UIAFA
Deporte | Fútbol |
---|---|
Nome | Union Internationale Amateur de Football Association |
Abreviatura | UIAFA |
Fundación | 18 de marzo de 1909 |
Lugar | París, ![]() |
Ámbito | mundial |
A Union Internationale Amateur de Football Association (en galego: Unión Internacional Afeccionada de Fútbol Asociación, UIAFA) foi unha asociación internacional de federacións de fútbol nacionais fundada en 1909 co obxectivo de xestionar e desenvolver este deporte no mundo.
Orixinalmente reuniu a federacións francesas, inglesas e bohemias, e encargouse da organización do Gran Torneo Europeo de 1911, unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais, celebrada 49 anos antes da Eurocopa 1960. O devandito campionato tivo lugar durante a Exposición Internacional do Norte de Francia en Roubaix, acadando a vitoria a selección de Bohemia.[1][2][3][4]
Aínda que se expandíu axiña a España, Suíza e Bélxica, a UIAFA foi perdendo influencia pouco a pouco ante o auxe da Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA), cesando a súa actividade en 1912.[5]
Historia[editar | editar a fonte]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/4f/Grand_Tournoi_Europ%C3%A9en_de_football_1911.jpg/220px-Grand_Tournoi_Europ%C3%A9en_de_football_1911.jpg)
En 1907 produciuse un cisma no fútbol inglés cando a Amateur Football Asocciation (AFA) se separou da Football Association (FA) no contexto dun conflito aberto entre o amateurismo e o profesionalismo. A AFA tentou ingresar na FIFA, pero non foi admitida. En solidariedade, a Union des sociétés françaises de sports athlétiques (USFSA), representante de Francia na FIFA, abandonou a organización, sendo substituída polo Comité français interfédéral (CFI).[3][4]
Por outra banda, en Bohemia existía a Český svaz footballový (ČSF; en galego: Federación Checa de Fútbol), que ingresara na FIFA en 1906, pero foi expulsada do organismo internacional o 8 de xuño de 1908 durante o congreso celebrado en Viena, pola oposición da Asociación Austríaca de Fútbol (Österreichischer Fußball-Verband, ÖFV), xa que Bohemia era parte do territorio administrado por Austria dentro do Imperio Austrohúngaro.[2]
Estas tres federacións non asociadas á FIFA fundaron a UIAFA (Union internationale amateur de football association),[6] que ficou definitivamente constituída en París o 18 de marzo de 1909.[7] O príncipe británico Artur de Connaught foi nomeado presidente de honra da organización.[8] O primeiro presidente foi Victor E. Schneider, que fora vicepresidente da FIFA e representaba aos clubs francófonos suízos reticentes a renunciar á disputa de partidos contra os clubs membros da UIAFA. Algúns clubs de segunda categoría de Viena vacilaron con se unir, pero finalmente mantivéronse na ÖFV.[4] No congreso da FIFA celebrado en Budapest en 1909 foi prohibida a celebración de partidos entre os clubs das súas federacións membro e os clubs da UIAFA.[9]
O 15 de outubro de 1909 uniuse á UIAFA a Federación Española de Clubs de Football (FECF), a primeira federación de ámbito estatal fundada en España e antecesora da Real Federación Española de Fútbol fundada en 1913.[10] En febreiro de 1910 ingresou a Fédération Belge des Sports Athlétiques (FBSA), unha federación rebelde belga, e no congreso celebrado en xaneiro de 1911 uniuse á organización unha federación suíza, a Ligue Sportive Suisse (LSS).[11][12][13] Algunhas fontes indican que tamén ingresaron outra da África Oriental Británica e outra de América do Sur nese mesmo congreso.[4] Ese mesmo ano a UIAFA celebrou o Gran Torneo Europeo de 1911 durante a Exposición Internacional do Norte de Francia celebrada en Roubaix, obtendo a vitoria a selección de Bohemia.[1][2][3][4]
Finalmente, o 28 de maio de 1911 solicitou a súa adhesión a Związkiem Footballistów Polskich (ZFP; en galego: Asociación de Futbolistas Polacos), unha federación formada na Galicia austríaca por iniciativa do club polaco Wisła Kraków, que xa pertencía á UIAFA desde decembro de 1910.[14][15] Esta federación íase converter en membro de pleno dereito no seguinte congreso da organización que se levaría a cabo en Praga en 1912.[15][16] Porén, a UIAFA deixou de dar sinais de vida. A USFSA francesa uniuse ao CFI, recoñecido pola FIFA, en decembro dese mesmo ano.[4] En 1913 a FECF española e a súa escisión a RUECF (Real Unión Española de Clubs de Football) loitaron por unirse á FIFA sen éxito, algo que non se conseguiría até a formación da RFEF ese mesmo ano.[10] A Amateur FA inglesa integraríase finalmente na FA en 1914.[4] Pola súa banda, tras a desintegración do Imperio Austrohúngaro e o nacemento de Checoslovaquia, a ČSF converteuse na Federación Checoslovaca de Fútbol (ČSSF; en checo: Československý Svaz Footballový).
