Antonio Cánovas del Castillo
Antonio Cánovas del Castillo, nado en Málaga o 8 de febreiro de 1828 e finado en Arrasate (Guipúscoa) o 8 de agosto de 1897, foi un político e historiador español coñecido principalmente polo seu apoio á Restauración borbónica de 1874 e por converterse no máximo dirixente dos conservadores no "sistema de quendas" por el establecido. Foi presidente do goberno español nos períodos 1874-1875, 1875-1879, 1879-1881, 1884-1885, 1890-1892 e 1895-1897.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Reinado de Isabel II[editar | editar a fonte]
Cánovas iniciouse en política ao pouco de se trasladar a Madrid, a finais dos anos corenta. Integrouse no grupo dos puritanos, unha facción dos liberais moderados partidaria do entendemento cos progresistas. A inicios dos anos cincuenta, cando o gabinete de Bravo Murillo pretendeu afondar no autoritarismo que marcaba a política do Partido Moderado, os puritanos romperon co partido.[1]
Estes ligáronse, entón, aos grupos progresistas que preparaban a Revolución de 1854 e o propio Cánovas foi o redactor do "Manifesto de Manzanares",[2] redactado a petición do xeneral Serrano e asinado por Leopoldo O'Donnell, que deu orixe á revolución.[3] Próximo á Unión Liberal de O'Donnell, converteuse nun dos seus membros máis destacados e chegou a ser ministro de Gobernación en 1864 e de Ultramar en 1865, nos anos finais do reinado de Isabel II, antes de se proclamar a Primeira República Española.
Sexenio revolucionario[editar | editar a fonte]
Cánovas non se involucrou na Gloriosa, o pronunciamento de setembro de 1868 que destronou Isabel II. Tampouco sostivo á raíña, aínda que durante o Sexenio mostrouse partidario da monarquía constitucional. Sinalando a necesidade de orde e goberno firme, non se opuxo de forma taxativa ao réxime nacido da Gloriosa. Abstívose na elección de Amadeo de Savoia e apoiou os gabinetes de Sagasta e Castelar, buscando que o réxime non se radicalizase. Esta posición fixo que se lle xuntasen moitos dos que se mostraban descontentos coa evolución do réxime, máis aínda cando se proclamou a Primeira República Española.
Regreso de Afonso de Borbón[editar | editar a fonte]
En outubro de 1872, coa chegada dos radicais ao poder, Cánovas integrouse por fin no afonsismo, a facción política conservadora que preparaba a volta de Afonso de Borbón, fillo de Isabel II. Fracasada a vía do pronunciamento, no verán de 1873 fíxose co liderado desta facción, desprazando aqueles que pretendían un regreso aos tempos en que o Partido Moderado ocupaba o poder en exclusiva.
Este movemento deteriorou completamente as súas relacións con Isabel II, que apostaba por unha Restauración de carácter reaccionario, en estreita alianza con carlistas e neocatólicos. Cánovas perfilou un afonsismo que pretendía integrar á esquerda liberal e conservar aqueles aspectos da Constitución de 1869 que fosen compatibles co liberalismo moderado.
Cánovas foi o redactor do Manifesto de Sandhurst,[4] publicado no mes de decembro de 1874. Neste texto, asinado por Afonso de Borbón, afirmábase o compromiso do pretendente coa monarquía constitucional e chamaba ao seu lado a todos os españois "sean cuales fueren sus antecedentes políticos". Tratábase dunha clara referencia á súa vontade de integrar cantas sensibilidades políticas fose posible.
Aínda que Cánovas non tiña présa por lograr a proclamación de Afonso e rexeitaba a intervención do exército, non puido evitar o pronunciamento do xeneral Martínez Campos en Sagunto a finais dese mesmo mes. Pese ás cautelas de Cánovas, o pronunciamento triunfou sen violencia e Afonso XII foi proclamado como rei.
Restauración[editar | editar a fonte]
Cánovas sería encargado de artellar o sistema político da Restauración, coñecido na súa honra como "sistema canovista". O sistema, fundamentado na Constitución de 1876, era unha monarquía constitucional a semellanza da británica. A Constitución reservaba á monarquía moitos poderes, entre eles o de disolver as Cortes e nomear presidente do goberno. Con todo, o parlamento tiña gran marxe de manobra e o goberno efectivo do país acabou por quedar nas súas mans.
Cánovas era un defensor convencido dos beneficios do bipartidismo. Fundou o Partido Liberal Conservador, de tendencia conservadora, pero comprometido co liberalismo. Favoreceu a formación dun partido liberal virado cara a esquerda que aceptase a lexitimidade do sistema político implantado. Con Práxedes Mateo Sagasta, líder do Partido Liberal Fusionista estableceu a quenda política obrigatoria, mediante o Pacto do Pardo en 1881.
