Élitro
Un élitro (do grego ἔλυτρον, elitron, 'vaíña, cuberta')[1][2] é unha á anterior modificada e endurecida de certas ordes de insectos, que son fundamentalmente os coleópteros e algúns hemípteros; non obstante, na maioría dos hemípteros, as ás anteriores son denominadas hemélitros, nas que só a metade basal está engrosada, mentres que o resto é membranoso.
Descrición
[editar | editar a fonte]Os élitros serven principalmente como estoxos que protexen as ás posteriores que están debaixo, que son as que se utilizan para voar. Para voar, un escaravello abre os seus élitros e despois estende as ás posteriores, botándose a voar mantendo os élitros abertos, aínda que algunhas familias de Scarabaeidae e Buprestidae poden voar cos élitros pechados.
Nalgúns grupos, os élitros están fusionados, o que fai que non poidan voar. Algúns dos escaravellos carábidos son un bo exemplo disto.
Outros usos
[editar | editar a fonte]O termo tamén se usa para describir as escamas dalgúns vermes poliquetos, como os Polynoidae.[3] Estas extensións da parede corporal distínguense das quetas, que crecen a partir de folículos e posúen raíces.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Michelle Gleeson (2016). Miniature Lives: Identifying Insects in Your Home and Garden. Csiro Publishing. p. 313. ISBN 9781486301386.
- ↑ Augustus Radcliffe Grote (1909). Canadian Entomologist 41. Entomological Society of Canada.
- ↑ Brusca, R. C.; Brusca, G. J. (1990). Invertebrates.
- ↑ Butterfield, N. J. (2003). "Exceptional Fossil Preservation and the Cambrian Explosion". Integrative and Comparative Biology 43 (1): 166–177. PMID 21680421. doi:10.1093/icb/43.1.166.