os rangos de temperatura. As larvas tenden a alimentarse desde o verán en adiante ata o inverno, durante o cal pasan o tempo en estado de pupas en casulos.[1]

Debuxo esquemático dun ovo de A. rumicis coas súas características cristas en zigzag.
Eiruga

Ovo[editar | editar a fonte]

Os ovos póñense en grupos, formando ringleiras case regulares e solapadas sobre as plantas hóspede. O estadio de ovo dura de 5 a 10 días. Os ovos teñen unha forma redonda aplanada que lembra a do molusco peneira e teñen unha área micropilar da que saen 20 cristas longas que radian desde o centro, case como un debuxo infantil do sol cos seus raios.[10] As cristas máis longas adoitan facer un zigzag.[10] A estrutura aplanada dos ovos facilita a súa estabilidade ao depositalos sobre a planta.[10]

Eiruga[editar | editar a fonte]

Cando as larvas fan eclosión dan pequenas mordedelas na abertura redonda do ovo. Xeralmente, as larvas de A. rumicis están listas para pupar pasados 30 días. Xeralmente teñen uns 40 mm de longo, corpos marróns escuros, con puntos brancos polos lados do corpo e puntos vermellos na parte central e dorsal.[11] Os pelos corporais crecen en petadas, arranxados en ringleiras: dúas ringleiras a cada lado do corpo e unha ringleira ao longo da parte central e dorso.[1]

Casulo

Pupa[editar | editar a fonte]

Unha vez que se achegan os meses invernais, as eirugas completamente crecidas pupan en casulos sobre follas de plantas ou follas caídas. O casulo ten unha rexa seda branca e unha simple capa de herba, paus ou follas para agocharse mellor dos predadores.[5]

Adulto[editar | editar a fonte]

As avelaíñas adultas saen do casulo en xuño pero poden aparecer en meses anteriores se o tempo é constantemente cálido.

Inimigos[editar | editar a fonte]

Predadores[editar | editar a fonte]

Aínda que a principal causa dos problemas que pode ter na vida A. rumicis é o parasitismo por parasitoides, outro grupo de predadores son as aves pequenas. Estas aves, como o peto real, nidifican e crían en bosques, e outras en rexións agrícolas. Nun estudo feito en Eslovenia, as aves estaban nidificando nun campo de lúpulo. O lúpulo é un alimento preferido de A. rumicis, mentres que as eirugas son a principal fonte de alimento para estas aves.[12]

Parasitos[editar | editar a fonte]

O parasitismo en A. rumicis xeralmente ocorre nos meses de maio e outubro. As proporcións son menores nos meses de xuño e xullo por razóns aínda descoñecidas. A maioría dos parasitoides que afectan A. rumicis son avespas parasitoides das familias Braconidae e Ichneumonidae, así como moscas parasitas.[13]

Un dos parasitoides máis comúns de A. rumicis é Glyptapanteles liparidis, un parasitoide de larva que está amplamente distribuído en Eurasia.[14] G. liparidis oviposita na superficie da larva da avelaíña; unha vez eclosiona, a larva da avespa aliméntase da larva de A. rumicis e acaba causándolle a morte.

Baseándose nun estudo feito en Corea do Sur, G. liparidis afecta A. rumicis nos seus catro primeiros estadios larvarios.[14] O mesmo estudo tamén descubriu que o segundo estadio larvario era aparentemente a mellor fonte de alimento para a larva deste parasitoide, xa que nese estadio producíase a maior taxa de mortalidade en comparación cos outros tres estadios. Como a larva de G. liparidis crece continuamente e utiliza os recursos producidos internamente pola larva de A. rumicis, os hábitos alimenticios da larva da avelaíña cambian tamén. Como media, as larvas parasitadas comen máis material vexetal que as non parasitadas; o segundo estadio larvario adoita consumir máis alimento que os outros, o que apoia a idea de que G. liparidis se alimenta máis eficientemente no segundo estadio larvario da avelaíña.[14]

Xenética dos padróns de cor[editar | editar a fonte]

Pigmentación e coloración estrutural[editar | editar a fonte]

Nesta especie observouse o melanismo industrial, o que significa que estas avelaíñas evolucionaron a formas máis escuras durante a Revolución Industrial en Inglaterra cando a contaminación afectou ao medio ambiente.