Membros[editar | editar a fonte]
Amateur Football Association (AFA)
Český svaz footballový (ČSF)
Union des sociétés françaises de sports athlétiques (USFSA)
Federación Española de Clubs de Football (FECF)
Fédération Belge des Sports Athlétiques (FBSA)
Ligue Sportive Suisse (LSS)
Związkiem Footballistów Polskich (ZFP)
A estas cómpre sumar as federacións respresentativas da África Oriental Británica e de América do Sur, que segundo algunhas fontes foron admitidas como novos membros da UIAFA no congreso de xaneiro de 1911.[4] Durante ese mesmo congreso tamén foi publicada a presenza dunha federación austríaca.[11][12][13]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 "La Semaine Sportive". Dunkerque Sports (en francés) (143). 4 de xuño de 1911. Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Böhmen - der geheime Europameister". Wiener Zeitung (en alemán). 9 de xuño de 2021. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2023. Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Matthieu Delahais (9 de abril de 2020). "Quand Roubaix accueillait le premier championnat d’Europe, en 1911". Chroniques bleues (en francés). Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "Grand Tournoi Européen (Roubaix) 1911". Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (RSSSF) (en inglés). Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ "UIAFA". historiawisly.pl (en polaco). Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ "Una nouvelle Fédération Internationale". Les Jeunes (en francés) (47). 19 de decembro de 1908. p. 1. Consultado o 29 de abril de 2023.
- ↑ "Football association. Aprés le match France-Angleterre (A.F.A.)". L'Auto-Vélo (en francés) (3.077): 5. 20 de marzo de 1909. Consultado o 28 de abril de 2023.
- ↑ "Une nouvelle Fédération Internationale". Le Peuple français (en francés) (78 [Ano XVIII]): 4. 20 de marzo de 1909. Consultado o 28 de abril de 2023.
- ↑ "FIFA: Budapesten született meg a szervezet első jelentős döntése". Nemzeti Sport (en húngaro). 10 de xuño de 2009. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2023. Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ 10,0 10,1 Vicent Masià (Xuño de 2011). "La Federación Española de Fútbol (I)". La Futbolteca. Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ 11,0 11,1 "Dernière heure. Fédérations des sports". La Dépêche de Brest (en francés) (9.256). 5 de xaneiro de 1911. p. 3. Consultado o 28 de abril de 2023.
- ↑ 12,0 12,1 "La vie sportive. Athletisme". Le Journal (en francés) (6.675). 5 de xaneiro de 1911. p. 7. Consultado o 28 de abril de 2023.
- ↑ 13,0 13,1 "Football leaders meet". The New York Herald - European edition - Paris (en inglés) (27.164). 6 de xanero de 1911. p. 3. Consultado o 28 de abril de 2023.
- ↑ "109 lat temu z inicjatywy Wisły powstał pierwszy polski związek piłkarski". wisla.krakow.pl (en polaco). 21 de mayo de 2020. Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2023. Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ 15,0 15,1 "Wisła a Związek Footballistów Polskich". historiawisly.pl (en polaco). Consultado o 27 de abril de 2023.
- ↑ "Football.". Ilustrowany Kurier Codzienny (en polaco) (124). 1 de xuño de 1911. p. 6. Consultado o 27 de abril de 2023.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Alan Tomlinson (2014). FIFA (Fédération Internationale de Football Association): The Men, the Myths and the Money (en inglés). Routledge. p. 15. ISBN 978-0415498319.
- Christian Koller; Fabian Brändle (2010). Fussball zwischen den Kriegen: Europa 1918-1939 (en alemán). LIT Verlag Münster. p. 38. ISBN 9783643900494.