Na práctica o sistema canovista baseouse nas fraudes electorais periódicas, apoiadas no caciquismo, que facían posible a alternancia no poder, como medio de disipar tensións. Deste xeito accedeu varias veces ó cargo da presidencia do goberno, sendo o primeiro presidente do consello de ministros de Afonso XII.
Cánovas asumiu funcións de xefe do estado durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena (1885-1902). Decretou inicialmente o sufraxio restrinxido en 1878 e o sufraxio universal masculino non se restableceu ata 1890 baixo o goberno de Sagasta.
O seu goberno desenvolveu unha política colonial baseada na represión dos partidarios dunha Cuba libre. A política levada a cabo contra o nacionalismo cubano acabaría conducindo a España á perda das últimas colonias na guerra hispano-americana contra os Estados Unidos en 1898. Exerceu igualmente unha forte represión contra a disidencia política no interior de España.
Asasinato[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Asasinato de Cánovas del Castillo.
Cánovas morreu asasinado o 8 de agosto de 1897 no balneario de Santa Águeda, en Guipúscoa, polo anarquista italiano Michele Angiolillo, que se inscribira no establecemento como correspondente do xornal Il Popolo. Segundo as súas declaracións ó ser detido, atentara contra el en resposta ás mortes e tortura dos revolucionarios detidos en Barcelona tras o atentado contra a procesión de Corpus en xuño de 1896.
Obra[editar | editar a fonte]
Cánovas del Castillo foi, ademais de político, un activo home de letras. Os seus escritos históricos concedéronlle notable reputación, en especial a súa Historia de la decadencia de España, pola cal foi elixido en 1860, con só 32 anos, membro da Real Academia da Historia. A este honor seguiría a súa incorporación a outras institucións de letras, entre elas, a Real Academia Española en 1867, a Academia de Ciencias Morais e Políticas en 1871 e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1887. Tamén oficiou como director do Ateneo de Madrid (1870-74, 1882-84 e 1888-89).
A súa obra historiográfica mais sobranceira constitúea a Historia General de España (1891-1897) en 18 volumes. Entre as súas publicacións e libros que conteñen textos seus están os seguintes:
- La campana de Huesca: (crónica del siglo XII). Prólogo de Serafín Estébanez Calderón (El Solitario). Colección Austral. 1851.
- Historia de la decadencia de España desde Felipe III hasta Carlos II. 1854.
- Bosquejo histórico de la Casa de Austria en España. 1869.
- Discurso sobre la nación: inauguración del curso del Ateneo de Madrid, novembro de 1882. introdución de Andrés de Blas.
- Estudios del reinado de Felipe IV. Madrid, Imprenta Pérez Dubrull, 2 vols. 1888-1889.
- Criterio histórico con que las distintas personas que en el descubrimiento de América intervinieron han sido después juzgadas: conferencia inaugural de Antonio Cánovas del Castillo, pronunciada el día 11 de febrero de 1891.. Ed. facsímile. Clásicos Biblioteca Nacional. Orixinal: Madrid, Sucesores de Rivadeneyra, 1892-1894.
- Historia General de España. 18 vols. 1897.
- Discursos parlamentarios; estudo preliminar de Diego López Garrido.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Suárez Cortina (1997), pp. 120–125.
- ↑ Comellas 1997, p. 83.
- ↑ Pascual 1999, p. 58.
- ↑ Langa 1990, p. 38.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio Cánovas del Castillo |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Comellas, José Luis (1997). Cánovas Del Castillo. Col. Ariel Historia. Madrid: Ariel. ISBN 9788434465985.
- Fernández de Alarcón, Belén (2016). Vida cotidiana de la mujer en la burguesía en tiempos de Isabel II y finales del XIX. Madrid: Universidad Rey Juan Carlos. ISBN 978-84-9085-694-9.
- Gómez Ochoa, Fidel (1997). "El conservadurismo canovista y los orígenes de la Restauración". En Suárez Cortina,, Manuel (et al.). La Restauración, entre el liberalismo y la democracia, (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. pp. 109–155. ISBN 84-206-2890-5.
- Langa Laorga, María Alicia (1990). España y Portugal en el siglo XIX. Col. Historia del mundo contemporáneo. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-494-X.
- Pascual, Pedro (1999). El compromiso intelectual del político: ministros escritores en la Restauración canovista. Madrid: Ediciones de la Torre. ISBN 84-7960-247-3.
- Suárez Cortina (1997)., Manuel (1997). La Restauración, entre el liberalismo y la democracia (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420628905.
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Presidentes de España
- Historiadores de Historia Moderna
- Nados en Málaga
- Nados en 1828
- Finados en 1897
- Políticos do Partido Conservador (España)
- Ministros de Asuntos Exteriores de España
- Académicos da Real Academia da Historia
- Historiadores de España
- Reinado de Afonso XII
- Deputados no Congreso dos Deputados
- Asasinados
- Finados por arma de fogo
- Ministros de España
- Restauración borbónica en España