A aberración salicis Curtis, que é común na área de distribución da especie, ten certo grao de melanismo, con seccións de tons grises máis escuros nas ás e conserva a marca identificadora de A. rumicis, o punto branco nas ás anteriores.[15] A aberración salicis é común en Inglaterra, Gales e Irlanda. A aberración lugubris Schultz extremadamente melánica e case completamente negra, carece das manchas grises mesturadas nas ás, pero segue conservando o prominente marcador do punto branco nas ás anteriores.[16] A aberración lugubris pode atoparse principalmente en Inglaterra. Segundo B. K. West, desde a década de 1990, o melanismo en A. rumicis foise facendo menos frecuente; en 1995 un 20 % dos exemplares eran melánicos, pero no decurso de cinco anos a porcentaxe decreceu a 6,1 %. En 2004 só o 2,8 % da poboación era melánica.[16] Durante o período industrial de épocas pasadas as superficies das plantas onde se pousaba a avelaíña quedaron escurecidas polo feluxe da contaminación e aumentou a forma melánica que se camuflaba mellor; en décadas posteriores, conforme as condicións melloraban e as plantas estaban máis limpas, as formas melánicas deixaron de ser evolutivamente favorables e empezaron a diminuír.

Fisioloxía[editar | editar a fonte]

Diapausa[editar | editar a fonte]

En A. rumicis a duración da luz e a temperatura son os dous principais factores que causan a diapausa, que consiste en que o desenvolvemento do insecto se fai mais lento ou se detén cando as condicións ambientais non son óptimas. Nun estudo, o comezo da diapausa observouse despois de variar o fotoperiodo, mantendo constante a crianza das larvas a 27-28 °C. Cando A. rumicis era exposta ao período de luz dun día curto durante o período de alimentación larval, case todos os individuos entraron en diapausa despois de chegaren ao estadio pupal.[17] A medida que os fotoperíodos diarios se estendían no experimento a máis de 17 horas, a incidencia da diapausa empezou a caer, non causando ningún cambio no desevolvemento da pupa no casulo.[17]

A capacidade de A. rumicis de sufrir diapausa permítelle completar dúas xeracións mentres as plantas hóspede están dispoñibles.[18] A primeira xeración desenvólvese cando hai fotoperíodos máis longos, polo que as pupas están fisioloxicamente activas, mentres que a segunda xeración crece cando hai fotoperíodos máis curtos, o que significa que é máis beneficioso para as pupas entraren en diapause cando pasan o inverno en ambiente frío.[18]

Interaccións cos humanos[editar | editar a fonte]

Pragas agrícolas[editar | editar a fonte]

A. rumicis é unha praga menor para varios tipos de colleitas de froitas, especialmente de amorodos. Porén, poden tamén causar danos a amoras, framboesas, amora vermella, mazás, peras e cereixas. Xeralmente a larva causa defoliación a medida que se alimenta das novas follas que agroman.[1] A. rumicis tamén ataca os feixóns, cacahuetes, trigo, millo, brassicas e outras.[19]

Segundo un estudo feito en Polonia, A. rumicis tamén ataca ao millo, alimentándose ata que as follas das plantas do millo xanon son frescas e novas debido ao cambio á estación da colleita. No verán e primavera as larvas danan as follas e os tecidos sedosos das mazarocas, comendo ocasionalmente tamén os grans tenros. Cando chega a segunda xeración no outono, só comen as follas. Este estudo feito en Polonia apoia que a larva de A. rumicis prefire comer follas frescas e novas.[20]

Conservación[editar | editar a fonte]

En conxunto, a poboación de A. rumicis está en rápido declive. Un país onde foron moi estudadas foi o Reino Unido, onde as poboacións, segundo investigacións recentes están en perigo debido á perda de hábitats, mala xestión dos hábitats, quecemento global e deterioración ambiental polo uso de pesticidas e a polución.[21] Desde 1969, a poboación de A. rumicis declinou en case un 75 %. Recentemente, A. rumicis considérase unha especie prioritaria no Plan de Acción de Biodiversidade nese país.[22]

Os investigadores están realizando a conservación desta especie en áreas boscosas con alta prioridade; tamén atoparon unha correlación positiva entre a riqueza de especies de plantas herbáceas e a densidade das poboacións da avelaíña.[21]

Perda de hábitat e migración[editar | editar a fonte]

Sebes

Segundo Emma Coulthard, as sebes en estreita proximidade de cultivos agrícolas e granxas son moi importantes para a supervivencia de avelaíñas como A. rumicis. Os hábitats das sebes proporcionan recursos alimenticios, refuxio e un lugar para que as femias poñan ovos. Ademais, estudos recentes mostraron que as sebes poden actuar como guías para as avelaíñas cando voan desde un lugar a outro. Como as avelaíñas son nocturnas, é moi improbable que usen a axuda visual para guiarse, senón máis ben guíanse por marcadores olfactivos.[21]

Porén, recentemente, as sebes están sendo eliminadas para aumentar a eficiencia agrícola. A eliminación de hábitats clave como esta non só limita as necesidades básicas de supervivencia (é dicir, alimento, refuxio), senón que tamén impide que a avelaíña nevegue correctamente nos seus voos; finalmente, a avelaíña perdería o seu camiño e despois podeía morrer.[21] Mesmo pequenas descontinuidades entre as zonas con sebes poden causar que a avelaíña se perda.[21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Alford, D. V., 2014. Pests of Fruit Crops: A Colour Handbook. p.356.
  2. Warren. W. in Seitz, A. Ed., 1914 Die Großschmetterlinge der Erde, Verlag Alfred Kernen, Stuttgart Band 3: Abt. 1, Die Großschmetterlinge des palaearktischen Faunengebietes, Die palaearktischen eulenartigen Nachtfalter, 1914
  3. Singh, H., 2014. Taxonomic Studies on Family Noctuidae (Lepidoptera) from North-East India.
  4. Waring, Paul, et al. Field Guide to the Moths of Great Britain and Ireland. British Wildlife, 2009.
  5. 5,0 5,1 Chapman, T.A., 1890. The Genus Acronycta and its Allies. The Entomologist's Record and Journal of Variation, 1(abril), pp.1–4, 26–28.
  6. Anon, 1901. Transactions of the Entomological Society of London.
  7. 7,0 7,1 Winiarska, G., 1990. Communities of noctuids (Lepidoptera, Noctuidae) of linden-oak-hornbeam forests of the Mazovian Lowland. Fragmenta Faunistica, 15(11), pp.143–163.
  8. Skinner, B., 2009. Colour Identification Guide to Moths of the British Isles: (Macrolepidoptera). p.149.
  9. 9,0 9,1 Cho, Y., Kwon, O. & Nam, S.-H., 2006. Ecological and morphological characteristics of the endoparasitoids of larval Acronicta rumicis (Lepidoptera: Noctuidae). Entomological Research, 36, pp. 208–215.
  10. 10,0 10,1 10,2 Dolinskaya, I. V., 2014. Egg Morphology of some Noctuidae (Lepidoptera). Vestnik Zoologii, 48(4), pp. 353–364.
  11. Anon, 2010. The Knot Grass moth and caterpillar – Acronicta rumicis. Wildlife Insight.
  12. Vogrin, M., 2002. Breeding birds in hop fields. Ornis Svecica, 12, pp.92–94.
  13. Cho, Y.-H., Kwon, O.-S. & Nam, S.-H., 2006. Species Composition and Seasonal Distribution of the Endoparasitoids on Acronicta rumicis (Lepidoptera, Noctuidae). Journal of Ecology and Environment, 29(1), pp.55–60.
  14. 14,0 14,1 14,2 CHO, Y.-H., NAM, S.-H. & KWON, O., 2006. Interaction of Acronicta rumicis (Lepidoptera: Noctuidae) and its larval parasitoid, Glyptapanteles liparidis (Hymenoptera: Ichneumonidae). Entomological Research, 36, pp. 79–84.
  15. Skinner, B., 2009. Colour Identification Guide to Moths of the British Isles: (Macrolepidoptera). , p. 149.
  16. 16,0 16,1 West, B.K., 2005. Acronicta rumicis L. ( Lep.: Noctuidae) extreme melanic ab. lugubris Schultz in Kent, and continued decline in melanism. Entomologist's Record and Journal of Variation, 2005(4), pp. 174–175.
  17. 17,0 17,1 Lee, A.D., 1955. The Physiology of Diapause in Arthropods 4ª ed., Cambridge Monographs in Experimental Biology.
  18. 18,0 18,1 Saulich, A.K., Sokolova, I. V & Musolin, D.L., 2015. Seasonal development of the dark spectacle Abrostola triplasia (L.) (Lepidoptera, Noctuidae) and its environmental control. Entomological Review, 95(6), pp. 687–692.
  19. Hu, M. & Qi, M.L., 1993. The morphology and behaviour of Acronicta rumicis L., Ke xue chu ban she.
  20. Bereś, P.K., 2009. Knot grass (Acronicta rumicis L.) - a new maize pest in Southeastern Poland, Institute of Plant Protection. [Consultao o 23 de outubro de 2017].
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 Coulthard, E., 2015. Habitat and landscape-scale effects on the abundance and diversity of macromoths (Lepidoptera) in intensive farmland. The University of Northampton.
  22. Anon, 2016. UK BAP priority species. Joint Nature Conservation Committee.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]